Ademais de blogs, listas de correo e charlas/formacións, no día a día de ESF as reunións presenciais de traballo son unha ferramenta clave. O contacto directo co resto dos membros de ESF ou doutras asociacións coas que se está traballando para lograr obxectivos comúns segue sendo esencial para desenvolver a planificación de actividades, o reparto de tarefas, superar todos xuntos os atrancos que van aparecendo, e tamén para simplemente verse as caras e falar de todo un pouco (que para todo hai tempo). Como todas as ferramentas (e tecnoloxías), hai xeitos de usalas ben ou mal. Tres puntiños importantes a ter en conta:
- ANTES: a orde do día estructuradas, con obxectivos predefinidos e aportes de documentación previa que levar leida (se é o caso), e levar unha certa estimación de canto tempo adicar a cada punto, axudan moito a non dispersarse e sair cunha boa sensación de "tempo aproveitado".
- DURANTE: un certo orde nas intervencións e un moderador soe axudar bastante a favorecer un ambiente creativo, pero sen chegar a unha gaiola de grilos.
- DESPOIS: tamén son moi útiles as actas, que poden ser moi breves sempre que recollan os aspectos básicos dos debates que surxan, e sobre todo os acordos-prazos-responsables que xurdan da reunión, renviándoa a quen sexa necesario. Isto facilita que á xente lle sexa máis fácil lembrar as actividades a realizar, e tamén a comunicación aos membros do grupo que non puideran asistir de xeito que non perdan o ritmo, e ao resto dos interesados para favorecer a transparencia e comunicación interna.
Ademais de reunións de varios dos múltiples grupos de traballo que hai en ESF Galicia actualmente, nesta última semana houbo tres reunións que non quero deixar de mencionar aquí:
- O 19 de febreiro foi a primeira reunión da Comisión de Accións no Norte de ESF Galicia, trala aprobación da súa creación por parte da Xunta Directiva de ESF (xa que se trata dunha comisión de dita Xunta Directiva que tratará de coordinar as accións de tódolos grupos de ESF que traballan en Galicia en temas de sensibilización e educación para o desenvolvemento, compartir experiencias e estratexias comúns e definir o programa de accións no norte de ESF para telo como ferramenta que concrete a planificación estratéxica neste eido, e facilite ademais a participación doutras institucións e financiadores no mesmo). Estará coordinada pola persoa que ocupe a vogalía de educación para o desenvolvemento na xunta directiva, así como por un representante de cada grupo de sensibilización e educación para o desenvolvemento de ESF.
- O 21 de febreiro foi a reunión da Comisión do Programa de Coñecemento da Realidade de ESF Galicia, que se reune 3-4 veces ao ano e fai o seguemento a este importante programa de ESF, que ten compoñentes transversais de toda a asociación, xa que incorpora elementos de voluntariado, educación para o desenvolvemento, sensibilización e mesmo programas internacionais de cooperación. Está formada polas persoas que ocupen no momento as vogalías de Educación para o Desenvolvemento e Voluntariado, así como un membro de cada grupo de traballo de ESF que quera participar no programa ofertando prazas (agora mesmo, os grupos de Agua-Honduras, Desenvolvemento Agropecuario, e Enerxías). Esta reunión foi para preparar a inminente saída da convocatoria das prazas para participar neste programa no 2010.
- Por último, o 26 de febreiro, houbo unha reunión "externa", onde ESF e outras ONGD reuníanse na Comisión de Incidencia da Coordinadora Galega de ONGD. É a primeira reunión desta comisión onde ESF participaba tras solicitar a admisión na mesma (tamén forma parte de Comisión de EpD xa hai máis dun ano), e o traballo "estrella" que agrupa ás distintas ONGD que a integran agora mesmo e o promover a firma do necesario Pacto Galego contra a Pobreza. Estas comisións da coordinadora son grandes esforzos de traballo en rede na busca de promover os valores comúns que comparten as distintas ONGD e as súas bases sociais, e loitar contra esa imaxe de "compartimentación" e falta de sinerxias que tradicionalmente proxectaban estas organizacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario