12 mar. 2014

Públicos electro-sensibilizados

Nesta única entrada vou facer a crónica dunha única charla dada dúas veces en dous sitios distintos. Trátase da charla de Electrónica Ética, tema estrela na sede de Vigo, que dimos na Biblioteca de Chapela e tamén na Casa Colorida en Nigrán.

A primeira deuna o xoves 27 de febreiro Andrés Suarez. O cantante non, o de ESF, o coordinador de sede, o mesmo que falou pola radio, si, o mesmo. A idea era dar unha charla, facer unha pequena dinámica e logo debatir e intercambiar ideas todo o que se puidera. A pesares de non ter acudido un público moi abundante, si resultou moi participativo. A charla pareceu gustar, a dinámica deixoulles encantados e o debate prolongouse ata que pechou a bilblioteca. E cando pechou a bilbioteca, a xente aínda seguía querendo falar. Neste sentido, pódese dicir que tivo éxito!

A charla na Casa Colorida de Nigrán (centro de actividades alternativas en xeral, dende ensinanza libre, ata hortos urbáns, expresións artísticas de diversos tipos... etc) démola o sábado 8 de marzo. Esta vez deuna Andrea, deixándonos sen dúbida de que ela tamén sabe dar charlas. E vaia charlas! En fin, nesta tivemos un público dunhas 10 persoas, todas moi participativas. Parece que a charla gustou moito, e a dinámica, que logo tornouse de maneira natural en debate, tamén se prolongou bastante. No que á Casa Colorida respecta, esperemos que este non sexa máis que o principio dunha productiva amizade, entre dous colectivos con obxetivos e ideas bastante afíns.

Estas dúas charlas pasan a enriquecer a nosa experiencia na Educación para o Desenvolvemento, e cremos ter plantado pequenas sementes nas pequenas cabeciñas dos asistentes ás charlas. Ou non tan pequenas. Silvia, da Casa Colorida, dixo que ela nunca perde oportunidade para contar á xente o que fai, porque nunca sabes cando podes desencadear algo, abrir unha porta que desencadee máis cambios nesa persoa... E así crémolo nós tamén. En fin, un pracer falar sobre electrónica ética, e esperemos ter pronto outra oportunidade para repetila. Tal vez na Xuntanza...? Pronto o sabremos.

No hay comentarios: