12 abr. 2014

Nórdica de Abril

Vista panorámica dende o albergue
E aquí temos a crónica máis esperada de todas: A da Nórdica!! Para esta vez, tivemos a inmensa sorte de contar coas compas de ISF Asturias, e ademais, o encontro tivo lugar nun lugar excepcional: no albergue 7 Feet Surfcamp, en Baldaio. Estamos moi agradecidos co persoal do albergue polo prezo que nos fixo e a súa dispoñibilidade. O sitio estaba xunto a unha enorme praia que fixo dicir a algunha das asturianas: ''Eu quero vir vivir a Galicia''. E razón non lle falta!

Din que por Abril, augas mil. E chuvia non caeu moita, pero cargos, choveron para todos. E é que esta Nórdica estivo marcada polo prato forte da renovación de cargos da Xunta Directiva galega (en adiante, XD, e non é porque me faga gracia). Concretamente, a Pablo Sanxiao caeulle un posto de tesorería, a min (non me librei) o de vogal de comunicación (estarei facendo posts dous anos máis polo menos!!), a Dani Vila o de Vigo, nada máis e nada menos que o de vicepresi, e atención, porque o de presi o ocupa nada máis e nada menos que.. Marta Sara Santidrián!! Será un pracer estar ás súas ordes. Esta transición, que se fixo de maneira democrática e baseada no consenso (a que me lembra isto? Ah, é que na alta política gústalles imitar o estilo de ESF), non estivo exenta de alabanzas e felicitacións á XD saínte: Carmiña Bacariza, Fran Puga, Adri Castro e Sandra García.

Persoalmente (necesariamente o que fora a dicir eu ía ser persoal), as da XD saínte foron persoas que me marcaron, dende Carmiña, que foi a principal culpable de que eu entrara en ESF hai xa case tres anos, pasando por Sandra, que misteriosamente puido con todo o que se lle presentou e me deixou alucinado coa súa capacidade de xestionar mil cousas ao mesmo tempo, cousas estresantes, urxentes, emocionantes e de todo tipo, sen despeinarse e sen perder esa sonrisa que ten; e ata Adri Castro, que dende que fun con el á Cósmica ensinoume un montón sobre ESF, deume unha enorme dose de motivación e foi un dos mellores compañeiros de sede que se pode ter. A Fran Puga apenas o coñezo, pero seguro que tamén é un crack, senón non estaría en ESF.

Panorámica do sitio onde facíamos as actividades
Pero pasaron moitas máis cousas nesta electrizante e estupendisima nórdica!! O venres pola tarde tivemos un obradoiro de novas masculinidades, que consistiu en explicarlle a dous extraterrestres as diferenzas entre homes e mulleres. O único que se sacou en claro é que para realizar tal distinción soamente compensa recurrir a unha suposta proba final. Logo estivemos unha hora discutindo que se os xens, as hormonas, a cultura, o ambiente, que se vítimas, que se partícipes... Unha toleada, pero o importante é que todos reflexionamos un pouco e saímos de aí queréndonos un pouco máis, o cal é todo un logro, tendo en conta que con estes temas a miúdo sae a nosa bestia interior. Pero é que, en fin, as palabras as leva o vento, como dixo Eva.

E logo, tras gritar todos un pouco, sacando e exhumando todos os nosos males, tocou vertebración, ou espazos informais dedicados ao fortalecemento da dimensión relacional da nosa benquerida asociación.

Andrea fixo toda unha demostración de oratoria
O sábado pola mañá, voluntarios da sede de Vigo como Andrea e Andrés nos contaron que é a Electrónica Ética, para que todo o mundo acabara de enterarse que é iso con ese nome tan raro. Andrea fixo unha súper-ponencia e logo unha dinámica na que todos adoptabamos os roles de empresas, consumidores, ONGs, gobernos, traballadores das minas e xente dos países onde están as minas. Axudou a todos a ver como, mentres as empresas, gobernos e ONGs discuten sen resultado ningún, os consumidores seguen querendo o máis bó, bonito e barato, e mentres os habitantes do Sur están felices, porque ao fin e ao cabo, tampouco morren tantos nas minas e o que gañan case lles chega para comer (ton irónico).

A xente estaba toda contenta coa dinámica do semáforo
Despois, Andrés Estévez fixo a dinámica do semáforo, moi celebrada por todos, ainda que non entendo porque. Consistía en que todos se colocaban máis á un lado ou ao outro, ou no medio, segundo as súas respostas a preguntas que se plantexaban eran afirmativas ou negativas. Serviu, máis que nada, para plantexar multitude de interrogantes nas nosas diminutas cabezas.

O sábado pola tarde foi cando tivo lugar a asamblea na que se renovaron cargos, se falaron de problemas sen solución, problemas federais, novos horizontes e algún que outro bombazo, do que a nova XD terá que encargarse. Total, 5 horas con cara de circunstancias. Despois, tras unha riquísima cea, fíxose unha dinámica para dar a coñecer o que cada grupo de sede estaba levando a cabo en Galicia. E, finalmente, chegeu de novo a vertebración, pero esta vez con música en directo, da man do presi honorífico (Pepe) e da nova presi (Marta Sara), e tamén da man de Isabel. Tiñamos tres estupendos músicos en ESF e nós sen sabelo. A xente de Asturias (Rocío, Haydee, Nacho, Raquel, Marcos e Lucía -espero non olvidar a ninguén!!) mezclouse un pouco e todos intercambiamos experiencias e tratamos de arreglar o mundo. Xente moi simpatica, si señor. A nosa asistencia ao Orballu -xuntanza en versión asturiana- será obligada, e por suposto, esperada con ansia.

Socialización no espazo chillout
A vertebración prolongouse indefinidamente ata que o sol saiu de novo, os poucos que durmiron despertaron e Ali nos contou o proxecto de transversalizar a Educación para o Desenvolvemento na Universidade. Debatimos un pouco, cómodamente asentados nos sofás dunha das zonas chillout (que en inglés significa, como o seu nome indica, chillidos fóra, é dicir, zona de estar tranquilos) do albergue. E, xa por último, Saúl, da sede de A Coruña, contounos a súa experiencia no PCR Redes: un conxunto de experiencias relacionadas coa auga en Zaragoza e Madrid, participación no 22-M incluída.

En definitiva, unha estupenda experiencia, cargapilas (como di Inés), vertebradora das relacións con Asturias, renovadora (tamén literalmente), motivadora... Quixera destacar o importante que foi que viñeran novas persoas voluntarias, tanto de Galicia como Asturias, xa que para os que xa coñecemos este tipo de eventos ESFeiros/ISFeros, xa sabemos o que é estar en ESF, pero para as novas persoas que se van incorporando, asistir a estes eventos é comprender dunha vez o que significa, e xa non querer saír máis. O digo por experiencia! Así pois, esperaremos impacientes a chegada do Orballu, pero coas novas caras da Xunta Directiva, que esperamos estean á altura das da anterior e sirvan de luceiro nestes momentos de escuridade. Ata a próxima!






3 comentarios:

sergio dijo...

Xenial a crónica!!

Roberto Roget dijo...

Fantástica a Xuntanza e fantástica a crónica :)

Chelo dijo...

aay echo de menos las xuntanzas!