9 nov. 2014

¡Amigo! ¡Houbo unha Xuntanza esta finde!

Coa foto que encabeza este texto e o título xa vos podedes levar unha boa panorámica de como foi a Xuntanza de novembro deste ano, que lle tocaba á sede de Vigo. Carteis que comezaban cun vocativo ''¡Amigo!'' e a continuación indicábache normas a seguir no albergue, e outras veces ata daban consellos sobre a túa saúde, e unha casiña para nós soiños, e eventuais visitantes. O albergue que vedes na foto trátase do Albergue Santuario San Campio (Tomiño), para os peregrinos do Camiño do Sur e, eventualmente, para quenes quixeran utilizar as instalacións coma nós, cun precio libre. Así pois, vaiamos coa crónica da segunda Xuntanza de ESF deste ano!

O venres, para empezar e para dar unha boa benvida, tivemos o obradoiro Recollendo cogumelos con Miño, no que o susodito  ensinounos a distinguir setas de fungos, setas comestibles de non comestibles e setas normais de setas mellores. Como resumiu Roberto Roget nunha improvisación de blues, ''se o cogumelo é de cor branco/tíralo''. Na foto podedes ver a María experimentando cos cogumelos e a Miño de pé explicándolle a Álvaro e a Dani (Vila) (Secre). Miño dixo que polo menos esperaba ternos espertado a curiosidade polo mundo dos fungos e os cogumelos, e dende logo todos coincidimos en que o conseguiu sobradamente.

Despois, tivemos unha agradable cea seguida de vertebración, na que tocamos música, aprendimos a bailar algúns ritmos latinos da man de Andrea (de quen hai que dicir que é a quen máis hai que agradecer que esta Xuntanza tivera lugar finalmente, coa axuda dos outros membros da sede) e fixemos algunha que outra dinámica de autopresentación, abrazos e expresión esaxeirada de emocións, a cargo dun servidor.

Á mañá seguinte, a primeira hora tivo lugar o obradoiro Aprende a falar en público con Miguel e Andrea. En primer lugar, compartín os meus coñecementos sobre oratoria e desenvolvemento persoal como comunicador, criticando o énfase que se tende a facer na persuasión e nunha imaxe inmaculada. Despois, Andrea centrouse mais na linguaxe non verbal, e de aí pasamos a facer cada un unha pequena mostra de falar en público. Polo que a xente comentaba, parece que conseguimos que a xente interiorizada que cando se fala en público hai que falar alto pero non berrar, falar esaxeiradamente despacio, con pausas esaxeiradamente longas, mirando para o público, sen mostrar nerviosismo, pero sempre sendo un mesmo e sen perder a propia personalidade. Nada do outro mundo.

A continuación, na segunda parte da mañá, fíxose unha pequena actividade de información e coñecemento sobre o panorama da Federación ISF (Ingeniería Sin Fronteras a nivel España), e sobre decisións difíciles que se teñen que tomar en relación aos presupostos. Unha actividade menos divertida tal vez, pero moi importante, e preparatoria da Asamblea que tivemos esa tarde. Foi levada a cabo por Marta (a quen hai que recoñecerlle o moi bó traballo que está facer como presi, coa axuda dos demais membros da xunta directiva) e Pepe Vara.

A Asamblea, principal actividade da Xuntanza, e un momento moi importante para tomar decisións na asociación e para a participación da base social. Esta Asamblea estivo chea de novidades. En primeiro lugar, procedeuse aos habituais resumos por vogalías e sedes do estado da asociación. A continuación, falouse dos presupostos, nunha presentación extraordinariamente clara e explicativa, da man de Francisco Puga e Pablo Sanxiao. Despois, persoas do grupo de socios dirixiron un debate tan dinámico que eu ata esquecín que estabamos na asamblea (o cal supuso un shock, cando lembrei que antes de cear ainda quedaban non sei cantos puntos por tratar). Outra dinámica parecida se fixo para falar sobre a Federación ISF. E, por se estas novidades non foran suficientes, no último punto, a ratificación pola asamblea das decisións da Xunta Directiva, eu fixen uso dun novidoso ainda que inxustamente pouco recoñecido recurso democrático: o doble voto, como membro da xunta directiva e como membro da asamblea. Algún día isto sairá nos libros de historia e eu serei recoñecido como un pioneiro.

E despois, coas decisións ben discutidas e tomadas, fomos todos xuntiños a tomar unha merecida cea con comida italiana. Que foi seguida dunha ainda mais merecida vertebración, incluindo máis música, da man da guitarra de Pepe Vara (por certo, Presi Honorífico), da increíble voz de Marta Sara (Presidenta por iso mesmo, asi fai mais agradables as asambleas) e Kike. Mención aparte merece Yoli, quen tocando algunhas cancións, deixounos absolutamente alucinados e conquistados coa súa voz e a súa música. Ten unha capacidade de transmitir e emocionar que eu, persoalmente, nunca vira. Tamén aprendimos novos ritmos latinos, con Andrea (como o día anterior), e en xeral a diversión non tivo parangón.

A última mañá, a mañá do domingo, tivo lugar o Almorzo con Saúl, no que este veunos a falar sobre a súa experiencia en Honduras, país no que ESF Galicia traballa actualmente con cooperación para o desenvolvemento. O emocionante desta actividade era que a noite anterior, ás 6:00 da mañá non estabamos seguros de que fora a ter lugar, pois todos estabamos seguros de que si, pero ninguén falara con el. Miño despexou toda dúbida: ''Coñezo a Saúl persoalmente e sei que verá, de verdade'', dixo, cun brillo nos ollos. E efectivamente, alí estaba el a mañá seguinte almorzando con nós. Sempre cabe a hipótese de que fora Pepe o de Lugo disfrazado, pois xusto desapareceu sen deixar rastro o tempo que Saúl estivo con nós, nunha estratexia que lembra á de Lois e Supermán, ou Peter Parker e Spiderman. Sexa como sexa, o presunto Saúl tívonos ben entretidos contándonos a súa experiencia en Honduras, as súas indignacións, emocións, alegrías e preocupacións, facendo que, como xa é común en ESF, a experiencia traballando noutros países impregne o noso discurso e enriqueza as nosas conversacións.

E así, contentos e felices, todos voltamos para as nosas casas, sen mais percance que unhas chaves do albergue que viaxaron a Vigo pola noite e volveron pola mañá, para logo acabaren na hucha de doazóns. Non hai queixa! Quedamos todos expectantes da vindeira Cósmica, reunión a nivel nacional das ISFs de España, que terá lugar en Allariz, Galicia. Esta xuntanza non é mais que o principio dun in crescendo que Deus sabe como acabará. Amén!










4 comentarios:

Inmaculada Ortiz Moreiro dijo...

Miguel, muchas gracias por tu crónica, espero algún día compartir esos momentos con vosotros, un abrazo!

Sergio dijo...

Gran crónica! Daban ganas de estar alí!!! jajajaja

Anxo dijo...

Felicidades polo relato

Mino Guerreiro dijo...

Moitas gracias a todos! É certo o de cargar as pilas!