Mostrando entradas con la etiqueta visitas educativas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta visitas educativas. Mostrar todas las entradas

9 dic 2016

II Xornadas de bioconstrución en Vigo - Visitas técnicas

O sábado 22 de Outubro, como estupendo complemento ás Xornadas de bioconstrución en Vigo, tiveron lugar as visitas técnicas, que comezaron no mesmo Instituto Politécnico coa explicación por parte de Juan Bello da exposición de materiais de bioconstrución.

Distintos illantes e materiais construtivos a base de materias primas naturais: madeira, corcho, la, fibras vexetais...


Xeso e mostras de minerais que aportan tinturas naturais:


Continuamos no Ecolectivo, onde ademais de mostrarnos diferentes instalacións de bioconstrución como un forno rocket/chileno ou un sistema de saneamento con biofiltros e de explicarnos "in situ" o concepto de permacultura, tivemos a oportunidade de xantar ao aire libre unha deliciosa comida vexetariana.



Moi recomendable a visita a este espazo do Ecolectivo, na parroquia de Sárdoma en Vigo. Un moi bo sabor de boca que de seguro nos levará a compartir de novo actividades con eles e elas.

Rematamos a xornada noutra parroquia de Vigo: a activa Valadares. Alí visitamos o espazo que o Centro Social e Cultural cedeu para a realización dun curso de Bioconstrución. Este curso, financiado pola Xunta de Galicia e dirixido a persoas en risco de exclusión social, foi solicitado especificamente pola propia veciñanza.


E tamén en Valadares estivemos no Alg-a Lab, unha edificación tradicional recuperada como laboratorio de creación artística e destinada a actividades culturais, nun de cuxos locais puidemos observar as distintas fases de construción de tabiques de barro e/ou palla.

6 abr 2015

Clase na Escola de Relacións Laborais

O pasado 5 de marzo estivemos na Escola de Relacións Laborais dando unha charla nunha das clases expositivas da asignatura de Comportamento Organizacional. Alí tratamos temas coma auga, desigualdade no mundo, o xeito no que nos relacionamos, ademáis dunha pequena introducción ao que fai esf. A continuación contaremos máis detidamente o que se fixo.



-Sen que non poderiades vivir?

-A que vos referides, cousas inmateriais, materiais?

-O que vos pareza, o primeiro que se vos pase pola cabeza. A pregunta é moi clara, a resposta, parece que non tanto.

Soaron palabras. Familia, comida, osíxeno... Alguén suxeriu a resposta que nós esperabamos, como un eco de fondo, perdido entre todas aquelas palabras. Isto fainos recordar o afastados que estamos as veces da nosa propia natureza, e o difícil que nos resulta recordar o que verdadeiramente nos fai seres humanos, o que verdadeiramente nos fai seres vivos.

A resposta buscada era Auga, así, con maiúsculas. Poderiamos discutir cousas filosóficas sobre que está primeiro dentro das nosas necesidades pero o feito obxetivo é que unha persoa non pode vivir mais que uns poucos días sen beber e non hai ningún ser vivo que non precise de Auga para sobrevivir.  “Existo, logo bebo”

Explicamos o piar fundamental no que se sustenta toda a filosofía de Enxeñería sen Fronteiras nesta temática. O Dereito Humano á Auga. Así como o DH a Vida é algo que calquera persoa do noso entorno non lle resulta díficil comprender, o Dereito Humano á Auga non parece ser tan intuitivo. Partimos das seguintes premisas:

-Relación biunívoca entre Auga e Vida.
-Dereito Humano a Vida.
-Non posibilidade de mercantilización dun Dereito Humano. A Vida non se pode mercantilizar, estariamos falando de escravitude.

A consclusión lóxica destas premisas é que a Auga debe ser un Dereito Humano e que non pode ser mercantilizado, ó menos non na primeira dimensión que ten que ver coa Vida.


Falamos algo de historia. Dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, pasando polas Cumbres de Rio de Janeiro de 1992, a de Johhanesburgo do ano 2002. Converxemos en Asamblea Xeral, o 28 de Xuño do ano 2010, para facer explicita a declaración do Dereito Humano a Auga. Dí así:

“Recoñece que o Dereito a auga potable e o saneamento é un Dereito Humano esencial para o pleno disfrute da vida e de todos os Dereitos Humanos.”

Fixemos un fugaz percorrido polos distintos modos de xestión o longo da historia para rematar esta parte explicando as ideas recollidas pola Nova Cultura da Auga.

Auga Vida. Relacionada co Dereito Humano. É de interés xeral.

Auga Cidadanía. Relacionada co Dereito Cidadán e a vida digna na sociedade actual. Tamén é de interés xeral.

Auga Economía. Refírese o dereito de empregar a auga con fins produtivos. É de interés lexitimo, pero particular, e non debe estar nunca por encima dos intereses xerais.

Por último explicamos algúns bos hábitos, mais no día a día. Non hai que perder de vista que o cambio empeza por un mesmo, nas pequenas accións cotiáns. Tampouco se trata de levar un manual de instrucións no peto, senón de facer cambios puntuais, pouco a pouco. Se conseguimos iso, xa teremos feito algo.


Tras a exposición de Miño, pasamos a realizar a dinámica dos cubos. Unha actividade que ten como obxetivo comprobar e analizar a desigualdade no reparto dos recursos.
Fixeronse 4 grupos desiguais con un distinto número de materiales. Mandaronselle facer o máximo número de cubos. Os cubos tiñan que ser dun determinado tamaño e tiñan que pasar o control da xueza (Alba). A actividade foi moi ben acollida polo alumnado e a participación foi moi activa.




Cando finalizou o tempo expusemos entre todos as nosas percepcións. Foi unha experiencia moi positiva para todos, e pasamolo moi ben. Juan espuxonos finalmente as conclusións da dinámica. 






A participación foi moi activa e chegaronse a conclusións moi interesantes.


Finalmente Pepe falounos un pouco sobre ESF, quenes somos e que facemos. A experiencia foi moi divertida e participativa; e esperamos repetila o vindeiro curso.



7 feb 2015

Ondas do mar de Lira

Estamos a piques de rematar un ambicioso proxecto de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigos da Terra cofinanciado pola Cooperación Galega, de investigación para o desenvolvemento, centrado na pesca sustentable e nas relacións entre Galicia e América Central. Xa sabedes, remata no papel, mais continúa nas persoas ;-D

Aí fican a xornada Mar de todas mar de ninguén (co seu manifesto), a campaña de consumo responsable de langostino (coa fantabulosa curtametraxe A verdadeira historia de Rodolfo) ou os artigos e estudos cartográficos publicados sobre problemática acuícola e alternativas artesanais.

E queremos lembrar un deses fermosos detalles que nos ensinan que a cooperación será mutua ou non será: a viaxe de tres pescadoras mesoamericanas a finais de 2014. E concretamente quero dar conta dunha das súas actividades en Galiza: a visita á reserva mariña dos Miñarzos, na Costa da Morte, da man da cooperativa O canto da balea...

De esquerda a dereita (con traxe de augas) están Aleyda (Nicaragua), Fátima (Honduras) e Alejandra (El Salvador) xunto coa xente da cooperativa.

Embarcamos sobre o mar de Lira, vixiado polo mítico Monte Pindo, e comparamos as diferentes técnicas de pesca. Esta reserva mariña reclama máis protección por parte das administracións. O Monte Pindo tamén.

Fátima Dalila cóntalles ás redeiras locais como ese traballo, en Honduras, é tradicionalmente un rol do xénero masculino.

O canto da Balea S. Coop. Galega amósanos as instalacións onde, ademais de labores de estudo e comercialización de pesca sustentable, realiza actividades educativas.

Parada turística na fervenza do Ézaro.

Moitas grazas a todas as persoas que cooperastes dalgún modo para plantarmos este proxecto de raíces transatlánticas!