17 oct 2012

PROGRESANDO COA NOVA PLANI ESTRATÉXICA:MISIÓN, VALORES E DEFINICIÓNS

MISIÓN


ESF é unha asociación independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado, que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria mediante a cooperación para o desenvolvemento e poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano.



 VALORES


ESF considera o voluntariado como un fin en si mesmo: Entendendo ás persoas voluntarias como axentes de transformación social que constitúen unha forma de cambiar o mundo. Búscase a participación activa do voluntariado, perseguendo que éste sexa comprometido e que aporte pensamento crítico.

Promovemos a TPDH: Entendemos a tecnoloxía dentro do entorno cultural, político, social, económico e ambiental como unha ferramenta que se xera e que é xeradora e non como un fenómeno illado ou neutro. Incorporamos nos proxectos técnicas autóctonas e tecnoloxías apropiadas para non crear dependencias innecesarias e mitigar as existentes. Cuestionamos o uso histórico da tecnoloxía apostando por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita mellorar a calidade de vida, que promova e permita alcanzar a xustiza social e a equidade, sendo sustentable no tempo e ambientalmente. Promovemos a educación e investigación para o desenvolvemento: ESF estuda as realidades onde leva a cabo a súa acción e xera coñecemento sobre as alternativas para paliar as principais problemáticas. ESF ten especial interese na divulgación e investigación sobre as posibilidades da tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano.

Cremos na participación dos axentes locais: Traballamos noutros países contando co protagonismo dos nosos socios locais, comunidades e grupos vulnerables, adaptando as intervencións no terreo ás peculiaridades culturais e aos ritmos que o desenvolvemento sustentable require para o seu empoderamento. A cooperación debe ser identificada como necesaria e plenamente aceptada polos socios locais, poboación destinataria e grupos vulnerables e procurar que sexa liderada por estes, os cales participan no seu deseño e desenvolvemento, así como polo resto dos axentes. Traballamos no noso país contando coa participación dos axentes locais, procurando con esta participación un modelo de sociedade activa, capaz de conseguir cambios.

Apostamos por ter unha concepción integral da cooperación para o desenvolvemento: Identificamos os factores sociais, económicos, técnicos, culturais, éticos, ambientais e políticos mediante equipos de traballo pluridisciplinares. Promovemos que os plans de acción sexan integrais e que persegan efectos multiplicadores para garantir a súa viabilidade e sustentabilidade unha vez rematada a acción cooperativa.

Somos unha organización aconfesional, apartidista e politizada: ESF non está asociada a ningunha organización política nin relixiosa, aínda que consideramos que a participación política de cidadáns e organizacións é a principal vía para acadar o desenvolvemento humano.

Cremos no asociacionismo: Todas e cada unha das persoas que compoñemos ESF consideramos o asociacionismo como unha ferramenta imprescindible, tomando como base a participación social de cada un dos seus membros (persoas voluntarias, socias e socios, persoas contratadas, donantes, copartes, etc.). Así, por medio do compromiso, o traballo e a participación dentro das actividades da asociación, perseguimos a transformación da sociedade para acadar a nosa misión

Defendemos a Equidade de Xenero: Consideramos imprescindible adoptar a perspectiva de xénero como eixo transversal e transformador en tódalas nosas accións (entendendo esto como o medio de acadar a a equidade entre homes e mulleres), non só no deseño dos nosos proxectos, senón tamén no día a día da asociación e nas relacións entre as persoas que a forman. Para iso, tratamos de orientar as nosas actividades cara a igualdade entre os sexos mediante o empoderamento da muller e a súa participación activa na sociedade; á igualdade de oportunidades á hora de acceder a recursos e beneficios; e, en definitiva, a concienciación da existencia dunha fenda de xénero e loita por reducila e eliminala.

DEFINICIÓNS


Tecnoloxía apropiada (TA)
Entendemos a tecnoloxía apropiada como un conxunto de coñecementos técnicos, ordenados científicamente, que permiten deseñar e crear bens e servizos que facilitan a adaptación ao medio e satisfacer tanto as necesidades esenciais como os desexos das persoas, pero que deben estar deseñados con especial atención aos aspectos medioambientais, éticos, culturais, sociais e económicos da comunidade á que se dirixen. Atendendo a estas consideracións, a TA normalmente demanda menos recursos, é máis fácil de manter, presenta un menor custo e un menor impacto sobre o medio ambiente respecto a outras tecnoloxías equiparables.
Este concepto de “apropiada” ten, pois, en conta, os dous significados da palabra apropiada:
Diccionario de la lengua española © 2005 Espasa-Calpe: 
apropiado, da 
1. adj. Acomodado o proporcionado para el fin a que se destina. 
apropiar 
1. tr. Acomodar con propiedad. ♦ Se construye con la prep. a: debes apropiar tu comportamiento a cada situación. 
2. prnl. Tomar para sí alguna cosa haciéndose dueño de ella. ♦ Se puede o no construir con la prep. de: se ha apropiado el dinero; se ha apropiado de mis ideas. Proxecto Conxunto de actividades interrelacionadas para realizar nun prazo preestablecido e mediante a utilización de recursos predeterminados, englobadas baixo un obxectivo xeral cunha finalidade transformadora, desde unha perspectiva multidisciplinar e participativa.

Educación para o Desenvolvemento
Proceso educativo constante que favorece a comprensión sobre as interrelacións económicas, políticas, sociais e culturais globais, que promove unha conciencia crítica, así como valores e actitudes relacionados coa solidariedade e a xustiza social e busca vías de acción para alcanzar un desenvolvemento humano e sostible. Parte dunha análise en profundidade, que cuestiona o modelo de desenvolvemento e promove accións para o cambio a nivel individual, local e global a medio e longo prazo.

