- MANIFESTO DO COMITÉ PARA LA DEFENSA Y DESARROLLO DE LA FLORA Y FAUNA DEL GOLFO DE FONSECA. Trátase dunha das organizacións socias de ESF en Honduras, tamén volcada na defensa dos dereitos humanos e o medio ambiente, e que tiña en Berta un referente de traballo.
- COMUNICADO DA COORDINADORA DE ONGD ESPAÑOLAS EN HONDURAS, da que formamos parte e fomos socios fundadores.
A continuación, deixámolos traducidos ao galego.
MANIFESTO DO COMITÉ PARA LA DEFENSA Y DESARROLLO DE LA FLORA Y FAUNA DEL GOLFO DE FONSECA
O Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF) ante o feito ocorrido á 1:00 da madrugada no municipio de Intibucá; onde homes armados irromperon na vivenda da nosa amiga, compañeira e líder indíxena nacional Berta Cáceres arrincándolle covardemente a vida maniféstase da seguinte maneira:
PRIMEIRO: Que é inadmisible que as defensoras e os defensores deste país sigan sendo perseguidos, desposuídos e asasinados sen que a xustiza hondureña alcance aos asasinos.
SEGUNDO: Que o goberno actual presidido por Juan Orlando Hernández súmase á lista de gobernos de outrora que non ofrece garantías aos defensores e defensoras da natureza senón que máis ben os condena e persegue.
TERCEIRO: Pedimos á comunidade nacional e internacional que impoña sancións a este goberno xa que entrou en desacato ao incumprir a orde da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) que lle ordenou ao Estado de Honduras que adoptase medidas cautelares para previr danos irreparables en contra da vida de Berta Cáceres.
CUARTO: Declaramos que este feito e calquera feito novo en contra dos defensores e defensoras de dereitos sociais, ambientais e humanos son responsabilidade directa do goberno de Honduras por negarnos o dereito á protesta, pola impunidade galopante coa que se manexaron os casos de violacións aos dereitos humanos e pola súa neglixencia en aplicar xustiza neste país.
QUINTO: Declaramos a Berta unha muller heroína sen pretensións, que amou Honduras, que literalmente deu a vida polo seu pobo indíxena “Berta, o seu legado non o lograrán apagar con matala porque vostede xa deixou sementada a loita en todo Honduras, sentímonos orgullosos de vostede e bendicimos o ventre que lle deu vida”
SEXTO: CODDEFFAGOLF declárase de loito. Honduras está de loito!, a consternación, o rexeitamento, o repudio é xeneralizado. Cando nos devolverán as nosas garantías? Cando volveremos sentirnos seguros neste país? Sen dúbida o día en que todas e todos os hondureños nos contaxiemos do espírito de Berta Cáceres e reclamemos o noso dereito á libre expresión, a vivir nun ambiente san e na Honduras que un día tivemos e da que temos saudade.
SEPTIMO: Externamos o noso máis sentido pésame á súa nai, ás súas fillas, aos seus familiares, ao COPINH e a todas e todos os seus amigos.
Quedamos con palabras memorables de Berta Cáceres ao recibir o premio Goldman o 20 de abril do 2015:
“Nas nosas cosmovisións somos seres xurdidos da terra, a auga e o millo. Dos ríos somos custodios ancestrais, o pobo Lenca, resgardados ademais polos espíritos das nenas, que nos ensinan que dar a vida de múltiples formas pola defensa dos ríos é dar a vida para o ben da humanidade e deste planeta. O COPINH, camiñando con outros pobos pola súa emancipación, ratifica o compromiso de seguir defendendo a auga, os ríos, os nosos bens comúns e da natureza, así como os nosos dereitos como pobos. Despertemos! Despertemos humanidade! Xa non hai tempo, as nosas conciencias serán sacudidas por só o feito de estar a contemplar a autodestrución baseada na depredación capitalista, racista e patriarcal. A nai terra militarizada, cercada, envenada, onde se violan sistematicamente os dereitos elementais, esíxenos actuar. Construamos entón sociedades capaces de coexistir de maneira xusta, digna e pola vida. Xuntémonos e sigamos con esperanza defendendo e coidando o sangue da terra e os espíritos. Dedico este premio a todas as rebeldías, á miña nai, ao pobo Lenca, a Rio Branco e ás e os mártires pola defensa dos bens naturais. Berta Cáceres.
Dado en San Lorenzo Valle, aos 3 días do mes de marzo do 2016
---------------------------------------------------------------------------------------------------------------
MANIFESTO DA COORDINADORA DE ONGD ESPAÑOLAS EN HONDURAS
A Coordinadora de Coordinadora de Organizaciones No Gubernamentales Españolas de Desarrollo en Honduras, CONGDEH, ante a opinión pública hondureña e a comunidade internacional, denuncia que na madrugada do día mércores 3 de marzo, foi asasinada a compañeira
Bertha Cáceres, Coordinadora Xeral do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras, (COPINH).
Mostrámonos completamente consternados por este feito que denota unha vez máis a alta vulnerabilidade e indefensión coa que traballan a favor da defensa dos Dereitos Humanos no país. Lamentamos profundamente que nin sequera o máis elemental dos dereitos a expresarse con liberdade e ter unha vida en paz sexa respectado e protexido.
Desexamos manifestar todo o noso apoio e solidariedade co pobo indíxena Lenca e cos defensores e defensoras dos dereitos humanos que a diario arriscan a súa vida.
Ante este feito, as Organizacións Españolas, presentes en Honduras manifestamos:
-
A nosa repulsa ante este feito, o asasinato vil dunha muller defensora dos Dereitos Humanos e os Recursos Naturais, así como de todas as mulleres e das comunidades indíxenas Lencas de Honduras.
-
A nosa condena aos numerosos atropelos que teñen lugar en Honduras contra a liberdade de expresión e os Dereitos Humanos, casos que quedan no anonimato e a impunidade.
-
A nosa solidariedade cos compañeiros da Organización da Sociedade Civil COPINH e outras plataformas sociais coas que traballaba Bertha Cáceres.
-
O noso sentimento humano e próximo nestes momentos de dor coa súa nai Sra. Austra Berta Flores, aos seus fillos: Marcela, Berta e Salvador e demais familiares.
-
Desexamos como organizacións comprometidas co respecto
dos Dereitos Humanos que este caso se esclareza de inmediato e
pasen a disposición xudicial os autores materiais e intelectuais do
feito.
COORDINADORA DE ONGS ESPAÑOLAS EN HONDURAS TEGUCIGALPA M.D.C. 3 DE MARZO DO 2016
NOS POBOS LIBRES O DEREITO TEN QUE SER CLARO…. NOS POBOS DONOS DE SI MESMOS, O DEREITO TEN QUE SER POPULAR...!
José Martí
No hay comentarios:
Publicar un comentario