4 dic. 2012

(Re)Definindo Tecnoloxía Apropiada

Hoxe sae á luz no noso blog o primeiro dunha serie de artigos relacionados ca TpDH. Estes artigos enmárcanse dentro do proxecto de Educación para o Desenvolvemento que conta co apoio de Cooperación Galega. Para abrir boca Ton Ríos defíne tecnoloxía apropiada.

Tecnoloxía, unha palabra común aparentemente chea de significado e frecuentemente usada (alta tecnoloxía, país avanzado tecnoloxicamente, esta tecnoloxía quedou obsoleta…) Pero dende o miña opinión é unha palabra baleira, sen un significado claro e preciso se carecemos de máis información.

Toda tecnoloxía é empregada nun lugar, nun momento, cun obxectivo, nunha determinada sociedade… en función do uso que se lle dea a esa tecnoloxía, esta convértese en apropiada ou non. Para usar de maneira eficiente unha tecnoloxía, debe ter un obxectivo claro, ben definido, nunca debemos usala polo simple feito de que existe. Debe favorecer a todo a sociedade na cal se use, non discriminar ou prexudicar directa ou indirectamente aos colectivos máis débiles. Se pretendemos non depender da mesma (o cal sería un motivo de gran prexuízo para o beneficiario), debe ser reparable nesa sociedade.

Do mesmo xeito, debemos comprender que unha tecnoloxía non é unha máquina moderna, compacta e ultimamente táctil. Unha tecnoloxía é un conxunto de coñecementos, unha forma de pensar, de solucionar as dificultades que se nos presentan. Por exemplo, situar unha casa de costas ao norte, un tornarratos nun hórreo, meter os animais na planta baixa das casas antigas para que a quentasen, educar os nenos para que laven as mans antes de comer para previr enfermidades, o uso de enerxías renovables, unha conexión de internet vía satélite nunha aldea sen conexión telefónica convencional... O importante é descubrir que toda tecnoloxía pode ser apropiada ou non en función dos factores exteriores, que non dependen da mesma, pero que si a condicionan na súa utilización como mecanismo de resolver problemas sen crear outros novos.

Unha pregunta que debemos facernos é se as tecnoloxías poden ser apropiadas ou non en función doutras tecnoloxías relacionadas con elas. A resposta é que si. Igual que un bo sistema de transportes debe contar cunha boa conexión entre as distintas tecnoloxías que interveñen nel (tren, bus, avión, bicicleta) para favorecer o seu uso. Unha bomba de pozo necesita dunha fonte de enerxía fiable que subministre a enerxía necesaria nos momentos nos que se pretenda usala (fiabilidade).

Trasladando todos estes conceptos ao mundo da cooperación é preciso ter moita máis precaución. É un factor común de tódolos proxectos de cooperación, que os beneficiarios directos dos mesmos sintan estes como propios, para iso deben participar na elaboración dos mesmos dende un principio, eles coñecen o problema e son os que deben elixir a solución. Para iso contan coa nosa axuda, e nos coa deles, xa que na maioría dos casos, ámbalas dúas partes vense beneficiadas. Neste proceso solucionador é bastante doado facer un paralelismo entre os problemas e as solucións, todos temos moito que aprender. Por estes motivos debemos ter coidado, non pretender implantar un determinado tipo de tecnoloxía (como se facía no pasado) polo simple feito de usala e demostrar que funciona, iso é un erro. Algo tan doado de entender como segue sendo, mesmo agora, un dos principais erros nos proxectos de cooperación, xa que a comunidade supostamente beneficiaria padece un ou varios dos seguintes problemas; non sentir o proxecto como algo propio, carecer de recursos e coñecemento para reparar esa tecnoloxía, depender do exterior, tentativa de solucionar problemas secundarios antes dos prioritarios...

Temos nos países chamados habitualmente desenvolvidos, unha gran lista de tecnoloxías inapropiadas: xeración de residuos, sistemas de transportes, reparación de electrodomésticos avariados, obsolescencia de “tecnoloxías” nun período demasiado curto de tempo, eficiencia enerxética en xeral...

Polo tanto, pódese dicir que unha tecnoloxía apropiada é moito máis que unha máquina, é un xeito de pensar, é unha boa educación, é pensar e analizar un problemas antes de buscar unha solución. Un satélite (altamente tecnolóxico) utilizado para fins bélicos non parece a aplicación máis adoitada se pensamos nun futuro mellor e nun mundo sostible, sen embargo ese mesmo instrumento utilizado para calcular a densidade do placton nos océanos e cos datos obtidos realizar un estudio da cota máxima de pesca nunha zona, si parece máis axeitado.

Un banco que ten por único obxectivo gañar cartos o mais axiña posible sen importar os medios utilizados, non parece ser moi ético (a tecnoloxía adecuada cumpre sempre uns principios éticos), ese mesmo banco dando micro-créditos que favorezan a creación de novos negocios na zona, si que o é, e non por iso ten que gañar menos a longo prazo.

Análise de datos, obxectivos claros, aprender de erros, eficiencia, reparabilidade... son as características fundamentais dunha tecnoloxía apropiada, pero sobre todo, o máis importante é o sentido común, sen el, non hai definición que valla.

Ton Ríos Ucha

1 comentario:

Chelo dijo...

Me ha gustado mucho! :) Voy a traducirlo y a hacer un poco de formación interna en el grupito de ESF de Alemania :) Gracias Ton!

Una pregunta: ¿por qué dices que la reparación de electrodomésticos averiados es una tecnología inapropiada?