Foi un encontro distendido, que serveu para atoparnos con persoas de distintos sectores (sindicalismo, universidade, administración pública, movementos sociais...), algunhas delas (tampouco moitas) moi vencelladas ao agro no seu medio de vida, e falar, básicamente, de como facer un rural mellor para todas estarmos mellor. Todas as alí presentes coincidiamos en que o enfoque de soberanía alimentaria posiblemente sexa o que mellor pode lograr isto, pero tocaba pensar "como poñerlle o axóuxere ao gato". Soberanía é un xeito de acadar o empoderamento, que a cidadanía reteña poder e co-responsabilidade na construción dun modelo inclusivo para todas.
Foi unha xornada densa, con moitas intervencións e debate, que deixounos ganas de máis. Dende ESF Galicia xa hai tempo tratamos de concretar xeitos de impulsar a soberanía alimentaria nas nosas actividades nacionais e internacionais, apoiando cursos en liña específicos desta temática, xornadas, proxectos internacionais (en Honduras, que é onde traballamos actualmente), campañas, espazos de reflexión como este presencial ou reflexións en liña, e mesmo campañas de incidencia aos partidos partidos políticos, como nas derradeiras autonómicas de Galicia, onde fixemos as propostas aos partidos e logo valoramos como as integraron nos seus programas. Todo isto, tratando de manternos informadas a través de formacións internas e participación en redes onde nos imos actualizando sobre todo o que se coce nas políticas e alternativas ao modelo de desenvolvemento agroindustrial (a última, sobre os tratados de libre comercio como o TTIP).
A continuación queremos resaltar algunhas ideas que saíron no faladoiro que nos chamaron a atención.
Unha das persoas asistentes comentaba que precisamente está facendo a súa Tese sobre os conceptos "Seguridade alimentaria vs. Soberanía alimentaria", estaremos atentas aos avances!
Foi recurrente a afirmación de que a pequena agricultura promove mercados de cercanía, relacións sociais e máis cohesión social.
Fíxose algunha reflexión acerca de por que a soberanía alimentaria se asociaba máis aos movementos de esquerdas (máis ben ao anarquismo), dado que trátase dun enfoque que ten un claro compoñente ideolóxico de modelo socio-económico que promove.
- A agroindustria crea cartos e serve para mover cartos
- A agricultura familiar produce alimentos e promove relacións sociais
Mar Pérez chamou a atención sobre que a EFSA (European Food Safety Association) non focaliza en POR QUE se dan casos de inseguridade alimentaria en Europa, non estudia as causas. Comemos dunha determinada maneira porque temos un determinado sistema de distribución de alimentos. Solamente o deseño da PAC supón o 40% do orzamento das políticas agroalimentarias na UE (o que vén a demostrar o valor estratéxico da agricultura).
Emilio Carral quixo facer a distinción entre soberanía alimentaria e autonomía alimentaria. A segunda non sempre é conveniente, porque debemos darlle moita importancia á carga enerxética (auga, por exemplo) que supón producir unha unidade de alimento nun sitio ou noutro. Mencionou exemplo de Israel e o feito de ter que importación de recursos naturais (ou sobre-explotar auga) para poder autoabastecerse dalgúns tipos de alimentos.
Falouse aqui da necesidade de ter capacidade de toma de decisións e non so iso, senon tamén de ter certa independencia con outros territorios en canto a configurar a forma de producir, transformar e distribuir.
Aproveitamos aquí para recomendar o libro O Pequeno é Grande, do que é co-autor. Neste libro saen datos como que o 24% da SAU (superficie agraria útil) produce o 50% dos alimentos directos.
Deuse certo debate aquí sobre se realmente seguía existindo unha verdadeira agricultura labrega, ou xa non quedan máis que exemplos relícticos, e sobre o que realmente entendemos por agricultura familiar (xa que hai agroindustria baseada en grandes explotacións dunha familia).
Chamounos a atención o feito de que só existan dúas publicacións científicas nos últimos 20 anos sobre agricultura labrega, tal é a súa invisibilización.
Víctor Álvarez, coa súa experiencia no extensionismo en Galicia, e tamén cunha experiencia nun proxecto en Paraguay, contábamos que o Estado español ten unha finca de 7.000 ha en Paraguay, propiedade de CYTASA. Ademais, deunos envidia ao narrarnos que nos EEUU as Universidades teñen servizo de extensión agraria que colabora coa Administración. Obama destinaba un 20% do presuposto da política de producción de alimentos á extensión agraria. Tamén criticou o extensionismo agrario "de oficina", e como o extensionismo debería ser social, ademais de tecnolóxico, xa que os procesos de extensión son moi lentos. Tamén xurdiu o debate de que hai que apelar ao sentido ético e formación do pensamento crítico das persoas extensionistas, xa que en moitas ocasións dende a extensión pública se promoven determinados modelos que dependen da ideoloxía de quen está a gobernar, ou dos grupos de presión (por exemplo a revolución verde na España franquista). Actualmente en Galicia quen fai extensionismo son os comerciais das multinacionais... Polo menos en Honduras quen o fai nalgunhas zonas son ONG como CODDEFFAGOLF, a socia de ESF Galicia, reforzando a soberanía e pensamento crítico das e os labregxs. Este enfoque da cooperación ao desenvolvemento, de empoderamento das persoas, é o único que entende ESF Galicia, pero iso non foi sempre así (nin o é actualmente). De feito vense dando un proceso de polarización de estratexias mesmo dentro das ONG de Desenvolvemento, que fai que haxa críticas entre elas (sobre todo dende as que defenden máis procesos de empoderamento máis políticos fronte ás máis pretendidamente "apolíticas").
Jose Ramón do Sindicato Labrago Galego insistiu en que necesitamos máis alianzas para construir soberanía alimentaria.
Pedro Revilla contou a experiencia na mellora participativa de sementes dende a Misión Biolóxica de Galicia, coa que ESF e CODDEFFAGOLF colaboran en Honduras nun programa que leva xa tres anos de desenvolvemento. Aquí se pode coñecer algo máis do programa, e aquí facer un seguemento.
Houbo referencias ás problemáticas da terra en Centroamérica, nomeadamente en Honduras, das que ESF Galicia coñecemos máis. A defensa da terra e os recursos é o que está a causar mortes en Bajo Aguán, asasinatos como o de Berta Cáceres, o problema da pesca e acuicultura como a de langostino (moitas veces olvidada ao falar de soberanía alimentaria) e o deterioro do recurso hídrico no sur de Honduras (pola presión das grandes meloneiras, caña de sucre, etc.).
Tamén xurdiu o tema das regulacións no nome da trazabilidade, hixiene e a seguridade alimentaria (seguridade no sentido de que os alimentos sexan seguros), se implementan leis que moitas veces serven para poñer trabas a enfoques de soberanía alimentaria fronte á agroindustria (producindo quizais alimentos máis seguros, pero menos sans).
Clara Raposo incidiu en que o modelo social e tecnoloxico nos impulsan a seguir o modelo agroindustrial e cada vez é máis difícil sair del. Estamos nun momento de oportunidade xa que hai unha percepción de que fai falta certos cambios. Fálase máis e máis doutros modelos de produción e consumo, de consumo responsable... Afirmaba que é moi importante o traballo colectivo, pero aliarse non garante unha construción de alternativas. Hai organizacións de militancia inmobilistas que poden dinamitar o cambio
Unha reflexión un pouco pesimista a raíz disto foi o feito de que moitos pensamos que hai que dignificar o rural, pero case ninguén de nós se plantexa facer vida nel... (a propia xente do rural desincentiva a fillos e fillas de que vivan do agro). Unha frase que se dixo que ten que ver con isto é "cando ás persoas labregas compran o brick de leite..., malo".
Un resultado positivo e concreto que saiu deste faladoiro foi a creación dunha lista de correo-e coas persoas interesadas en asesorar a ESF Galicia nesta temática, e continuar o debate en liña (e o que salga). Ademais, seguro que próximamente faremos máis encontros presenciais deste tipo, permanecede atentas!!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario