11 jul 2016

Ciclo de Conferencias con Solidaridade

 



O pasado 28 de Xuño participamos no "Ciclo de Conferencias con Solidaridade". Deixovos o discurso preparado, aínda que non se puido seguir exactamente o guión dado o formato debate da xornada, sí que intentamos reflexar todos os puntos e definir o que é Enxeñería Sen Fronteiras.















Boas tardes a todas,

En primeiro lugar agradecer ó Xacobeo a invitación a este Ciclo de Conferencias con Solidaridade e permitirnos a Enxeñería Sen Fronteiras compartir a nosa
visión.

A min gústame partir da nosa misión para artellar a explicación do que somos e do que facemos en Enxeñería Sen Fronteiras.

Somos unha Asociación Independente, sen ánimo de lucro baseada no voluntariado. Mais, non calquera tipo de voluntariado senón algo que nos damos en chamar voluntariado transformador.

Intentarei contar algunhas das cousas que cremos que son claves para promover este tipo de voluntariado cun enfoque de transformación social, de militancia ou activismo. Ese sentimento de solidariedade universal contribúe a unha verdadeira Educación para a Cidadanía Global. Iso si, somos conscientes do gran descoñecemento que existe na sociedade sobre este tipo de voluntariado (que en xeral, quédase en “voluntariado de cooperación internacional” na súa vertente máis asistencialista ou nas simples “vacacións solidarias”).

Para nós, o voluntariado é un fin en sí mesmo. É unha cuestión mais de concepto filosófico, de enfoque na acción voluntaria e da propia asociación. Unha actividade que podería parecer utilitarista, como poñer cartaces anunciando unha actividade, en realidade o é ou non dependendo do enfoque que do voluntariado haxa na organización, e tamén da idea de voluntariado que teña á persoa voluntaria. Trátase de que a persoa sexa consciente de que é un axente de cambio social no seu desempeño na organización. Isto é importante, que a persoa en sí mesma é un axente de transformación social, e non un simple utensilio ou unha ferramenta para levar a cabo ese cambio. E sobre todo no seu propio día a día, que é onde, na miña opinión, se deben centrar sobre todo as nosas accións solidarias. A visión integral, ou polo menos progresivamente máis ampla do que implica ese cambio social, é simultaneamente o camiño e o fin deste tipo de voluntariado que nós demos en chamar, como xa dixen, “transformador”. Por contra, o que chamaríamos voluntariado “utilitarista” quédase nun mero apoio puntual ou moi encorsetado en actividades pechadas.

É posible que, sobre todo ao principio, ás persoas que desexan apoiar a organización veñan esperando un enfoque máis preto ao utilitarista (é ao que estamos máis afeitos en case todo o que ten que ver con voluntariado). É importante dende o principio facilitar o proceso persoal cara o enfoque transformador, que tamén facilita ás persoas voluntarias empoderarse da acción colectiva da organización.

Cando me chamaron para participar neste ciclo, a miña primeira reacción foi dicir que en Enxeñería Sen Fronteiras dividimos funcións, que somos unha Asociación totalmente horizontal, e que falar de voluntariado lle corresponde a nosa Vogal de Voluntariado que, por outra banda, sabe moito mais ca min. Este é un feito que penso que é diferencial. Algo que tamén me parece sintomático, e a diferencia do meu perfil sobre as outras persoas que están na mesa en canto á experiencia. Non quero dicir que unha cousa sexa mellor que outra, simplemente reflexar o concepto que temos en Enxeñería Sen Fronteiras de facilitar o empoderamento das persoas voluntarias na xestión da Asociación. Calquera persoa de Enxeñería Sen Fronteiras podería vir a contar isto que vos estou contando eu.

Despois de varios anos, aínda me resulta complicado explicar que é exactamente
Enxeñería Sen Fronteiras, probablemente se aproxima a unha comunidade educativa colectiva, aberta e autoxestionada onde, con vocación defensa global dos dereitos humanos, un obxectivo de transformación social cara unha sociedade xusta e equitativa e unha especialización no eido da tecnoloxía para o desenvolvemento humano, calquera que queira “ser ESF” pode introducir temas que lle preocupen para que se “dixiran” e se integren no imaxinario da asociación. Isto debería servir para mudar paradigmas de vida tanto aquí coma nos países onde ESF traballa, pero o propio proceso de “dixestión” ten un valor transformador en si mesmo.

Vou empregar a miña experiencia persoal, contándovos unha anécdota no traballo da asociación, para intentar exemplificar estas ideas.

Este ano organizamos no Museo Internacional de Ciencia e Tecnoloxía as Xornadas que tiveron por título “Inventos solidarios e Tecnoloxía para aspersoas”.

