21 dic. 2011

Autocensura e a erótica do aplauso

Debe ser algo instantáneo, froito do segundo no que o micrófono se pousa nas nosas mans e debemos falar cara un auditorio formado por milleiros de persoas. Nese mesmo intre debe empezar a autocensura oratoria, que obriga a xerar discursos febles e baleiros co fin de regalarnos ao revigorizante son dos aplausos.

Debe ser isto o lle pasou ao presidente da Plataforma Estatal do Voluntariado no seu discurso de clausura do XIV Congreso Estatal de Voluntariado que se celebrou en A Coruña os pasados días 29 e 30 de novembro e o día 1 de decembro. Entre os ilustrísimos asistentes atopábanse os Príncipes de Asturias (nun momento de escándalo maiúsculo na Casa Real), e o presidente da Xunta de Galicia (nun momento de variacións na Tarxeta Sanitaria que ía a afectar moi negativamente ás persoas sen recursos). Tanto Alberto Núñez Feijoo coma o príncipe Felipe pronunciaron cadanseu discurso, tan insulsos como adoita ser habitual pero cargados de intención, polo menos no caso do presidente, ao enunciar sentencias do tipo “Hai unha sociedade que detecta unhas necesidades e se pon en marcha, sen esperar a que a administración resolva todos os problemas. Grazas a ese dinamismo, o sempre limitado Estado do Benestar, pode acercarse a unha Sociedade do Benestar que só é posible co compromiso solidario”.

O discurso do presidente da Plataforma Estatal do Voluntariado (única voz pertencente ao sector autorizada para falar nese encontro, xa que nin as persoas premiadas nos “Premios Estatais de Voluntariado” nin o público asistente tiveron ocasión de pronunciarse) quedouse, dende o meu punto de vista, en inconcretas intencións. Foi vencido pola erótica do aplauso e por unha censura que eu entendín como autoimposta (é o noso Congreso, son os nosos premios, estamos na casa nun evento que é noso, non debiamos permitir censuras externas). No medio de axustadísimos axustes que van repercutir en primeiro lugar aos colectivos en risco de exclusión (público ao que se deben as entidades de acción voluntaria), facer un discurso politicamente correcto pareceume a máis dura das afrontas cara ese público. Como non se lle botou en cara a Feijoo a súa política sanitaria? Como non se lles deixou claro ás persoas representantes da vida política alí presentes que o labor voluntario que se está a levar hoxe en día no Estado español non é motivo de orgullo político senón de auténtica vergonza? Estaba nun espazo privilexiado, cun palco de prensa cheo, falándolle á cara a dirixentes, persoas con voz e cun voto político real e vinculante, que non se sentiron incómodas nin un só segundo. Merecían remexerse na butaca. Merecían mirar cara outro lado ou poñer cara de circunstancias, como o alcalde de Barcelona de CIU, cando lle entregou a medalla de honra da cidade a María Ruiz Martos.

Faltou discurso crítico, un posicionamento claro do voluntariado que, se ben é certo que se trata dun concepto no que se integran moitísimas prácticas distintas, debe existir un pronunciamento común que defenda que o voluntariado non debe suplir nunca ao traballo político de dotación de servizos básicos de carácter universal.

Non imos polo bo camiño. Aquí está a temida noticia: O alcalde de Manzanares despide aos seus traballadores e traballadoras sociais e propón o traballo voluntario para soster os servicios sociais.

Sen ánimo de seguir dando a miña repetitiva opinión con respecto a este tema; a cantas persoas máis lles gustaría que o alcalde renunciase ao seu cargo e o levase a cabo de xeito voluntario como compromiso adquirido coa súa municipalidade? Ironías a parte, se ten a suficiente valentía como para propoñer esa medida, que menos que dar exemplo.

3 comentarios:

Sergio dijo...

A manipulación chegou tamén ao voluntariado para reforzar o lado utilitarista... Lástima non ter empregado este foro para reivindicar o voluntariado crítico e transformador.

alicia dijo...

No momento no que estamos non é lástima e un auténtico insulto. Eu a verdade é que quedei bastante alucinada. Xa sabía que todos tiñamos unha visión moi distinta do que entendemos por voluntariado. Pero parecíame que todos estamos de acordo en que non debe suplir as funcións dese "limitado" Estado de Benestar que di Feijoo. Espero que o alcalde de Manzanares non lle esté a dar ideas a máis de un...

Chelo dijo...

Me he quedado con los ojos como platos al leer la noticia! Y los comentarios de la clausura del congreso... Gracias por estar allí y contarlo Alicia... las reivindicaciones continúan, está claro que hacen falta!!