23 feb 2017

People4Soil: Iniciativa Cidadá Europea pola protección dos solos

    As iniciativas cidadás europeas (ICEs) son mecanismos que permiten propoñer ante a Comisión Europea solicitudes formais de lexislacións concretas. Neste caso, máis de 350 organizacións e institucións europeas apoian a ICE “People4Soil”, ou tamén bautizada no estado español como “Protejamos nuestros suelos”. No prazo dun ano, ata setembro de 2017, é preciso recoller un millón de sinaturas para que se poida solicitar a creación dunha lexislación europea específica para a protección dos solos en Europa, actualmente inexistente. Xa suman 25.000 firmas pero estase moi lonxe de conseguilo obxectivo.



    Enxeñería Sen Fronteiras-Galicia quere apoiar e dar voz a esta ICE porque entende e comparte totalmente o sentir da urxencia de actuación. Estímase que a taxa anual de selado do solo en Europa é de 1000 km cadrados. Por outra banda, para a creación de 10 cm de solo fértil considéranse que son necesarios 2000 anos. O solo é a base de calquera ecosistema terrestre. Un solo degradado supón a degradación do ecosistema que sustenta, así como daqueles que interaccionan con este. Dende a óptica da soberanía alimentaria que defende ESF, non hai soberanía sen terras fértiles nas que cultivar. Tampouco en Europa.


No hay comentarios: