29 may 2017

Descubrindo Negueira de Muñiz


A case dúas horas de Lugo, dirección Asturias, pasando pola Fonsagrada atopamos o municipio de Negueira de Muñiz, un Concello de 215 habitantes. O mito dunha comuna hippie establecida alí nos anos 70 alimenta a curiosidade de cinco enxeñeiras e un politólogo que chegamos no serán dun venres á cidade romana, aproveitando as últimas horas na civilización posmoderna tomando unhas cañas e disfrutando das inesgotables tapas lucenses. Mentres, uns homes vestidos de romanos desfilan polas rúas para que a ninguén lle caiba dúbida de quen construíu a muralla.


Os voluntarios de ESF de camiño a Negueira de Muñiz.

Ben cediño, o sábado pola mañá os voluntarios de Enxeñaría Sen Fronteiras arrancamos cara Negueira, onde unha paisaxe de montañas que encerran un embalse nos daba a benvida. Por sorte, o camiño ateigado de curvas obrigounos a contemplar a estampa un rato longo. Finalmente, chegamos a Ernes, un dos pobos da “comuna”. Tranquila. Así estaba a aldea ás 9:30h. Tardaríamos uns cantos minutos en ver ao primeiro habitante. Un rapaz que nos avisa: “Luz sale ahora”. Pero os intrépidos de ESF entramos na escola para explorar o lugar que nos daría acubillo aquela noite. A antiga escola da aldea reconvertida en local social tiña dous andares e un soto: o primeiro era un espazo aberto cunha cheminea, o segundo albergaba a cociña, a biblioteca, o comedor e unha sala con ordenadores. O baño? Fóra. Os pisos estaban feitos de madeira, da orixinal, polo que descalzarse ao entrar era a primeira norma.


Librería da escola. 



Cociña da escola de Ernes.

Collendo forzas para traballar con produtos caseiros.

 Axiña apareceu Luz, unha belga que leva 25 anos vivindo en Negueira, de onde quixo marchar en tres ocasións pero nun puido. Non era capaz de abandonar a aldea polo moito apego que lle ten. Tróuxonos un almorzo completo: madalenas, pan, manteiga, marmelada de amorodos e todo feito por eles. Mentres engulimos os produtos desvélanos que “comuna hippie” xa non existe. Fora un intento nos anos 70 dun grupo de mozos que viñan de Lugo, pero o experimento durou dous anos, debido ás filosofías de vida diferentes das persoas que a formaban. O que agora existe é unha comunidade de veciños formada por xente procedente doutras partes de Galicia, de España e de Europa que se foron instalando nas aldeas de Ernes, Vilar, Foxo e Vilauxín. Algúns destes compraron casas vellas, outros okupáronas, e outros negociaron cos donos unha cesión da propiedade a cambio de coidala, mais todos comparten a finalidade de vivir nunha contorna natural e sustentable. Este modo de vida propicia a súa unión co gallo de realizar proxectos que beneficien á comunidade, como rehabilitar a escola ou montar cooperativas. Porén, Luz recoñece que ao vivir nun entorno tan pequeno intensifícanse as relacións e isto poida dar lugar a problemas en ocasións. Tamén nos conta que os veciños “autóctonos” non os teñen na mellor estima, xa que eles venos como simples nudistas. Un exemplo dese rexeitamento foi nas eleccións locais nas que Luz se presentaba á alcaldía para promover o desenvolvemento local, pero os veciños reaccionaron con insultos e votos para un Alcalde que vive en Lugo. Aí rematou a conversa, había que traballar.

"Por onde comezamos?"





Para algúns, isto era unha carroza.

A tarefa do día era cortar leña para quentar a escola durante o inverno. Luz presentounos a Xoán e Xaquín, outros dous habitantes de Ernes que se sumarían a nós. Ao comezo estabamos algo desorientados. “Por onde comezamos? Que facemos? Como se fai?”. Pero deseguido nos puxemos as luvas e nos organizamos. Uns cortan coa hacha, outros coa motoserra, outros transportan a leña e outros estíbana no remolque dun tractor de segunda man que foi mercado entre os veciños de Ernes. Pouco despois de coller o ritmo de traballo, uniuse a nós a rapazada da aldea. Seis nenos e nenas de entre 6 a 17 anos, todo un desafío á pendente negativa da demografía local, uníronse a nós para botar unha man. Así, eles convertéronse en mestres e nós en aprendices, abraiados pola súa habilidade coas hacha. Parecía que colaborar no traballo do campo non lles era alleo.

