24 ene. 2011

Oportunidades en Granxas Ecolóxicas en todo o mundo


Unha compañeira de ESF, Cristina, participa habitualmente en experiencias dentro da WWOOF, e cóntanos agora algo desas experiencias.

¿Que é iso do WWOOF?

O wwoof (siglas de “World Wide Opportunities on Organic Farms”, ou “Oportunidades en Granxas Ecolóxicas en todo o mundo” para os que teñen o inglés esquecido ou nunca aprendido...) é unha rede que comezou no Reino Unido no ano 1971, e que dende entón foi crecendo ata converterse nun movemento internacional. Basicamente consiste nun intercambio, onde unha persoa pode facer traballo voluntario en diversas “granxas”, a cambio de aloxamento, manutención e aprendizaxe en temas tan diferentes como agricultura ecolóxica e biodinámica, permacultura, gandería ecolóxica, apicultura, elaboración de pan, elaboración de marmeladas e conservas, bioconstrución, etc.
Esta rede estrutúrase segundo países, algúns deles teñen unha organización nacional (por exemplo existe wwoof España, wwoof India, wwoof Brasil, etc), cada unha cunha páxina web na que aparece un listado público coa descrición das “granxas” asociadas, sendo preciso facerse soci@ da organización dese país en concreto para acceder ós datos de contacto das “granxas” (teléfono, e-mail). Ademais existen países que non teñen unha organización nacional (os wwoof independentes), ós que se pode acceder sendo soci@ de calquera das organizacións wwoof nacionais. Por exemplo, se eu son socia de wwoof España, podo acceder de balde ás “granxas” de Marrocos, Bélxica ou Kenia, que son wwoof independentes.

 Casa no árbol, Asociación Ixuxu (Asturias)

¿Fai falla experiencia en traballo no campo para colaborar nas “granxas”?
Pois a non ser nalgún caso illado no que se especifique na descrición da “granxa”, non se precisa experiencia (eu, urbanita ata fai uns meses, son un claro exemplo de que calquera pode participar...). O único que fan falla son moitas ganas, algo de tempo, e uns pouquiños cartos (para pagar a cota de soci@ que no caso de wwoof España é de 20€ por un ano, o desprazamento, e os vicios...)

¿Que clase de traballo se fai?
Depende da “granxa”, pero dende traballos na horta (plantar, recoller, quitar malas herbas), ata facer pan ecolóxico, pasando por pastorear ovellas e pintar a fachada dunha casa... Todo é cuestión de escoller unha “granxa” cun proxecto que nos interese, e preguntar cales son as tarefas que fan @s voluntari@s nela. 

 Compostero da Asociación Ixuxu (Asturias)

¿Como son o aloxamento e a alimentación?
Isto tamén depende da granxa, dende durmir nun palleiro, ou nun hotel en construción sen auga corrente, ata nun cuarto con vistas ó cabo Fisterra ou ó Txindoki. A comida en moitos sitios é vexetariana ou vegana, pero noutros cómese de todo. O mesmo, todo isto ven na descrición da “granxa” ou pódese preguntar antes de ir. 

¿Isto no será unha cousa de hippies?
Non sei moi ben o que entende a xente por hippie, pero o que está claro é que a maioría das persoas que inscribe a súa “granxa” na rede quere vivir dunha forma mais sostible e cun maior contacto coa natureza, e ten posiblemente unha mentalidade máis aberta que a media da poboación, xa que se non, entre outras cousas, non traballaría nestes temas, nin aloxaría a xente descoñecida, moitas veces na súa propia casa. Pero dentro da rede hai de todo: comunidades, asociacións, cooperativas, persoas soas, e sobre todo familias, que se adican a isto para vender os produtos que cultivan ou elaboran, ou simplemente buscan ser autosuficientes. 

 Horto da asociación Ixuxu (Asturias)

¿E non é de parvos traballar de balde?
O teu compromiso en canto horario de traballo depende da “granxa”, pero soe ser de 5 horas diarias, de luns a venres. Tes as túas necesidades básicas garantidas, traballas ó aire libre, sen presión, cunha aprendizaxe continua, nun bo ambiente, e porque che apetece, non pola necesidade de gañar cartos. Chamádeme parva, pero eu por moito que busco non atopo unha cousa así no mercado laboral actual...

¿E se chego a unha “granxa” e non me gusta?
Pois marchas. Se non estas a gusto na “granxa” por calquera circunstancia que cres que non se pode solucionar, e só cuestión de explicarllo a persoa que te aloxa e... buscar outra!

 Os productos da horta

13 razóns polas que recomendo esta experiencia

  • Porque adquires coñecementos sobre agricultura ecolóxica, permacultura, etc, dunha forma práctica.
  • Porque podes ver cos teus propios ollos que vivir no campo e do campo non implica necesariamente sacrificio e ausencia de comodidades.
  • Porque é un xeito barato e interesante de viaxar, co que podes achegarte dende dentro ás costumes e á xente do país ou rexión que visitas.
  • Porque te cruzas con outr@s viaxeir@s que che contan as súas experiencias e abren a túa mente.
  • Porque coñeces a situación do medio rural do lugar (que por outra parte, é moi semellante alí onde vaias).
  • Porque aprendes a vivir dun xeito mais sostible e respectuoso coa natureza.
  • Porque atopas a persoas que teñen as túas mesmas inquedanzas.
  • Porque podes aprender idiomas.
  • Porque os cartos pasan a ser algo secundario, e non interfiren nas relacións humanas.
  • Porque te decatas de que a maioría das nosas necesidades na vida cotiá non son reais.
  • Porque vives experiencias novas e un pouco surrealistas.
  • Pola sensación que produce ir coller os teus alimentos á horta en vez de ó supermercado.
  • E porque por probar non se perde nada, así que espero tervos convencido a de experimentar isto do wwoof!!!!


wwoof internacional: http://www.wwoof.org/



Serra Aralar (Euskadi)


5 comentarios:

cris dijo...

pero que ben te explicas, crisi!! a min xa me convenciches... jajaja!!

Deva dijo...

Eu sou máis unha convencida
Moi ben explicado, si señora...
Qué é o que a xente entende hoxe por hipie?..hehe

Chelo dijo...

Wow! Cómo mola!! No conocía esto; me parece una iniciativa genial! Voy a investigar un poco a ver qué encuentro, buscaré el momento para hacerlo al menos una vez!! jeje Gracias Cris!

Sabela dijo...

Oh, me encanta esta entrada Cris! Muchas gracias! Justo estaba buscando algo así pero después de leer esto me apetece más :)

Maruxa dijo...

Acabo de leelo e acabas de convencerme para probar, Cris ;)