Nun dos obradoiros para os nenos que eu facilitei, que por outra banda, e seguro que as compañeiras da mesa están de acordo comigo, é do que mais disfrutamos. O traballo de campo, o ensino, o estudio da realidade, o intercambio de coñecementos, a transformación consciente da realidade en prol diso que chamamos unha sociedade mais xusta.

O primeiro que lles preguntabamos era se coñecían algunha ONG. Médicos Sen Fronteiras, Cruz Roxa...

Despois que era para eles a Enxeñería? Técnica, deseño, tecnoloxía... Mentres a ciencia se encarga de producir o coñecemento, a enxeñería encargase de resolver os problemas que producen o intento de aplicación deses coñecementos. A converxencia destas ideas da lugar á tecnoloxía. Mais, nós creemos que a tecnoloxía non debe ser “neutral” e que debe integrar a dimensión ética, de vocación de servizo público, de mellorar a vida das persoas. Esta podería ser a esencia do que nos chamamos a Tecnoloxía para o desenvolvemento Humano.

A seguinte pregunta que lles faciamos era se sabían o que era un servizo básico. A luz, a auga... Pedíalles que mirasen pola ventá, que observasen a súa realidade mais inmediata. Por debaixo das estradas hai amplas liñas, de saneamento, de luz, de teléfono, que son “tecnoloxía” e que permiten que na súa casa poidan tirar da cisterna ou abrir o grifo e beber. Iso non sucede por ciencia infusa e dende logo non sucedeu dende o principio dos tempos. De feito, a auga é un servizo tan básico e necesario, que foi recoñecida como un Dereito Humano pola Asemblea das Nacións Unidas no ano 2010.

Acto seguido, preguntábaselles se sabían o que era un problema de saúde pública, e se crían que se podían solucionar aplicando a “enxeñería”. Pois claro, a enxeñería médica... O feito é que un 30 % da poboación mundial non ten acceso ó saneamento e arredor do 15% non ten acceso a unha fonte de auga mellorada. Isto provoca o redor de 2 millóns de mortes o ano. A maioría delas, por simples diarreas, por beber auga. E todo é por non contar coas infraestructuras de enxeñería necesarias. Dende a enxeñería, tamén se salvan vidas, tamén somos médicos, ó noso xeito. De feito, a taxa de mortandade comezarona a empregar os enxeñeiros para medir a incidencia das obras de saneamento a finais do século XIX na rmellora da saúde pública.. Ou polo menos iso é o que me contaron a min na miña Escola, se cadra en medicina contan outra cousa. E se agora poidesemos ver un gráfico da reducción desa mortantade no Reino Unido, onde hai datos, poderíades ver como a caída da taxa de mortandade somente é equiparable a outro gran descubrimento pola saúde pública, a penicilina.

Aquí gustaríame facer un inciso. Seguramente alguén se deu conta de que dixen que foran os “enxeñeiros” os que comezaron a empregar a tasa de mortandade no siglo XIX. Isto é estrictamente así, por desgracia non había enxeñeiras no século XIX. Este ano organizamos as Xornadas que tiveron por título “O Xénero da Tecnoloxía” co o obxetivo de profundizar na fenda de xénero e reflexionar acerca de se a tecnoloxía é causa daquela, e como pode ser solución a ese problema. Unha das conclusións dese debate foi a necesidade de buscar referencias de mulleres no ámbito tecnolóxico. Esta reflexión dame pé a reivindicar a figura da que pasa por ser a primeira enxeñeira recoñecida da historia. A rumana Elisa LeonidaZamfirescu. Este nome debería estar sempre presente na mente dos enxeñeiros, pero sobre todo das enxeñeiras. Foi rexeitada no seu pais natal para inscribirse no Colexio de Pontes e Camiños. Mais non desistiu e conseguiu graduarse na Universidade Técnica de Berlín no ano 1912.

O finalizar o obradoiro. Concluímos cunha proposta. Os rapaces tiñan que pensar en formas de aforrar auga no seu día a día. Teño que admitir, que sabían moito mais ca min. E sairon propostas moi interesantes, como un método que consistía en non comer moita sopa e mais pizzas e tortillas.

Como conclusión, de aquel día e tamén de agora. Aínda que sexa necesario loitar porque todas esas persoas teñan acceso á auga e o saneamento, o cambio debe empezar no interior de un mesmo, no día a día. A cooperación tamén é pechar a billa cando estamos na nosa casa. Tamén é non empregar tanto o coche e sí o transporte público. É tratar de reciclar e non tirar lixo o chan. É non mercar produtos de marcas que non respetan os Dereitos Humanos. Non se trata de ter que levar un manual de instrucións e que teñamos que facer todo e absolutamente todo, ninguén sería capaz. Mais, cunhas poucas cousas, comeza a bastar. Son esas pequenas accións do día a día o que nos fan verdadeiros axentes de transformación, que nos converten en verdadeiros cooperantes en prol desa sociedade mais xusta e solidaria.

No hay comentarios: