23 feb 2017

Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable (ODS) Obxectivo nº 2 dende a soberanía alimentaria

Segundo a ONU actualmente viven 795 millóns de persoas pasando fame e no 2050 estímase que serán 2000 millóns. Neste documento recoñecen, que aínda habendo alimentos para todos os habitantes do planeta, unha de cada nove persoas pasa fame. Este feito xustifícano, literalmente, da seguinte maneira “As malas prácticas de recolección e o desperdicio de alimentos contribuíron a escaseza de alimentos. As guerras tamén afectaron negativamente a dispoñibilidade de alimentos e provocaron a destrución do medio ambiente, que é fundamental para cultivar alimentos” É dicir, o descoido na recolección, comercialización e consumo, ademais dos desastres humanos e ecolóxicos das guerras, son o principal motivo da fame no planeta. 
En xaneiro de 2016 entraron en vigor os 17 ODS incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable aprobada na Cume para o Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas en New York en setembro de 2015. O ODS nº 2 defínese como Poñer fin a fame, acadar a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sustentable. Para acadar este obxectivo definíronse 8 indicadores (metas) que se poden consultar neste enlace. En 3 dos 8 indicadores déixase entender que realmente o problema está na produtividade dos agricultores, especialmente do pequeno campesiñado, agricultura familiar, etc, e non tanto no desperdicio dos alimentos e guerras como se xustificaba no inicio.
En 5 dos 8 indicadores suxírese que a solución pasa pola introdución do campesiñado no mercado. Pero, pode competir o pequeno campesiñado no mercado global da alimentación? Conseguirase en 15 anos o reparto equitativo das terras? E a recuperación do 33 % do solo fértil degradado, segundo a FAO, no planeta? Conseguirase a erradicación dos conflitos armados, moitos deles polo propio interese dos recursos naturais dos territorios disputados? Conseguirase nese tempo a concienciación da sociedade de consumo para que compre produtos xustos socialmente e producidos de forma ambientalmente sustentable? Conseguirase que o prezo destes alimentos sexan accesibles por todas as persoas e non exclusivamente polas elites sociais? Están as universidades formando a profesionais que poidan dirixir e apoiar un modelo agroalimentario basado na soberanía alimentaria mais que no negocio agroalimentario? Claramente bótase en falta, aló menos, un indicador do tipo “en 2030 todas as persoas estarán informadas das consecuencias ambientais e sociais da agroindustria”
E para incentivar a creatividade na educación do consumo responsable, un exemplo impulsado por VFS Justicia Alimentaria Global:


Corto: "Planeta azucar", do director David Salvochea, dentro do Programa "25 gramos" para a concienciación dos problemas de saúde causados polo consumo de azúcar a través dos productos procesados

2 comentarios:

Isabel Somoza dijo...

Gustoume moito a entrada, Mude. Xenial reflexión. E fíxate que a min paréceme que unha explotación agrícola/gandeira baseada no sistema agroalimentario imperante tampouco segue un bo modelo desde o punto de vista do negocio...

Almudena dijo...

Gracias Isa! Efectivamente, eu tampouco o creo, considero que simplemente a "fábrica" de comida non encaixa no modelo de negocio porque no momento que é un negocio, prima o beneficio económico, e as regras son as que son.
A FAO acaba de publicar recentemente as súas dúbidas en que se consiga alcanzar este obxectivo...
http://www.fao.org/news/story/en/item/471169/icode/