O título deste post quere recordar a aquel famoso filme titulado ''7 anos no Tíbet'', inspirado á súa vez nun fulano que efectivamente pasou 7 anos no Tíbet. Efectivamente, este post tamén está inspirado por alguén que pasou 2 anos na Xunta Directiva.
Ainda que Xunta Directiva habitualmente parece algo moi serio, nada que se abrevie como XD pode ser moi serio, e así é neste caso. Tal vez sexa por iso que sexa coñecida entre nós como Xunta Divertida.
A miúdo pensamos que entrar na XD (non me digades que non é gracioso abrevialo así) é unha carga de traballo, un agobio, un marrón (atribuíndolle inxustamente a esta bela cor unha carga negativa). Pero nada mais lonxe da realidade. Para min, estes dous anos na XD fixéronme madurar e crecer como persoa, aprender a asumir responsabilidades, aceptar retos e sentirme orgulloso deles. Tamén aprendín moitas pequenas cousas que me fixeron un pouco mais sabio e que na vida seranme e xa me son moi proveitosas. E agora vouvos contar todo isto pormenorizadamente indo do mais pequeniño ao mais grande que a Xunta Divertida me aportou.
En primeiro lugar, estar en XD mola en diversas situacións sociais. ''Miguel, queres quedar mañá para tomar unhas cañas?'' ''Non podo tío, teño unha reunión de Xunta Directiva''. Ou tamén: ''E ti que fas na asociación esa?'' ''Nada, estou aí en Xunta Directiva''. Nin falta fai que diga o moito que se liga con iso.
Despois, deixas de estar en XD, co cal cobras un aura de vella gloria que ven a amplificar as vantaxes descritas no anterior parágrafo.
Por outra parte, aprendes moito sobre como funciona unha asociación sen ánimo de lucro como o é ESF: aprendes sobre como funcionan as subvencións, as institucións, e aprendes sobre o teu eido de traballo, e isto á súa vez equivale a unha formación, como a que podes recibir nun curso, nun curso dos bós, pero sen pagar nada. As vantaxes que isto pode ter para a vida de cada un son enormes, e van dende o traballo (aprender a traballar en equipo, aprender a aguantar dúas horas poñendo cara seria, maneiras de estimular e coordinar grupos de traballo, ferramentas para a comunicación... Etc.) ata a vida cotiá.
Nembargantes, estas non deixan de ser pequenas vantaxes contextuais, cousas pequeninas. Estar na XD apórtache algo mais, algo que non ten prezo, que che fai medrar como persoa e marca un antes e un despois.
A XD é o corazón de ESF. Non é un grupo que dirixe. Se chama así porque estamos legalmente obrigados a especificar uns cargos de Xunta Directiva, mais na práctica non hai tal cousa. A XD é un grupo de persoas que se encargan de ir lembrándolle aos grupos cousas necesarias para levar a cabo as actividades que facemos, que nos caracterizan e que nos encantan. Cada membro da XD é como o motor dalgún eido da asociación: A comunicación, a EpD, os proxectos, tesourería... Etc. E dentro da XD, presidencia e vicepresidencia son como o motor do grupo, polo cal estes dous cargos son como o motor dese corazón. Corazón que funciona cun combustible que son as ganas de traballar, de facer cousas e de cambiar o mundo que ten a base social.
Así, base social e XD son interdependentes, retroaliméntanse e precísanse mutuamente.
E, ainda que pareza unha loucura, funciona.
E dentro deste increíble mecanismo que vos describo estiven eu metido 2 anos, coñecendo persoas incribles que non só me aportaron moitísimo, senón que sei que gracias a ter compartillados con eles estes dous anos seguiránme aportando durante ainda moitos anos.
Que menos que dicir que estes dous anos me fixeron confiar en que unha asociación que busca mellorar as cousas neste pequeno mundo baseándose no voluntariado é posíbel. Pero xa non é só iso.
Cando agora lembro a sensación que tiña cando entrei en XD, lembro como me daba medo asumir aquela responsabilidade, como me custaba pedir axuda cando era preciso e como me raiaba polo que non era capaz de facer. Estes dous anos fixéronme entender que non sempre podemos dar conta de todo, que todos nos equivocamos e que todos temos que aprender e pedir axuda a veces, e que o do medo á responsabilidade, e tal vez isto sexa o mais importante de todo, é só un fantasma. Despois da cada cousa que tiven que facer, sempre pensei ''pois vaia tontería se só era iso!''
Dende o principio que coñecín ESF, esta asociación da que non esperaba gran cousa sorprendeume continuamente, sempre sobrepasando as miñas expectativas, sempre desbordando o esperable e mostrando que cousas que a lóxica diría que son imposíbeis, son posíbeis.
Porque resulta que neste cantiño do mundo hai un grupo de persoas que se queren moito e que queren cambiar as cousas, e eu, gracias a estes dous anos, sínto mais que nunca que ese cantiño é o meu lugar, é que ese grupiño, é o meu grupiño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario