5 dic 2013

Dia internacional do Voluntariado

Hoxe, 5 de Decembro, é o día internacional do Voluntariado. Ademais de dar as grazas a todas as persoas que a través do seu tempo e do seu traballo fan posible Enxeñería Sen Fronteiras, queríamos achegarvos o posicionamento sobre voluntariado que se aprovou este 2013, concretamente na Xuntanza de Marzo.Como é algo extenso, o dividiremos en 2 partes, aí vai a primeira...


Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF Galicia), é unha asociación formada e liderada por persoas voluntarias, apoiadas por algunhas persoas contratadas. En ESF Galicia non temos voluntariado, senón que somos voluntariado. ESF son as persoas que a conforman, coas súas diferentes ideas, habilidades, iniciativas e inquietudes. Únennos uns obxectivos e apoiámonos uns en outros para conseguilos. O voluntariado é o motor da asociación, sendo incluso a dispoñibilidade das persoas voluntarias as que marcan o ritmo de traballo, os temas polos que a asociación avanza e os proxectos da asociación en todos os seus sentidos. En ESF Galicia, o proceso dunha persoa voluntaria busca que se converta nun cambio. Buscamos que as persoas reflictan o seu paso en ESF como unha actividade importante que lles axuda a madurar e crecer como persoas e non como un simple paso, por iso:

Fomentamos

A sensibilidade aos problemas do mundo, o acceso a novas fontes de información, pensar en profundidade sobre temas claves na sociedade, as opinións compartidas con outras persoas ou as experiencias de aprendizaxe cando vivimos somerxidos noutras realidades. Todas estas cousas buscan que a persoa adquira ou mellore a súa visión global das inxustizas sociais que provoque cambios tanto no seu pensamento como na súa forma de actuar, sempre desde o pensamento crítico (coñecer moita información sobre un tema e decidir a nosa opinión evitando estereotipos e prexuízos) e co obxectivo de construír colectivamente un mundo máis humano.

O voluntariado como Educación para o Desenvolvemento a través da cal formamos a unha persoa en profundidade en diversos temas, non dun simple modo superficial. A formación continua, tanto formal como informal, do voluntariado resulta esencial para que as nosas accións teñan validez.

O voluntariado como crecemento persoal, tanto a nivel de habilidades como de coñecemento do mundo que nos rodea. En ESF foméntanse certos valores de tipo organizativos que se visualizan na nosa forma de traballar, isto aportará á persoa voluntaria unha serie de recursos que lle permitirán a súa eficiencia en calquera tipo de ocupación. Como exemplo disto, temos os protocolos dos diferentes ámbitos ou comprender a linguaxe legal na convocatoria dunha subvención.

O voluntariado con responsabilidade e iniciativa. Debido a que todos somos persoas voluntarias, admitimos as ideas das demais persoas e se admiten as nosas de cara ao futuro e ás actividades. Isto tamén implica un certo compromiso en ser capaz de levar a cabo a iniciativa proposta. Neste senso, a responsabilidade de ser coherente coa idea proposta e o compromiso de levala a cabo é unha actitude que intentamos transmitir.

O traballo en equipo. Traballamos mellor en equipo, unha iniciativa persoal que se leve a cabo por unha persoa individual pode suceder en diversas ocasiones, pero estas adoitan “desgastar” a esa persoa e aportarlle pouco persoalmente, a parte de que hai unha maior probabilidade de que as cousas salgan mal. A experiencia ensínanos que as cousas feitas en grupo poden ser mais lentas ou difíciles, pero adoitan contar cun desgaste menor, maior aporte persoal e adoitan representar moito mellor a ESF.

A calidade nas accións de voluntariado. Unha cousa que se critica en ocasións ás asociacións que promovemos o voluntariado, é que este é demasiado inconstante para levar a cabo accións de calidade. Estamos completamente en contra disto. O traballo en grupo, a formación en habilidades e coñecementos, o pensamento crítico e, por que non dicilo, a vontade de querer facelo sen ningún beneficio económico demostraron que as persoas voluntarias podemos facer cousas de gran calidade.

A importancia das relacións persoais. Ante todo, debemos introducir un matiz aquí, estamos en ESF Galicia porque compartimos obxectivos, non porque queiramos relacións de amistade, perdendo isto de vista seríamos unha asociación que perde o norte. Agora ben, si nos levamos ben coas persoas coas que traballamos; si compartimos, non só o traballo, senón tamén experiencias e diversións e fomentamos o espacio informal e as relacións humanas, vemos que isto repercute positivamente na nosa coordinación, satisfacción e motivación. En definitiva, é ao que lle chamamos vertebrar.

A evolución constante. Sabemos que non somos persoas perfectas, quédanos moito que recorrer e moito por mellorar. Agora ben, fomentamos a vontade de mellora constante de forma que intentamos cumprir os apartados anteriores, pero tamén reflexionalos e amplialos ao mesmo tempo que volvemos pensar sobre eles. Isto nótase tanto na nosa filosofía como nos nosos procesos.

O voluntariado como experiencia transformadora, de forma que o anteriormente exposto sirva para evidenciar que o que pretendemos é o paso da persoa voluntaria, na que se reflicte a sensibilidade de coñecer e a vontade de axudar, á persoa militante ou activista que coñece, comprende, opina e leva esta visión mais alá do lugar onde fai voluntariado.

Fomentamos o voluntariado en si porque nos gusta ser persoas voluntarias, porque é algo que consideramos importante e queremos compartilo coas demais persoas.

No hay comentarios: