10 abr 2012

O Foro Alternativo Mundial da Auga: Marsella 2012

O edificio era negro e vermello. Unha antiga nave industrial que se transformou no escenario dun festival de música itinerante. Por iso había focos, cámaras, escenarios e panos vermellos que anunciaban o comezo do espectáculo. En catro intensísimos días (do 14 ao 17 de marzo) celebrouse nese espazo inspirador o Foro Alternativo Mundial da Auga (FAME) na cidade francesa de Marsella, unha pequena produción de autoría colectiva que lle quixo facer fronte ao Foro Mundial da Auga (de alcume “Oficial”), a superprodución mundial de guións enlatados e discursos en serie.

No espazo alternativo, o noso espazo, fomos un total de 5.000 espectadores inscritos; 10.000 ollos expectantes e orellas ben abertas que atendían con entusiasmo ao nacemento da Rede Europea da Auga, a Rede Española de Auga Pública e ao inminente inicio de recollida de firmas dentro da Iniciativa Cidadá Europea. Tamén coñeciamos os éxitos da Consulta Social sobre a Privatización do Canal de Isabel II en Madrid (177.685 votantes) e o exitoso Referendo italiano no que 27 millóns de persoas votaron en contra da privatización do recurso. As cifras conseguiron, por unha vez, non demoler ánimos nin gañas e canalizar toda a enerxía para achegarnos ao interruptor que preme a luz ao final do túnel.

A brecha informativa

A pesar de que un total de 15.000 persoas participaron nalgunha das actividades ou obradoiros do FAME, as persoas que pertencemos a movementos sociais fomos cada vez máis conscientes da existencia dunha brecha informativa que non entende de clases nin de latitudes. Descoñecemos datos e prácticas que nos fan berrar un poderoso e furioso NON, case no mesmo intre no que os entendemos. Descoñecemos cousas que nos afectan a diario e non nos molestamos en descubrir porque non están intimamente relacionadas ao noso ámbito de actuación.

Descoñecemos que hai aldeas de Castilla nas que non é posible beber nin cociñar coa auga das casas ao estar terriblemente contaminadas debido ao abuso de abonos nos latifundios casteláns de trigo. Descoñecemos tamén que o 40% dos acuíferos do Estado español están contaminados. Acaso isto non nos afecta? Non forma parte do noso ámbito de actuación a problemática da auga, da obtención da enerxía, da xestión dos recursos naturais, da agricultura?

Comunicar dende a alternativa: reflexións aterradas na práctica de ESF

Ao longo dos talleres, dos debates posteriores, das conversas nas comidas e nas ceas, puiden ir apuntando unha serie de ideas que, máis que resumir o contido das actividades nas que participei, me permiten aterrar cousas que fun escoitando e apuntando na práctica esfeira dos grupos nos que participo. Co fin de que sexan de utilidade para a organización as recollo a continuación:

  • É preciso un enfoque integral que aglutine os tres temas que se traballan nos grupos de proxectos, xa que hai unha interconexión evidente entre os posicionamentos de auga, desenvolvemento rural e enerxía. Estamos a traballar nese enfoque holístico? Por que eu, que son do grupo Agro e fun PCR en Honduras non teño nada traballado o discurso do dereito humano á auga e descoñezo as alternativas enerxéticas?


  • Á hora de sensibilizar sobre a problemática dos países do Sur (aínda que a división Norte-Sur xerou moita polémica), é interesante traballar con historias concretas pero sen esquecer presentalas a través das causas estruturais que están na base de todas esas historias. Os relatos de vida son, dende o meu punto de vista, importantísimos para afastarse do aséptico do nivel teórico; pero débense combinar.


  • Á hora de traballar a Soberanía Alimentaria hai que contar as experiencias do Norte. É máis difícil pero á hora de comunicar dende a alternativa e non só dende a indignación é preciso achegar as cousas e as reflexións que se están xerando aquí. É importante dar voz á problemática do Sur, porque non teñen voz; pero tamén é preciso traballar a EpD cos agricultores e agricultoras do Norte, ou polo menos tecer redes coa xente que o está a traballar para compartilo no noso eido de actuación urbán.


  • As mulleres xestionan a auga ata que chegan os proxectos de cooperación e se crean as xuntas de augas e se xeran procesos de canalización e xestión sistematizada do recurso. As xuntas de auga dos proxectos de Honduras teñen en conta a importancia da paridade na súa formación? É un indicador dos proxectos? Pregúntoo porque non estou segura xa que ás poucas persoas que coñecín das xuntas de auga eran homes e no FAME houbo queixas por parte das mulleres dos países africanos con respecto a este tema.


  • Sabemos o que é a fracturación hidráulica? Temos un posicionamento ao respecto?


  • O sentido común ten a acepción da sensatez pero tamén achega a importancia do sentido comunal. Nunca o pensara deste xeito e me parece interesante integralo nos discursos.


  • Onde están as alternativas? Temos as loitas, a protesta, a indignación e o entusiasmo. Pero, cara onde o canalizamos? No FAME faltáronme propostas. É importante comunicar dende alternativa e non tanto dende a protesta. Non apareceu o decrecemento, nin sequera nas charlas ás que asistín de Ecoloxistas en Acción. A xente cabréase, enfádase, pero non relaciona que o problema da auga está bastante vinculado a cambiar de móbil cada mes, ás viaxes en avión por 10 euros... O "non" é doado de conseguir, pero hai que buscar a transformación e para iso debemos empezar a pensar en alternativas e non só en denuncias.

O FAME serviume para recargar as pilas. Os foros son unha renovación de paciencias que fraquean (ás veces tamén as forzas, pero creo que non tanto). Descubrimos ás “outras” persoas que, ao igual que unha mesma, traballan por nós e polas outras “outras”. Apréndese a despensar o aprendido seguindo as canles do sistema, abrindo a mente a novas ideas que nos permiten volver a encher as mochilas de gañas de seguir cara adiante e nos converten en persoas alegres, transparentes e en movemento, coma a auga.

1 comentario:

Antón dijo...

Moi interesante a entrada.
Eu tamén noto en moitos discursos, onde trala crítica, non se ofrecen alternativas claras ou se se ofrecen non se lles dá a relevancia precisa. No tema enerxético isto é moi común, hai moitos expoñendo diferentes problemas, pero son poucos os que se atreven e/ou esforzan en propor unha folla de rota a seguir para facelo sostible e xusto. Eu creo que en ESF debemos concentrarnos máis en difundir as solucións que vemos ós problemas que en difundir os problemas en si mesmos, e neste punto fago autocrítica do discurso do grupo de enerxía, que expoñemos nunha presentación bastante amena e que presenta os problemas moi clariños (na miña humilde opinión :-)) pero que está incompleta na parte de solucións, que debería ser a máis importante e dende logo, é a que implica máis esforzo ós miolos.