29 oct 2015

“Agricultura Sostenible y Cooperación al Desarrollo”. 15 de outubro, Madrid. Impresións.


A nosa compañeira Almudena estivo en Madrid para participar nesta xornada e nos comparte aquí as súas impresións

-----------------------------------------------------
O 16 de outubro celebrouse o día “mundial” da alimentación. Este día non creo que o celebrasen as afectadas por este dato: unha de cada nove persoas pasan fame no planeta. Así se confirmou nas xornadas celebradas na sede de Madrid da AECID o pasado 15 de outubro: “Agricultura Sostenible y Cooperación al Desarrollo”. Estas xornadas foron organizadas pola AECID e pola FAO, e nela participaron entidades como o MAGRAMA, a UPM, a UAL, a ANIA, o CERAI, a FIAES, Cáritas VSF Justicia Alimentaria Global. As xornadas mostraron datos relevantes como que en agosto deste ano a humanidade entrou por primeira vez na historia en débeda co planeta. Esta terminoloxía propia do mercado coincide coa que se utilizou para xustificar que a agricultura ecolóxica (a certificada) será a agricultura do futuro: as grandes distribuidoras prevén que en 15 anos a demanda de produtos ecolóxicos superará o 50%. Isto é así porque o mercado, é dicir, os consumidores decidimos o sistema de produción dos alimentos que comemos. Semella que o consumidor medio é cada vez máis sensible aos problemas ambientais derivados da produción de alimentos. O reto, por tanto, seica é conseguir un sistema de produción máis eficiente, unha agricultura tamén chamada climaticamente sostible. No contexto da cooperación ao desenvolvemento, unha das dificultades que se identificou para superar este reto foi o feito de que os resultados esperados da agricultura ecolóxica (a certificada) son a longo prazo e os da cooperación son a curto prazo. Para superar esta dificultade e garantir a seguridade alimentaria do planeta espérase que os enxeñeiros agrónomos sexamos capaces de deseñar boas prácticas agrícolas, é dicir, eficientes económica, ambiental e socialmente.

Empecei a suar en frío, como ía durmir con esa responsabilidade?...

Despois do descanso de media mañá pareceu mudar algo. Os relatores empezaron a falar de música popular brasileira, Plantar/ é muito mais profundo/Engrandece o mundo […]”, da necesidade de mudar a visión exportadora do actual modelo cara a unha visión holística, con capacidade de restauración da paisaxe, de non romper equilibrios, de non romper as relacións das persoas co medio, con un mesmo e co transcendental; empezaron a falar de Servizos Ecositémicos, de malnutrición e Soberanía Alimentaria vs. Seguridade Alimentaria, de Sustentabilidade vs. Sostibilidade, de Principio de Precaución, da necesidade de campesiñado para que exista a Agroecoloxía e a Agricultura Familiar, de Enfoque de Xénero, de Educación Para o Desenvolvemento, da negación do pracer (de comer) do actual sistema, da urxencia de recuperar procesos democráticos e espazos de reflexión, de ecoloxía técnica mais tamén de ecoloxía política, económica, social e afectiva, de Multidiversidade


Esa noite durmín (só algo) máis tranquila sabendo que, ao parecer, a fame de tantas persoas non depende (só) da miña profesión nin (só) da decisión das consumidoras de alimentos.

No hay comentarios: