25 oct 2016

BASES DO I CERTAME DE POESÍA DE ESF GALICIA





 Enxeñería Sen Fronteiras convídate a compartir a túa mellor poesía de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano (TpDH), dereito á auga e xestión de recursos hídricos. A motivación central do concepto TpDH é que a tecnoloxía xoga un papel fundamental nas nosas vidas e no desenvolvemento e vertebración da sociedade, por este motivo debémonos preocupar de que as tecnoloxías que desenvolvamos sexan un medio para promover un mundo máis equitativo, xusto e solidario. 

Podes descargar as bases aquí, ou leelas a continuación: 

1. Poderán participar todas aquelas persoas que así o desexen, sempre e cando a súa obra estea escrita en lingua galega ou castelá, sexa orixinal e inédita e non premiada nalgún outro concurso. Os e as participantes poderán presentar un máximo de tres poemas (sen límite de extensión), sempre e cando se ateñan ás presentes bases.

2. Establécese unha única modalidade, Poesía, de métrica libre, escritos a duplo espazo e en formato .pdf. Deberán estar escritos en lingua galega ou castelán atendendo ás norma da RAG ou a AGAL e da RAE respectivamente.

3. Os orixinais serán remitidos a epd.corunha@isf.es, con asunto CERTAME POESÍA. O correo deberá conter dous arquivos adxuntos: o primeiro deberá levar por nome o título do poema e un pseudónimo co que se designará ao autor ou autora; o segundo chamarase “PLICA+pseudónimo”, onde se deberán incluír: título da obra, nome e apelidos do autor ou autora, data e lugar de nacemento, correo electrónico e teléfono de contacto.
Se un ou unha participante envía máis dunha obra a concurso, deberá facelo en correos electrónicos independentes.

4. O prazo de presentación pechará o 9 de decembro de 2016 (ampliamos o prazo) ás 23:59 horas.

5. O premio poderá ser declarado deserto se a calidade das obras recibidas é considerada insuficiente. De non ser así, o gañador ou gañadora recibirá un diploma acreditativo, un libro electrónico e incluirase ademáis nel contido relacionado con Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano (TpDH) ou outras temáticas de traballo de Enxeñería Sen Fronteiras e unha beca para realizar un dos cursos en liña que organiza a Federación de Ingeniería Sin Fronteras. O premio está valorado en 350€. A maiores poderá haber ata un máximo de dous accésits se o xurado o considera oportuno. Tanto o poema gañador como os accésits aparecerán nun libro pendente de edición por Enxeñería Sen Fronteiras sobre a temática proposta, así coma nos medios de comunicación que se consideren oportunos, entre os que se atopa o blog http://esfgalicia.blogsplot.com. En todos os casos figurará o nome do autor ou autora do poema. Unha vez editado o libro será enviada unha copia ao gañador e finalistas.

6. O xurado estará composto polas premiadas escritoras galegas: Andrea Maceiras Lafuente e Antía Yañez Rodríguez, ademais dunha persoa en representacion do grupo de Educación para o Desenvolvemento de A Coruña de Enxeñería Sen Fronteiras.

7. O fallo do xurado será inapelable e farase público nas redes sociais de Enxeñería Sen Fronteiras e será comunicado as interesadas a través dos datos de contactos que se faciliten.

8. O autor ou autora manterá o seu dereito intelectual e será da súa competencia que as obras presentadas non estean sometidas a ningunha responsabilidade legal, así como que non existan dereitos a terceiros. A organización resérvase, durante o ano seguinte ao fallo do xurado, a utilización das obras premiadas e finalistas dentro das súas actividades ou como promoción dalgunha dentro dos seus programas, notificando previamente o seu uso aos autores.

9. O feito de participar supón a aceptación destas bases. Calquera cuestión non prevista nestas será resolta pola organización do certame. As dúbidas poderán ser remitidas a epd.corunha@isf.es, baixo o asunto DÚBIDAS CERTAME POESÍA. A organización resérvase o dereito de modificar estas bases.


No hay comentarios: