Mais casualmente atopei onte nun recuncho da vila de Guitiriz, o Gaibor, colgado nunha parede, un poema da escritora galega Marica Campo, que tivo a xenialidade de combinar auga, vida e amizade.
Pra que o día da auga sexan todos; e da vida, e da amizade e, coma onte, das árbores e os montes.
Manifesto na Auga e na Amizade
Tripulantes da nave da amizade,
a vós falo,
é o tempo
de facernos coas mans inmensa cunca
e recollermos pinga a pinga a vida.
A vida que é a auga, o leite dos penedos que nos une,
a forza das mareas, a chuvia e mais a neve,
os ríos que fecundan, as fervenzas,
as fontes curadoras, os regatos,
as bágoas dos vencidos,
as suores,
os líquidos amnióticos do mundo.
Velaí vén en tromba, vén en zume,
é froito, é vexetal, derriba os muros,
une pobos e terras, non separa,
molla a lingua de cuspe, as palabras de noso,
para dicirnos "irmandade de auga",
"irmandade de soños", "porvir para a esperanza".
Aquí, ao país dos mil rios,
á Galiza das fontes,
chegou a vosa nave por camiños diversos.
A vella e nova Grecia
con noticias daqueles que acharon os camiños
do pensamento alto, da arte berce inmenso.
Da Alemaña de poetas, pensadores e música.
Flamengos que defenden rexamente unha lingua.
Aquí estamos nós,
resistindo e loitando,
recuperando voces,
buscando a primavera .
Ha vir, virá,
e terá de auga o rostro.
Será como un espello onde mirarnos xuntos,
alí vos convocamos entre flores e bicos.
Marica Campo
No hay comentarios:
Publicar un comentario