Por iso, vimos contando cales son esas propostas (e algunha a maiores, mesmo algúns indicadores concretos de cumprimento) dentro da coherencia de políticas nos eidos de traballo de ESF Galicia (que é onde máis puidemos aportar):
- Promover novos modelos de produción e consumo (consumo responsable e soberanía alimentaria). Esta a desenvolvimos aquí.
- Garantir o Dereito Humano á auga. A desenvolvimos aquí.
- Promover acceso á tecnoloxía axeitada e igualitaria (fenda dixital, software libre e datos abertos). A desenvolvimos aquí.
- Educar para a cidadanía global, a desenvolvimos aquí.
- Pobreza enerxética e novo modelo enerxético, que é a que toca hoxe.
Pobreza enerxética e novo modelo enerxético
A loita contra a pobreza enerxética debe ser un piar esencial no obxectivo de ter políticas públicas galegas coherentes cos DDHH e o desenvolvemento humano sostible. As propostas que realizamos céntrase en tres eixos:
1. Compromiso coa erradicación da pobreza enerxética (incapacidade dun fogar ou familia para satisfacer un mínimo de servizos enerxéticos para cubrir as súas necesidades básicas domésticas):
- Promover axudas compensatorias nos casos de impago xustificado socialmente, eliminando os casos de corte de subministro eléctrico e de gas por razóns de vulnerabilidade social, especialmente nos casos de unidades familiares monoparentais e/ou con menores de idade.
- Promover, en colaboración con organismos que traballan con colectivos vulnerábeis, obradoiros de eficiencia enerxética onde se ofrezan ferramentas para reducir os importes das facturas de luz e gas e consellos prácticos para o uso racional e eficiente da enerxía.
- Promover puntos de información enerxética para orientación personalizada a persoas con dificultades para entender e facer fronte as súas facturas e a detección de posibles situacións de pobreza severa.
- Promover asesorías domiciliarias en casos de pobreza enerxética severa, diagnóstico da situación enerxética dos fogares e proposta de medidas de aforro adaptadas a cada caso.
- Intervencións en fogares en casos de pobreza enerxética severa, executar medidas de aforro enerxético adaptadas a cada caso concreto.
INDICADORES PROPOSTOS POR ESF GALICIA
Porcentaxe de fogares con gastos en enerxía doméstica superiores ao 10% dos ingresos en Galicia.
Situación ano 2012: 18%
Obxectivo 2020: 0%
Fonte: Elaboración a partir dos microdatos da “Encuesta de Presupuestos Familiares (EPF) del Instituto Nacional de Energía (INE)”
Porcentaxe de fogares que non poden permitirse manter a súa vivenda cunha temperatura axeitada en Galicia.
Situación ano 2012: 7%
Obxectivo 2020: 0%
Fonte: Elaboración a partir dos microdatos da ECV (INE).
2. Compromiso da administración coa eficiencia enerxética:
- Supervisar o cumprimento da lexislación en materia de eficiencia enerxética nas instalacións de alumeado exterior por parte dos concellos galegos (Real Decreto 1890/2008 de 14 de novembro) revertendo a situación actual na que o 55% dos procedementos publicados na Plataforma de Contratación Pública de Galicia durante o 2015 incumpren a referenciada normativa.
- Incluír nas posibles axudas a reformas e novas construcións (e nos pregos de condicións para obras públicas) criterios de eficiencia enerxética (superando aos xa incluídos na lexislación vixente).
- Promover á I+D en eficiencia enerxética naquelas industrias que pola súa singularidade teñan un impacto importante no desenvolvemento humano no ámbito galego (por exemplo industrias electrointensivas que sexan motores económicos en áreas rurais, etc.).
INDICADORES PROPOSTOS POR ESF GALICIA
100% das licitacións de Iluminación Pública publicados na Plataforma de Contratación Pública de Galicia durante os anos 2016-2020 cumplen a referenciada normativa de eficiencia enerxética. Fonte: Plataforma de Contratación Pública de Galicia
Incremento da inversión público-privada en I+D no ámbito da eficiencia enerxética na industrias electrointensivas ubicadas no territorio galego
3. Promoción da soberanía enerxética (novo modelo enerxético):
- Promover axudas e ordenanzas reguladoras que faciliten o auto-abastecemento enerxético a baixa escala a partir de tecnoloxías que xa existen, explorando os límites que permiten as leis.
- Promover a participación cidadá, asegurando a igualdade de xénero, na toma de decisións relativas ao desenvolvemento de infraestruturas enerxéticas e o abastecemento enerxético.
Promover o “asociacionismo enerxético” (cooperativas de consumo de enerxías renovables, instalación enerxéticas compartidas,...). - Campañas de consumo responsable de enerxía nas propias institucións, mediante boas prácticas.
Traballarase para declarar a Galicia “100% autosuficiente enerxicamente” (cando se produce máis da que se consume) e, idealmente, “100% autosuficiente de enerxías renovables”. Todo isto respectando escrupulosamente a planificación territorial correspondente ás zonas sensibles a determinados tipos de infraestruturas de xeración de enerxía.
INDICADORES PROPOSTOS POR ESF GALICIA
Aumento dun 20 % de enerxía obtida en Galicia a partir de fontes renovables durante a lexislatura e dininución anual da % de enerxía importada, facendo estudos de diagnose da situación inicial se fora necesario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario