Con 'ESF' referímonos neste caso a Enxeñería Sen Fronteiras (Galicia) e a Enginyeria Sense Fronteres (Catalunya). E a 'Plataforma pola Defensa de Corcoesto' pode dicirse que tamén defende Cereo, Valenza, a Costa da Morte e todas as aldeas do mundo... e a auga, e polo tanto a vida.
Onte, nunha das mañás de domingo máis ventosas que recordamos, un vendaval axitaba as nosas cabeciñas por dentro e por fóra. O "Sur" tal e como o coñecemos estaba aquí, reproducindo ese proceso que xa temos visto en Honduras ou Perú: chega unha multinacional, obtén o beneplácito do goberno, extorsiona a poboación local... e o que segue é o que se quere evitar, a substitución dun territorio sustentábel por unha inmensa fochanca que supura arsénico.
Antecedentes
Edgewater Exploration, empresa transnacional de bandeira de conveniencia canadense, faise con varias concesións mineiras na Galiza e en Ghana. Para comezar tramita o Corcoesto Gold Project que abrangue varias parroquias da comarca de Bergantiños e consiste nunha macroexplotación aurífera a ceo aberto con sistema de lixiviación por cianuro. Por citar algúns datos: 774 ha de extensión a profundidades por debaixo do nivel do mar, 2 km de diámetro, 1 millón de litros de consumo de auga ao día, tonelada e media de cianuro de sodio transportado ao día, 100.000 tn de residuos contaminados que ficarán nun encoro, etc.
Desde o primeiro momento, malia as informacións contraditorias da empresa con respecto a promesas de traballo, chama a atención o apoio total ao proxecto por parte da Dirección Xeral de Industria e do Concello de Cabana.
A situación, hoxe
Ante a estupefacción dos colectivos veciñais e ambientalistas que observan o proceso, ven de coñecerse a Declaración de Impacto Ambiental da Consellaría de Infraestruturas/Medio Ambiente, que practicamente asume o Estudo de Impacto Ambiental da empresa co visto e prace de Augas de Galicia e obvia as alegacións presentadas omitindo cuestións como a ausencia dun estudo de impacto socioeconómico (existen explotacións gandeiras e forestais na zona). Ademais facíase público estes días un informe científico do CSIC onde se valora que a reapertura da mina proxectada vai agravar a actual contaminación por arsénico das augas do río Anllóns, afectando a través dos sedimentos o seu esteiro marisqueiro até niveis inaceptables para a saúde humana.
Todo isto derivou na convocatoria desta reunión da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. Aquí coñecemos máis datos técnicos e testimonios de intimidacións para venderen os terreos por debaixo do seu valor real. Aquí animamos a xente a informarse, empoderarse, unirse. Aquí nos comprometemos a colaborar nunha loita desigual e duradeira.
É urxente
Impedir que a Xunta declare o proxecto como 'estratéxico' co que se axilizarían aínda máis os trámites a favor da empresa. Un parlamentario do PP recoñeceu nunha entrevista recente que esa é a intención do goberno. A Plataforma baralla levar a cabo accións legais, divulgativas e mobilizadoras nas parroquias directamente afectadas así como concienciar a xente doutros lugares.
Actuemos, para que non se reproduza en ningún lugar do mundo un atentado ambiental como o que por exemplo está a acontecer en Honduras cun proxecto semellante, e que prime o sentidiño: a auga é máis importante que o ouro!
2 comentarios:
Muchas gracias por vuestro apoyo y colaboración!
Qué vergüenza, qué vergüenza! =S Gracias por mantenernos informad@s! :)
Publicar un comentario