25 oct. 2010

ESF Galicia na Feira Galega do Voluntariado 2010

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou unha nova edición da Feira Galega do Voluntariado, que se desenvolveu do 21 ao 24 de outubro no Centro Comercial Área Central e na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), en Compostela.

ESF Galicia participou, o venres pola tarde, na palestra Voluntariado Internacional. A mesa estaba composta por:
- Helena Capera Cullell, da Coordinadora Galega de ONGD.
- Cristina Otero Iglesias, técnica de EpD da Fundación Jóvenes y Desarrollo.
- Alba Miranda Castro, como voluntaria de InteRed.
- Roberto Roget Antelo, como voluntario de ESF Galicia.


Helena, da Coordinadora, presentou os participantes e, diante dun concurrido auditorio, sentou as bases do que se entende como voluntariado en Cooperación Internacional (coa súa necesaria formación, sensibilización e compromiso, diferenciándoo doutros modelos de acción no exterior e desligándoo dalgunhas pretensións de viaxar de calquera xeito).

Cristina explicou pormenorizadamente o voluntariado internacional no terreo que leva a cabo Jóvenes y Desarrollo en países como Togo, Angola ou Bolivia. Este vai dende o apoio técnico a contrapartes en temas relacionados coa Formación Profesional até a participación en proxectos educativos dun curso lectivo de duración.

Alba, con experiencia de voluntariado internacional en Bolivia, detallou o tipo de proxecto que desenvolve InteRed en países de África, Asia e América Latina, en colaboración con contrapartes, e a prol da Educación e a Formación en recursos humanos como base para acadar unha transformación social. E si, é a nosa Alba do grupo de Comunicación de ESF Galicia, que vén de inaugurar a campaña "Faltas ti" en Compostela coa charla "Sopa de ideas e outras creacións".

Roberto repasou a historia do PCR (Programa de Coñecemento da Realidade) de ESF Galicia -Sahara Occidental, El Salvador, Honduras, Nicaragua- así como o seu funcionamento e filosofía, para rematar concretando na súa recente experiencia co Proxecto de fortalecemento das capacidades das comunidades da micro-cunca do río Sasle para unha xestión sostible dos recursos naturais en Jinotega, Nicaragua. Tamén aproveitou para dar difusión á campaña "Faltas ti" e repartíronse "Invitacións" (para ser persoa voluntaria de ESF).

*****

Ao rematar, Cristina e Alba voltaban aos stands que colocaran as organizacións que viñan de representar. E entre os stands da Feira do Voluntariado, atopábase unha persoa especial para os últimos PCRs nicas Maruxa e Roberto, pois trátase de alguén que coñeceron durante a estadía centroamericana. Viki estaba alí en nome da Asociación Valponasca, pero tamén viña de retornar de Nicaragua despois de colaborar aló con Axunica:

2 comentarios:

Maruxa dijo...

Ala! Que sorpresa ver a Viki! :D

Lara dijo...

veo que ya os habeis olvidado de los PCR de Perú... :(
Abrazos