26 oct. 2010

Polo canón de Somoto abaixo van catro troitas de ESF ♪

Esta semana chegan a Galicia dúas personaxes ben coñecidas neste blog: Sabela e Dinorah, as máis recentes PCR de ESF Galicia en Honduras. É, polo tanto, unha boa ocasión para rememorar a que se deu en chamar "Centranza 2010" (ou como facer unha xuntanza de vertebración ESFeira en América Central).

Era a primeira fin de semana de setembro, e as voluntarias dos proxectos de ESF en Nicaragua (Xavi, Maruxa, Roberto) e ESF en Honduras (Mireia, Sabela, Dinorah) escolleran como punto de encontro o canón de Somoto (Madriz, Nicaragua). Ao non poderen acudir Xavi e Maruxa, xuntáronse as tres troitas de Choluteca e un ollomol de Jinotega, nas coloreadas rúas de Estelí:


Felices, e ignorantes de que chegar ao canón de Somoto ía camiño de converterse nunha quimera, intercambiamos información sobre os nosos respectivos proxectos, as comunidades, as contrapartes, as culturas... e o sábado pola mañá subimos a bordo de Lolita (vehículo de Mireia con personalidade propia) rumbo á enigmática foz fluvial, ao ritmo de Vicente Fernández.

Pero a aventura somoteña collía tintes dramáticos e olor a aceite cando descobrimos unha mancha debaixo do benquerido carro, e o sábado converteuse nunha odisea interminable de cambios de pezas, retenedor de aceite (?) por aquí e embrague por alá.


Só nos restaba cear e agardar polo domingo, mais a nosa sorte ía escurecendo igual que a noite, e o ceo semellaba cargar cun océano. A maior tormenta que recordo viña de deixar Somoto sen luz e os accesos ao canón posibelmente anegados...


Todo facía pensar que nos teríamos que conformar coas vistas do mural do hotel Panamericano:


Pero houbemos de lles dar tanta mágoa ás divindades dos antigos chorotegas, que pola mañá xa barreran todas as nubes para algún cornecho.

Despois atopamos a Reynel, un intrépido guía, experimentado, supersticioso, e cunha certa manía persecutoria no que a espionaxe internacional no canón se refire. A expedición completouna unha amigable parella de Managua e Boston.

Mire, Dino, Bayardo, Ana, Sabe e Roberto

Foi chegar ao mirador e ficar embobados ante as dimensións de tal accidente xeográfico, esculpido polo fluxo do tempo, e descuberto para a comunidade internacional hai apenas unha década por xeólogos checos, aínda que xa había xacementos indíxenas na súa volta, e que os arredores foran couto privado do ditador Somoza.


Así e todo, o mellor estaba por chegar. Despois de baixar o terraplén e remontar o canón, chegamos a unha zona de rápidos onde só Reynel sabía o que tocaba: hai que mollarse! Vencidas as resistencias, alá fomos, e a corrente xogaba con nós esquivando rochas e deixándonos descansar nos remansos. Augas abaixo, o río engordaba e perdía velocidade, até nos deixar flotando co ollar perdido nunha estreita franxa de ceo entre acantilados...


...ata que tocamos co cú no leito do río. Fin de traxecto. Unha merenda en La Casita de Estelí, unha persecución ao fuxidío bus de Matagalpa e unha despedida atrapallada.

Agora é o turno da Centranza post-PCR, manterémol@s informad@s!

5 comentarios:

Chelo dijo...

Jo, qué bien os lo pasáis! =) Me ha encantado

Patricia Iglesias dijo...

eu si que o pasei ben léndoo!!! xDD

Inés dijo...

e eu, encántame iso da Centranza!!

graciñas pola crónica!!

Roberto dijo...

Idea de Mireia, o da Centranza :)

Sabela dijo...

qué recuerdos taaaan bonitos!!!