2 jun 2012

Bioconstrución. Construción con palla


Faise agora un ano da presentación en Compostela do libro 'Casas de paja', coa súa co-autora Rikki Nitzkin, e organizada por Enxeñería Sen Fronteiras na ETSE.


O evento xorde das inquietudes de parte do voluntariado de ESF entorno á bioconstrución (enténdase sustentabilidade, arquitectura bioclimática e emprego de materiais ecolóxicos) e as súas implicacións como Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano. Decidimos tirar máis proveito desta relación na asociación e de agora en diante procuraremos visibilizar no blogue as nosas actividades neste eido.


A palla é un dos materiais con máis historia dos empregados en edificación. É unha materia prima natural, rexenerable e reciclable ao 100%. Actualmente é moi accesíbel en forma de alpacas, como refugallo da agricultura moderna, e o seu uso estase a estender como cerramento ou mesmo muro de carga. O seu elevado valor de illamento térmico reduce a demanda de enerxía e, en consecuencia, as emisións de CO2. Tamén é un bo illante acústico e recibe acabados superficiais.


O libro é de gran utilidade para informarse sobre como facer os alicerces, os encontros, os ocos... Aínda que o mellor é poñerse mans á obra. Ademais do propio blogue de Rikki, hai información sobre obradoiros e voluntariado nas redes estatal e europea de construción con palla.

No hay comentarios: