11 jul 2017

Descubrindo San Martiño


Escapada exprés de sábado a domingo. Isto é a nova estratexia do grupo Agro para motivar e facilitar o encontro do seu voluntariado, tan espallado polo territorio, non só galego. Esta vez o lugar elixido foi San Martiño, A Coruña, en concreto o Mosteiro do SXII de San Martiño de Ozón, autoxestionado como albergue por un grupo cosmopolita de peregrinos atrapados polo Camiño de Santiago. Recibiunos Ricardo, un italiano de mans polifacéticas que nos ensinou os rincóns do Mosteiro e nos amenizou con incribles historias sobre este espazo  abandonado durante máis de 50 anos.




De esquerda a dereita, dende arriba a abaixo: Hórreo máis antigo e o quinto máis longo de Galica e tamén o fogar de dous franceses; Ricardo na carpintería do mosteiro; Ricardo mostrándonos un dos espazos que se conservan do SXII (os tellados foron reconstruídos); Ricardo explicando a evolución do Mosteiro no seu exterior (fíxarse no arco semienterrado); espazo común para a realización de actividades varias (antigamente eran as cortes); vista do exterior do Mosteiro; Cruceiro na entrada ao Mosteiro



A reunión de grupo comezou no patio e terminou, pasada a medianoite, despois de compartir unha cea deliciosa na compaña doutros peregrinos chegados dende Europa e EEUU. Antes de durmir, Ricardo sorprendeunos cun espectáculo de lume que nos deixou a todos coa boca aberta.

O domingo dedicámolo a coñecer o roteiro das Caldeiras de Castro, que aínda con algún retraso na saída, conseguimos chegar para poñernos a remollo e comer antes de que se cerrara a chover. 
Algunhas conclusións desta xornada son: o roteiro non está ben sinalizado mais o voluntariado de agro precisa practicar o sentido da orientación; o roteiro é mostra da paisaxe actual de Galicia: o monocultivo, os incendios e o rural abandonado

Despedímonos en Muxía, onde fixemos algo de turisteo antes de espallarnos de novo cara os nosos destinos, xa cos plans feitos para a próxima Agro-xuntanza…