24 feb 2013

Aprobación vergoñenta do Plan de Cooperación 2013

Este venres 22 de febreiro reuniuse o Consello Galego de Cooperación ao  Desenvolvemento, o CONGACODE, un órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia de cooperación para o desenvolvemento, aínda que non é vinculante, este é o único instrumento  oficial onde as ONGD temos voz e voto. 

Ademáis do propio sector (a través de 5 representantes da coordenadora galega de ONGD), a Xunta de Galicia conta con 11 representantes de distintas consellerías ou subdireccións como Sanidade, Facenda, Mar e Medio Rural, Presidencia ou órganos como Augas de Galicia. Outros membros do consello son:

- Fondo Galego de Cooperacion
(Fogacosol) 
- Confederación de Empresarios.
- Consello Galego de Universidades
- Expertos independentes:
    - José Manuel Sobrino (UdC)
    - Irene Manzano (USC)
    - Emilio Martínez (UVigo)
e os ausentes Obra Social de Novacaixagalicia e as Comunidades Galegas no Exterior.

Un dos puntos máis importantes da orde do día era a aprobación do Proxecto do Plan Anual de Cooperación Galega do 2013, no cal a Xunta de Galicia, recortará o orzamento un 36% respecto 2012 e un 64% dende 2009, o maior recorte social da historia en Galicia. Ademais, e por primeira vez dende 2004, en Galicia non haberá subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento nin bolsas de formación en cooperación. Eliminaranse tamén as subvencións para microproxectos, fortalecemento institucional e acción humanitaria. E tampouco se financiarán os convenios co Fondo Galego de Cooperación e coas universidades. Unicamente, e tras a negociación da propia coordenadora galega de ONGD ca Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, neste 2013 haberá unha convocatoria de educación para o desenvolvemento por valor de 200.000 euros. Así que aparte de algún convenio puntual, como o da Coordinadora, o groso do orzamento  para 2013 cubrirán os pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012

 A pesares de que en 2013, os orzamentos dedicados a cooperación en Galicia quedarán nun paupérrimo 0,05%, o plan de cooperación 2013 contou unicamente cos votos en contra das ONGD e o experto independente Emilio Martínez (6) e a abstención  do Fogacosol. O resto foron votos positivos (15).  Así que a responsabilidade e a obriga moral de contribuír ao desenvolvemento dos territorios que menos teñen quedarán orfas. 

 Non vos parece vergoñento??

 

5 comentarios:

Roberto Roget Antelo dijo...

Despois disto, non sei como é que a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior e demais chiringuitos afíns continúan a existir. O seu orzamento practicamente é para si mesmos. Máis que vergoñento, surrealista.

Sergio dijo...

En realidade o orzamento non é a maioría para a Subdirección Xeral (de feito non lles viría mal algo máis de persoal...). O que pasa é que o ano pasado fixeron a manobra de que aos proxectos bianuais lles daban o 30% do orzamento no 2012 e deixaron o 70 para 2013, co que este ano, como baixaron un 35% o orzamento para cooperación respecto do ano pasado (cando o orzamento xeral da Xunta baixou sobre un 7%), apenas lles quedou diñeiro para pagar os compromisos do ano pasado.

Roberto Roget Antelo dijo...

OK, Sergio, pero segue a ser vergoñento.

alicia dijo...

Paréceme especialmente impactante os votos a favor das dúas persoas expertas da Universidade. Explicaron por que lles parecía positivo o Plan do 2013? Empezando por que as universidades están bastante fóra de todo o orzamento.

Patricia Iglesias dijo...

pois os expertos mostráronse moi comprensivos cos orzamentos da subdirección, acordes ca dificil situación económica... E o unico reproche foi que a única convocatoria que vai sair este ano non se abrira a universidade, e que a EpD estivera nas mans das ONGD.Cando a verdade poden ir como socios das ONGD... A min doume a impresión de que por encima que hai poucos cartos, en vez de estar unidos, peleámonos por eles... triste!e en tal caso, merece calquera cousa menos un voto positivo!!!!