29 oct. 2014

Abandonamos o "desenvolvemento"?


Onte tivemos a sorte de poder escoitar a Juan José Celorio, do instituto HEGOA, nas xornadas sobre Educación para o Desenvolvemento organizadas pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña e Solidariedade Internacional de Galicia.

Primeiro no propio relatorio, e despois departendo con el (as persoas máis sabias, sexan “clásicas” ou “vellas” como el se definía, soen ser as máis cercanas...) puidemos comprobar a súa dedicación ao “activismo dende a universidade”.

Empezou falando sobre temas que nos poden chamar a atención, deixar perplexos, indignar (ou, engadimos nós, facer que nos resignemos e “pasemos” de tratar de arranxar as cousas, aínda que coa que está a caer quen máis quen menos se está a remover no sillón...). O valado de Melilla, a corrupción, o ébola, ou cousas máis ocultas como o Tratado de Libre Comercio que se está a negociar con gran secreto entre USA e a UE. Todo iso traslada ao máis cercano elementos que teñen que ver coa cidadanía global. O local e o global está na nosa actividade cotiá, ben que non sexamos moitas veces conscientes.

Institiu en como “a rúa ensina e educa”, como o 15M logrou que se volvera falar de política na rúa. Falou de que hai que mudar a “ciencia como logos” ao “sentipensamento” de Galeano, a Universidade cara a Multiversidade (isto último gustoume especialmente).

Ao final é tan simple e complicado como mudar o local, pero tamén o máis lonxano (e iso é o que máis custa, porque o vemos inalcanzable). Os bens e o capital circulan por todo o planeta, pero non as persoas. As persoas se miran como recursos, ganancias potenciais. Para cambiar todo iso, fronte a poderes moitas veces invisibles ou lonxanos (OMC, Clube Bildelberg, etc.) se constitúen “contrapoderes”, que moitas veces son tamén invadidos por elementos do poder creando conflicto nos espazos de empoderamento (devolución de poder) das persoas.

Afirmou que dende a educación (futuros e presentes educadorxs) hai que traballar esa visión máis ampla, crítica, en colaboración cos movementos sociais como axentes educativos (xa sexan ou non conscientes de que o son). Hai que potenciar liñas de reforzo mútuas entre a educación formal e a “da rúa” (nós falamos aquí de “educación dende o activismo”, por iso en Enxeñería Sen Fronteiras considérase a promoción do voluntariado crítico e transformador como a mellor actividade de Educación para o Desenvolvemento que podemos impulsar).

Por último, tamén comentou como é necesario, e así se puxo de manifesto no IV Congreso de Educación para o Desenvolvemento celebrado hai poucos días en Bilbao, falar de educación para a transición emancipadora (se queremos cambiar a sociedade, hai que falar de transición, e se falamos de cara onde se quere cambiar, falar de emancipación como unha sorte de empoderamento da cidadanía e impulso do procomún, do comunitario e o que “é bo para a comunidade”). O debate é se hai que abandoar entón a palabra “desenvolvemento”, dado que está impregnada de connotacións que teñen que ver con “crecemento económico”, hiperconsumo, etc., ou se sigue sendo válida (pola traxectoria de emprego que dela se ten feito desde instancias das Nacións Unidas ou dende as propias ONGD, e o feito de que se poida falar de desenvolvemento inclusivo ou definir ben o que é sen empregar palabras extranas que, para as ONGD que tratamos de tender pontes entre as persoas pensadoras e investigadoras nestes temas e a sociedade, complican a mensaxe e nos obrigan a traballar dende paradigmas dende unha base dende a que as ONGD non chegamos).
As cuestións a favor ou en contra que se esgrimen sobre ese “abandono” da palabra (non olvidemos que as palabras son símbolos tamén, e teñen gran importancia nesta loita por outro tipo de sociedade), son básicamente tres (a maiores do comentado sobre o simbolismo da palabra):
  • En contra: a cuestión económica de que ao haber xa axudas específicas dende as adminstracións públicas para a “Educación para o Desenvolvemento”, se agora se lle cambia o nome por “Educación para a Transición Emancipadora” igual se perde terreo ganado. Nin a Juan José nin a nós nos parece realmente unha razón determinante en absoluto, xa que pode ter encaixe perfectamente cualquier proposta xa na liña da transición emancipadora.
  • A favor: a invasión do concepto “desenvolvemento” que xa comentamos, que ao final todo o bo que se trata de construir "dentro" desa palabra é ocupado polo sistema dominante.
  • A favor: o feito de que moitos colectivos que tamén teñen a súa reflexión sobre elementos para unha transición a outra sociedade desexable (nomeadamente movementos feministas e tamén indixenistas) nunca estiveron no debate sobre “o desenvolvemento”, co que non se sinten involucrados no mesmo. E teñen propostas realmente de “outra sociedade posible” (ao revés que moitos dos axentes tradicionais da cooperación ao desenvolvemento, que se ben van avanzando na denuncia e na loita por dereitos, non acaban de propoñer alternativas reais e máis ben parches...).

Ao final, os elementos da transición emancipadora sobre os que se veñen reflexionando e que sen dúbida se irán incorporando pouco a pouco as prácticas dos axentes que nos adicamos a isto, son compartidos por unha grande maioría destes axentes. A cuestión é, se máis pola razón que comentábamos de “simbolismo” e de tratar de empregar unha palabra que a sociedade civil xa coñece (e non está totalmente perdida, xa que ao falar de desenvolvemento tamén se entende a parte social, mesmo persoal, e por ahí é un xeito de introducir o resto dos elementos máis “complexos”), é interesante seguir falando de desenvolvemento (logrando unha confluencia ou mesmo "deriva cara a" paradigmas do feminismo, bo vivir, decrecemento, etc.). Por suposto, para facer campañas, o nome de Transición Emancipadora non axuda moito (como dicían por aquí, lémbranos a algo así como “por fin marchamos da casa con 40 anos”). A loita tamén se fai con palabras.

E vos, que opinades?

No hay comentarios: