1 jun 2008

Cincocentos millóns de rapaces traballan para o primeiro mundo

O tráfico de nenos e a explotación infantil seguen sendo un problema que lonxe de combaterse, parece aumentar nos últimos tempos.

O presidente de Terra de Homes, Raffaele Salinari, alerta do perigo de que o tráfico infantil se multipliqie "por 10", no II Congreso 'Stop ao tráfico de nenos', organizado pola Fundación pola Xustiza e a súa ONG.

Salinari afirma que a explotación laboral de menores interroga a "conciencia" da poboación dos países desenvolvidos, onde é crucial facilitar información sobre os nenos e as nenas inmigrantes.

Respecto dos menores romaneses que delinquen en Europa, o presidente da Federación Internacional Terres des Hommes destaca que "son nenos, non criminais, que buscan un mundo mellor", cuxos dereitos deberían impulsarse desde o seu país de orixe, dando pé á colaboración entre a Europa do Leste e a "nova Europa".

Un problema que se pode combater entre todos
A presidenta de Terres des Hommes no Estado español, María Antonia Jiménez, pola súa banda, tamén resalta a necesidade de "reforzar os convenios internacionais para erradicar o tráfico de nenos", debido a que é "un problema que se pode combater entre todos, coa axuda dos gobernos, os movementos humanitarios e o resto da sociedade".

Ademais, Jiménez asegura que, aínda que o tráfico abunda en países con problemas de fame e analfabetismo, nos países occidentais tamén ocorre con menores inmigrantes non rexistrados, feito que podería evitarse se se aplicasen medidas de protección axeitadas.

Segundo Jiménez, no mundo, o tráfico de nenos e nenas xera uns beneficios equiparábeis ao tráfico de drogas e armas, e que, até, pódense multiplicar, xa que "un arma véndese unha vez e un neno pódese vender até que morre exhausto nun campo de traballo".

Por outra banda, a presidenta de Terra de Homes España, María Antonia Jiménez, lamenta que en Bombai, "máis de 150 nenos morren todos os meses e atópanse sen órganos porque trafican con eles".

Por iso, Jiménez insiste en que se debe erradicar esta secuela, resaltando o labor da súa organización para "concienciar" sobre o traballo dos proxectos que rescatan a estes menores desta lamentable situación e sensibilizan á poboación dos seus países de orixe.




Fonte: Vieiros

No hay comentarios: