A
fin de semana do 24 ao 26 de outubro de 2014 tivo lugar na fermosa vila de
Mondoñedo
(rodeada dun entorno natural que lle fai competencia á beleza da
propia vila), o IX
Foro por un Mundo Rural Vivo. Este Foro, que
vén organizando cada ano a Plataforma
Rural, estáse a afianzar como un espazo de
encontro a nivel do Estado español de todas aquelas persoas e
movementos sociais que traballan e impulsan, co seu xeito de vivir e
organizarse, a creación de Alianzas por un Medio Rural Vivo.
Dúas
voluntarias de ESF participamos nas actividades do Foro, polo noso
interese persoal e/ou profesional, pero tivemos a oportunidade de
coñecer experiencias de gran relevancia en canto ao que significa
poñer en práctica, na realidade galega e española, iniciativas que
loitan por unha verdadeira SOBERANÍA ALIMENTARIA. Descubrimos que
outras ISFs andan tamén inmersas nas actividades da Plataforma
Rural, como son os compañeiros de Andalucía e de Valencia; estes
últimos traendo tamén as voces do Sur, do Movimiento
Nacional Campesino Indígena da
Arxentina, co que teñen unha gran vinculación a través dos seus
Programas de Cooperación, e como colaboradores permanentes da máis
que recomendable revista Soberanía
Alimentaria, Biodiversidad y Culturas,
ao igual que a propia Plataforma Rural. La
Vía Campesina, o movemento que globaliza a
loita labrega a nivel internacional, tamén estivo presente neste
Foro, pois a Plataforma Rural é sen dúbida artelladora do seu
discurso. Así pois, tras haber participado nun entorno de traballo
que xiraba en torno a ese gran concepto da Soberanía Alimentaria, co
que diariamente comungamos no grupo de traballo de Desenvolvemento
Rural de ESF, crin necesario dar a coñecer as actividades desa fin
de semana a toda a Asociación e demais persoas que nos seguen.
A problemática
particular á que se enfrontan as mulleres no momento de apostar pola
vida no rural foi un dos eixos arredor do cal xirou o debate nesta
edición do Foro. Por iso o venres tivemos a oportunidade de coñecer
a experiencia de catro mulleres labregas que están a aportar un
“plus” de loita nas súas respectivas comunidades; todas elas
coincidían en admitir que lles falta tempo material para atender a
súa vida persoal, familiar, labrega e, por riba de todo iso,
militante e activista campesiña, pero que aínda así, paga a pena,
e por iso todas elas son un valioso referente.
Experiencia mulleres o venres |
Raquel Ramírez, de
Nalda (La Rioja), pertence a dúas organizacións sociais do seu
municipio: Panal,
Asociación que naceu para combater as ameazas que as prospeccións
de gas na comarca supuñan para o Patrimonio Cultural e que, entre
outros proxectos, está
recuperando os usos forestais do monte para emprego, goce e
aprendizaxe da propia veciñanza, como unha maneira de reapropiarse
do patrimonio histórico-natural que lles pertence, e El
Colletero, unha Asociación para a recuperación de espazos
cultivables cos principios da produción ecolóxica e a economía
solidaria, en coordinación con un club de consumo. El Colletero
pode gabarse de crear emprego na comarca, traballa en alianza coa
comunidade de regantes e coas cooperativas da zona e, polo lado do
consumo, coa Residencia de Anciáns e a ANPA da Escola, coa que tamén
realizan actividades de aprendizaxe.
Encóntrolle un
especial significado histórico á experiencia de Ángeles Ramón, da
comarca zaragozana de Cinco Villas, pois ela criouse nun pobo
de colonización e, tras ligarse tamén desde os seus inicios ao
primeiro sindicato campesiño independente de España, a UAGA,
protagonista das chamadas “guerra del pimiento” e “guerra
del maíz” nos anos 70 (conflitos causados en anos de elevadas
colleitas, que os intermediarios aproveitaron para pagar aos
agricultores e ás agricultoras uns prezos moi por debaixo dos custes
de produción, desembocando en tractoradas masivas), hoxe continúa a
ser unha agricultora que vive do seu traballo, e tamén militante
feminista e sindical, nunha comarca onde, defende, se está creando
unha gran diversidade de producións, incluíndo elaboracións
artesanais, que permiten a autosuficiencia. Ángeles fixo tamén
fincapé na importancia do consumo responsable, empregando un
interesante termo: a Agricultura de Responsabilidade Compartida.
Josefa Martín,
orixinaria de San Esteban de La Sierra (Salamanca), relatou as súas
vivencias como colaboradora activa da Asociación
Salmantina de Agricultura de Montaña que, entre outras
iniciativas, xestiona un banco de hortas para poñer a disposición
de novos/as agricultores/as terras que cultivar, cedidas por
propietarios/as que non poden traballalas, e que recuperan a
satisfacción de velas producir de novo. Unha solución ben positiva
para o problema de acceso á terra, que semella que é bastante común
entre as persoas que desexan iniciarse na actividade agraria.
Por último, coñecemos
a experiencia de Henar Román, granxeira de Labrada (Abadín, Lugo),
que impulsou a creación dunha Cooperativa gandeira na súa
parroquia, para buscar solucións aos abusos aos que se vían
sometidas por parte da industria leiteira. Hoxe, co triplo de persoas
socias que nos seus inicios, teñen tamén asociadas con explotacións
de vacún de carne, e venden directamente a consumidores/as. Ademais,
coñecemos a historia do Monte Veciñal en Man Común de Labrada,
historia de esforzo, loitas e negociacións para tratar de facer
valer os dereitos das comuneiras e os comuneiros sobre a propiedade e
a toma de decisións nos usos deste monte emprazado na serra do
Xistral. Henar relatounos ademais simpáticas anécdotas sobre un
estudante (creo recordar que alemán) que chegou a Abadín coa
intención de investigar as explotacións galegas de produción de
leite de vacún para a súa tese, e que rematou converténdose nun
membro máis da familia.
Xa
na xornada do sábado, gozamos cunha sorprendente intervención
preparada polos mozos e mozas que participaron na organización do
Foro, e que vos recomendo ver neste
vídeo (1 hora de duración, en clave de humor).
Teatro sábado pola mañá |
Da man de Inmaculada
Idáñez continuamos a afondar na problemática específica da muller
labrega. Falounos da súa situación en Andalucía, onde, non sen
esforzo, está a lograrse a súa paulatina introdución en espazos
onde habitualmente non participaba, como as comunidades de regantes
e, sobre todo, no que se refire á titularidade das terras, que lles
permite ser beneficiarias das axudas da PAC ou cotizar para acceder a
pensións contributivas, recoñecendo así xurídica e economicamente
o seu invisible papel no mundo agrario. Desde a Confederación
de Mujeres Rurales (CERES), a Organización que Inmaculada
preside, estase a loitar por unha Lei de Titularidade compartida nas
explotacións agrarias que sexa realmente efectiva pois, a causa de
-segundo sinalan- falta de recursos humanos e económicos para a súa
implementación a nivel autonómico, esta Lei é considerada un
fracaso do Ministerio xa que, tras dous anos en vigor, estímase que
só 52 mulleres se rexistraron como co-titulares de explotacións
agrarias.
Outra Lei
desgraciadamente protagonista nos debates do Foro foi a “Ley de
Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local”,
coñecida como “Lei Montoro”, que baixo tal eufemístico nome
agocha a disolución de todas aquelas entidades de ámbito inferior
ao municipal que, a 31 de decembro de 2014, non tivesen presentado as
súas contas. En Castela-León, Comunidade onde, de maneira similar
aos Montes Veciñais en Man Común de Galicia e o norte de Portugal,
as Juntas Vecinales (existen un total de 1230 soamente na
provincia de León) constitúen tradicionalmente unha moi particular
forma de tenencia e xestión dos bens comúns no medio rural, están
especialmente sensibilizados con este problema. A Plataforma
para la Defensa de las Juntas Vecinales de Omaña aglutina ás
Xuntas Veciñais desta comarca leonesa, que permanecen en loita por
defender o seu estatus e facer valer as súas capacidades,
participativas e democráticas, para xestionar o patrimonio comunal.
Na tarde do sábado presentáronnos este vídeo
documental que vos convido a visualizar e difundir. A “Lei
Montoro” recibiu ata o de agora 10 recursos de
inconstitucionalidade no TC.
Por Isabel Somoza Alonso
Enlaces relacionados
Por Isabel Somoza Alonso
Enlaces relacionados
No hay comentarios:
Publicar un comentario