Os máis pequenos tamén colaboran.

Luz non deixou que pasáramos fame... nin sede.

Luz recibe unha chamada de Salvador, veciño de Vilar, que lle pide axuda para picar as paredes da escola que están rehabilitando. Marcos, Cris e Elena ofrécense voluntarios para ir, continuando Isa, Alumdena e Daniel coa leña. Convídannos a un aperitivo con queixo de Arzúa, chourizo, pan da casa e sidra, un anticipo da gran enchenta que estaba por vir: callos con verduras, chourizo, morcilla, ensalada e amorodos con nata. Case todo eran produtos cultivados por eles mesmos. Após do xantar cos rapaces, con Luz e Xoán, os maiores ficamos sentados á mesa e aproveitamos a sobremesa para conversar e descansar. Xoán cóntanos que el veu para Ernes nos anos 90, pero logo mudouse a Compostela, onde traballo como carpinteiro durante 17 anos antes de volver hai tres. El, levaba tempo buscando unha casa nunha aldea tranquila e vivir en comunidade até que atopou Ernes. Porén, os veciños preferiron a unha familia con fillos no seu lugar, así que tivo que conformarse con Foxo, un pobo a unha hora de andaina, que non ten electricidade. De feito, só Ernes ten electricidade. Dous anos despois, puido mercar casa na “capital”, como denominan as outras aldeas da comunidade.

Picando paredes da escola en rehabilitación.

Salvador, de Vilar, explicando o proxecto da escola.

Eran as 8 da tarde e recordamos aínda quedaba leña por facer. Volvimos a onde estaban os troncos e seguimos cortando, transportando e estibando. Pouco a pouco o muro sito preto da escola vaise cubrindo de leña. “Dobramos a cantidade de leña do ano pasado” nos felicitan os locais, e nós fachendosos do noso traballo. Cando caeu a noite, Luz recompensounos cun arroz con espinacas e o cansazo púxonolo fácil para ficar durmidos naquel chan de madeira.

Veciños de Ernes colaborando.


Acabando de estibar a leña.

O muro xa rematado!


Ao día seguinte, tocaba facer unha rota circular de sendeirismo. Pola mañá fixemos o tramo de Foxo a Ernes. Pouco despois de chegarmos, dous buses descargaron 50 persoas de ADEGA Lugo, que viñan a coñecer a comunidade de Negueira e acompañarnos na rota. Antes de partir de Ernes cara Vilar, apareceu a señora Concha, que viña da horta. Esta muller, que vive nos meses fríos na Terra Chá, adoita pasar o resto de meses en Ernes, onde disfruta da vida no campo. A súa simpatía e naturalidade conquístanos a todos. “Pasádeo ben” se despedía Concha, mentres a tropa de xente subía pola montaña. Ía moita calor pero a impresionante beleza da paisaxe permitiunos desfrutar das horas de andaina, subindo e baixando montañas. Chegamos a Vilar. Alí, noutro núcleo de casiñas vellas, atopamos a escola na que estiveran traballando o día anterior os nosos compañeiros. Salvador infórmanos que están levando a cabo un proxecto para crear unha escola para os nenos do pobo, que teñen que desprazarse cada día até A Fonsagrada, nun camiño que leva 45 minutos, para poder ir ao colexio. Conseguiron máis de 20.000€ a través de crownfunding para o seu proxecto, pero o obstáculo agora é conseguir a avaliación da Xunta. A dificultade está na súa proposta de que sexa unha persoa de aldea quen acompañe aos cativos na súa educación, interferindo nela o mínimo posible. 








Continuamos o noso camiño, a seguinte parada era Foxo, sita a rentes do embalse. O ceo íase nubrando e a nosa fame destapándose. Finalmente conseguimos concluír a rota circular de 4 horas. Na meta esperaban outros veciños da comunidade, que compartían un xantar na praia fluvial da aldea. Cando xa non había tempo para seguir gozando da tranquilidade, beleza e naturalidade daquel remoto pobo, decatámonos de que é certo: custa marchar daquel paraíso habitado por uns veciños que se organizan para mellorar a súa contorna e intentar vivir de forma austosustentable.

Un lugar de beleza espectacular e xente singular.


1 comentario:

Sergio dijo...

VAYA ENVIDIACA!!!!