Sensibilización
Proceso divulgativo e informativo levado a cabo mediante accións puntuais, polo cal se pretende facer ver unha realidade e denunciar situacións de inxustiza, educando a través da profundización sobre un tema concreto, tentando despertar unha visión crítica no público xeral ou definido, empregando para iso calquer modo de difusión e esperando unha concienciación permanente.

Incidencia
Conxunto de accións encamiñadas a influir naqueles que, tanto dende o ámbito público como privado, toman decisións, elaboran leis, regulacións e distribúen recursos que afectan ao benestar das persoas . Perséguese un cambio social, incluíndo unha reforma lexislativa e política. O público obxectivo estará ben definido, así como debe estar claro a quén se está tratando de influenciar e qué política se desexa cambiar (centrarse nun contexto en particular).

Investigación para o desenvolvemento
Estudo, análise e desenvolvemento dos coñecementos, actitudes e procedementos, desde unha dimensión de cidadanía global, co obxetivo de definir e promover un desenvolvemento humano sustentable.

Desenvolvemento Humano 
Proceso de expansión das capacidades das persoas, de xeito que poidan elixir o seu modo de vida para a busca do seu benestar. Consideramos a satisfacción das necesidades básicas das persoas, medios de vida sustentable e a erradicación da pobreza as prioridades do mesmo, así como a equidade e o empoderamento da cidadanía. Cuestionamos que o desenvolvemento dependa fundamentalmente da expansión do capital físico. Defendemos que se fundamenta no capital humano e a ampliación de capacidades das persoas para o avance cara a unha cidadanía cosmopolita (con dereitos e responsabilidades). Todo iso sendo conscientes dos límites físicos da nosa contorna e a necesidade de asegurar as posibilidades de desenvolvemento non só á poboación actual senón tamén ás xeracións futuras. A procura deste desenvolvemento das persoas emana dos valores de xustiza e solidariedade, básicos no labor de ESF.

Xustiza social 
Pechada no obradoiro do día 19 baseándose nestes enfoques.
Finalmente definímola como:
ESF considera xusto o dereito das persoas a desempeñar tarefas na sociedade desde as que poda contribuírse ao benestar xeral de acordo ás propias capacidades, defendendo ademais o criterio absoluto de necesidade para repartir a riqueza e lograr a igualdade de condición en todo o que ten que ver co acceso aos servizos básicos, polo enfoque de Dereitos Humanos que se promove dende a asociación

Cooperación para o desenvolvemento 
Toda actuación de traballo en común, tanto nas nosas actividades en Galicia como en paises empobrecidos, co obxectivo final de acadar o desenvolvemento humano

Independencia
Enxeñería Sen Fronteiras entende a independencia como a non vinculación a ningún partido político nin relixión, así como a autonomía respecto aos poderes públicos e intereses privados para o deseño das súas accións e a definición das súas estratexias.

Redes de traballo 
Conxunto de persoas e organizacións da sociedade civil cunha mesma finalidade, que traballan paralelamente en base a súa especialización, e cunha estructura horizontal. Diferenciamos, redes formais, como aquelas que precisan necesariamente dunha coordinación e nas que os integrantes participan activamente, adquirindo responsabilidades e estructura organizativa para concluir nunha toma de decisións explícita. Por outra banda, as redes informais, son aquelas nas que os integrantes deciden o momento e a forma na que consideran conveniente participar e nas que se conclúe progresivamente nunha decisión, segundo a constancia na que participen os integrantes. Ambos modelos poden coexistir en moi diversas formas de interdependencia.

Comunicación para o cambio social 
Trátase dun concepto vivo que define a un proceso social e educativo de carácter cíclico que busca a relación, a posta en común e a participación colaborativa entre as persoas. A comunicación para o cambio social baséase na tolerancia, o respecto, a equidade, a xustiza social e a participación activa de todos e todas. Deste xeito, este modelo comunicativo promove os procesos, non os instrumentos, e entende que o uso da tecnoloxía debe dimensionarse de acordo ás necesidades de cada proceso comunicacional e á capacidade de apropiación das persoas involucradas. A comunicación para o cambio social promove o diálogo e o debate, non só no interior do proceso de comunicación, senón cara outros procesos similares. Así, a constitución de redes contribúe á consolidación destes procesos, enriquecidos polo propio intercambio.

Sociedade civil 
Conxunto de cidadáns organizados para actuar no campo do público na busca do ben común, sen ánimo de lucro persoal nin buscar o poder político ou a adhesión a un partido determinado

Base social de ESF
A base social de ESF son tanto as persoas voluntarias (co seu compromiso de voluntariado asinado), como as persoas socias (co formulario de suscripción asinado) e o persoal contratado en nómina da asociación

Actualización: aproveitamos e engadimos tamén a VISIÓN que finalmente se aprobou 

En 2017, en ESF somos máis persoas militantes e críticas que continuamos aprendendo arredor da influencia das nosas accións no mundo e nos implicamos
activamente na creación de propostas para a construción colectiva dunha cidadanía global solidaria. Traballamos con persoas organizadas que constrúen e defenden o seu dereito ao acceso e á gobernanza dos servizos básicos para protagonizar o seu propio desenvolvemento. A calidade das nosas accións, a transparencia e a coherencia institucional son os nosos avais.

1 comentario:

adri c. dijo...

Pareceme moi axeitado o documento.