5 jul 2012

Proxecto Ríos. Campaña de primavera 2012

Campaña de primavera, campaña de outono, e volta a comezar... E así imos para 8 anos amadriñando un anaco do Tambre, pois ESF foi unha pioneira na custodia fluvial galega desde que en 2005 se embarcara da man de ADEGA no Proxecto Ríos.
Velaí as están, enxergando o que os romanos deran en chamar 'flumen Tamaris'

No maio pasado alá nos xuntamos na Ponte Alvar unha ducia de amantes (da natureza). No contexto da enchente debida ás continuas precipitacións de abril, o acceso á beira do río foi anormalmente difícil. Comezamos o percorrido a contracorrente para non contaminar as mostras posteriores e non tardamos en ver novidades con respecto a outros anos, como unha serpe que identificamos como 'cobra sapeira' á espera de confirmación:
 
Tíralle unha foto antes que fuxa!

Malia o tempo, non faltaron as tradicionais discusións lámina en man sobre a denominación dos achádegos que, segundo a súa presenza ou non, indican a calidade das augas (especialmente plantas acuáticas e macroinvertebrados). Desta volta incluso aprendimos nomes en alemán grazas ao erasmus Falk.
 
 Leptoceridae ou Limnephilidae? Polo menos estamos de acordo en que é un tricóptero
  
A parte da turbidez ocasional, os datos relativos a caudal, substratos ou ph non presentaron anomalías e o estado do noso treito pode considerarse bo unha primavera máis (viva!). Iso si, seis meses despois, volvemos encher unha bolsa co lixo recollido. Finalmente retirámonos a un merendeiro para xantar amigabelmente e só perdemos catro persoas polo camiño.
Cacaforra cincenta (Amanita pantherina)... ide pola empanada de bacallau que isto non se come

P.S.: ven de poñerse en funcionamento un xeovisor para consultar na rede o estado de todos os treitos do Proxecto Ríos, e onde o código do noso é _257.


3 comentarios:

Carminha dijo...

Encántame!! ;)

Sergio dijo...

Boa crónica!! Parecíame andar por alí entre os tricópteros :DDD

Patricia Iglesias dijo...

Encantanme as túas crónicas, superinstructivas! :-) Gracias Rojé