Aí fican a xornada Mar de todas mar de ninguén (co seu manifesto), a campaña de consumo responsable de langostino (coa fantabulosa curtametraxe A verdadeira historia de Rodolfo) ou os artigos e estudos cartográficos publicados sobre problemática acuícola e alternativas artesanais.
E queremos lembrar un deses fermosos detalles que nos ensinan que a cooperación será mutua ou non será: a viaxe de tres pescadoras mesoamericanas a finais de 2014. E concretamente quero dar conta dunha das súas actividades en Galiza: a visita á reserva mariña dos Miñarzos, na Costa da Morte, da man da cooperativa O canto da balea...
De esquerda a dereita (con traxe de augas) están Aleyda (Nicaragua), Fátima (Honduras) e Alejandra (El Salvador) xunto coa xente da cooperativa.
Embarcamos sobre o mar de Lira, vixiado polo mítico Monte Pindo, e comparamos as diferentes técnicas de pesca. Esta reserva mariña reclama máis protección por parte das administracións. O Monte Pindo tamén.
Fátima Dalila cóntalles ás redeiras locais como ese traballo, en Honduras, é tradicionalmente un rol do xénero masculino.
O canto da Balea S. Coop. Galega amósanos as instalacións onde, ademais de labores de estudo e comercialización de pesca sustentable, realiza actividades educativas.
Parada turística na fervenza do Ézaro.
Moitas grazas a todas as persoas que cooperastes dalgún modo para plantarmos este proxecto de raíces transatlánticas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario