Por iso, en próximos posts, iremos contando cales son esas propostas (e algunha a maiores) dentro da coherencia de políticas nos eidos de traballo de ESF Galicia (que é onde máis puidemos aportar):
- Pobreza enerxética e novo modelo enerxético. Esta a desenvolvimos aquí.
- Garantir o Dereito Humano á auga. A desenvolvimos aquí.
- Promover acceso á tecnoloxía axeitada e igualitaria (fenda dixital, software libre e datos abertos). A desenvolvimos aquí.
- Educar para a cidadanía global, a desenvolvimos aquí.
- Promover novos modelos de produción e consumo (consumo responsable e soberanía alimentaria), que é a que toca hoxe.
Promover novos modelos de produción e consumo.
Apostamos polas iniciativas da economía social no eido local, aquelas que priman ás persoas por riba do capital, e que se xestionan de forma autónoma, transparente, democrática, ligada ao entorno e con mecanismos participativos.
Isto pasa por fomentar a filosofía da economía social, apoiar a creación de empresas de economía social ou apoiar redes de comercialización de empresas de economía social entre países empobrecidos e Galicia.
INDICADORES QUE DENDE ESFGALICIA PROPORÍAMOS
Fortalecer a rede Eusumo progresivamente no orzamento e presenza mediática ao logo da lexislatura e aumentar as vantaxes fiscais das cooperativas con respecto a outras figuras empresariais antes de finalizar a lexislatura.En procesos de contratación pública, aumentar a valoración pola a contribución da empresa á sociedade e ao seu entorno e o feito de que sexa unha empresa da economía social.
No eido de promover novos modelos de produción e consumo máis sociais e sustentables propoñemos:
Promover o comercio xusto e o consumo responsable entre a cidadanía e ao interno da propia Xunta, promovendo tanto campañas de promoción na sociedade civil como a Compra Pública Ética (incluíndo criterios de electrónica ética, alimentos de proximidade, materiais de construción local e a madeira certificada nas convocatorias de licitacións por equipos ou obras). Tamén a través da promoción da Xunta de Galicia de produtos de comercio xusto nas máquinas de vending e as cafeterías dependentes da propia Xunta, comedores escolares ou centros de saúde, etc. Englobamos, así mesmo, nesta liña os servizos bancarios e financeiros na liña da Economía Social, para o que se debería apostar pola utilización de forma prioritaria da Banca Ética e cooperativas de crédito máis achegadas ao terreo (das cales en Galicia hai varios exemplos en funcionamento, Fiare, Coop-57, Ais o O Peto, Caixa Rural, Triodos Bank, etc).
INDICADORES QUE DENDE ESFGALICIA PROPORÍAMOS
Incluir banca ética entre os bancos posibles para facer calquera tipo de transación coa administración autonómica antes de rematar a lexislatura.
Chegar ao 10% do capital manexado dende a Administración Local canalizada a través de banca ética ao final da lexislatura.
Incluir criterios de comercio xusto, consumo de cercanía, materiais locais e electrónica ética aos pregos de compra pública de equipas e construción.
Promover circuítos de comercialización curtos para produtos alimentarios locais, especialmente artesanais e ecolóxicos; patrocinar o consumo consciente, san e de proximidade. Poderíase impulsar, por exemplo, a través de formacións e obradoiros a persoas produtoras locais sobre algúns condicionantes de seguridade alimentaria e etiquetaxe dados pola lexislación actual, que está de costas a este tipo de produtos (e que en lugares como Francia si teñen un peso específico importante e contribúen ao desenvolvemento
de tecido produtivo local, especificamente nas zonas máis rurais). Traballar pola promoción dun modelo de desenvolvemento rural e pesqueiro endóxeno con enfoque de soberanía alimentaria e apoiado na pequena agricultura familiar.
INDICADORES QUE DENDE ESFGALICIA PROPORÍAMOS
En comedores escolares e doutro tipo de servizos, dependentes da Xunta de Galicia de xeito directo ou indirecto, incluir polo menos o 50% de produtos deste tipo antes de rematar a lexislatura.
Favorecer a eliminación dos cultivos transxénicos. Este tipo de cultivos interactúan co resto de cultivos (e das persoas) de formas, como mínimo, pouco coñecidas, e non contribúen a unha mellora na produtividade de xeito significativo a medio prazo, mentres que si aumenta a dependencia exterior das explotacións agrícolas (especialmente as familiares, que son as maioritarias en Galicia e son as máis idóneas para “alimentar Galicia” de xeito máis sustentable).
NOTA: aquí se pode ver unha pequena análise sobre os transxénicos dende a perspectiva da tecnoloxía para o desenvolvemento humano
Tamén, promover e facilitar a mellora participativa de variedades endóxenas (por exemplo con feiras de sementes, formacións a labregos
e labregas ou convenios con centros de investigación que traballan no tema como pode ser a Misión Biolóxica de Galicia).
INDICADORES QUE DENDE ESFGALICIA PROPORÍAMOS
Declaración de Galicia como “Comunidade Libre de Transxénicos” (que non se permita o seu cultivo) antes de rematar a lexislatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario