10 mar 2009

Formación en comunicación externa (1ª parte)

A comunicación é unha ferramenta clave ó servizo da misión da organización, dado que é o mellor medio que temos para relacionarnos co exterior e explicarlle a unha diversidade de públicos o que facemos e o que queremos facer. Poderíase ter como un simple obxectivo a información pero con ela tamén se intenta exercer un determinado efecto sobre unha persoa ou grupo de persoas ás que destinamos as nosas mensaxes, e ter un efecto multiplicador sobre a colaboración da cidadanía en todas as actividades que desenvolvemos (Educación, sensibilización, proxectos). Pero todo isto non debe ser un proceso aleatorio se non que debe responder a unha planificación para saber, en función dos obxectivos perseguidos, o que queremos transmitir, o público obxectivo e a través de qué medios e con qué recursos contamos e cales necesitamos.



Froito deste interese, ESF organizou o pasado 28 de Febreiro dentro das actividades dunha das Xuntanzas de Socios e Voluntarios semestrais, unha xornada de formación sobre Comunicación Externa, a cargo de Lucía Neira, xornalista que de forma voluntaria nos dou unha pequena introdución sobre este interesante e estratéxico tema. Baseándose nun artigo de Berta García (Revista TELOS), a relatora fixo unha introdución a comunicación dentro do terceiro sector, facendo fincapé nas diferenzas con respecto á comunicación empresarial e á institucional. Aínda que ata o de agora as ONGD’s colleron como modelo o empresarial, hai que ter presente que a mensaxe é certamente diferente, tendo esta como finalidade crear opinión e mobilizar. A comunicación das ONGD’s debe contextualizarse dentro duns valores, os valores e a misión da propia entidade.

A comunicación dentro do terceiro sector enfróntase a dificultades engadidas, como son a falta de profesionalidade, a dificultade de aparecer nos medios de comunicación e o risco de perda da propia entidade, dado que ao empregar un discurso similar as empresas, prima a difusión da imaxe e non dos valores. Tamén se dubida da lexitimidade do emprego dos recursos da ONGD en publicidade e marketing.

Deste xeito, as entidades do terceiro sector están a desenvolver novos modelos de comunicación, que buscan unha maior profesionalización, incrementar o coñecemento dos medios para adaptarse ao seu ritmo, evitar a autopromoción camiñando cara a busca do cambio social e empregar outras vías de comunicación baseadas sobre todo nas novas tecnoloxías.

1 comentario:

Sergio dijo...

"Si no comunicas, no existes" es el titulo de un libro (y antes de un artículo http://www.agorasocial.com/arts/comunicas.htm) que puede parecer exagerado, pero que es clave para la misión de la mayoría de las ONGs...