Hildebrando
Vélez sinala que, da loita pola soberanía e do desenvolvemento do
concepto de soberanía, hai algúns aspectos a destacar.
Desde a filosofía e a política emerxe a necesidade de adoptar unha
postura ética que convida á construción de sociedades
sustentables, con respecto pola vida e polas xeracións vindeiras, e
co principio de precaución como ferramenta de construción de
xustiza para cos outros. Debates sobre a relación entre “o
soberano” e “o pobo” lévannos a asumir unha postura sobre as
formas de goberno, a descentralización do poder, etc., que poida
validarse como alternativa a un modelo que está a deixar a
demasiadas persoas nas periferias. Así mesmo, cando de gobernanza se
trata, hai que referirse a políticas sectoriais concretas, por
exemplo, á maneira como se aproveita e usa a enerxía, como e para
que se producen os alimentos, ou como se manexa a información neste
mundo hiperconectado con TIC. A soberanía condúcenos a tomar
postura fronte á democracia e o exercicio real de cidadanía, que
non pode quedar suxeita á democracia formal atrapada polas elites
que monopolizan o sistema representativo, nin pode reducirse á
seguridade do capital e a tecnociencia que nos fan cada vez máis
dependentes e menos conscientes, co perigo de que o modelo extractivo
nos leve até o punto de non retorno para os ecosistemas. Preocúpanos
especialmente o optimismo tecnolóxico que fomenta o pensar que
“aparecerá algo” que reverta a situación, aínda que sexa a
posibilidade de levar o modelo a outros planetas abandonando o actual
cando xa non sirva aos intereses da elite que, ao cabo, será a
beneficiada. Por iso, como sinala tamén Hildebrando, é fundamental
na loita pola soberanía fomentar a interrelación entre os pobos,
máis aló dos límites ficticios que promoven os estados.
A
soberanía popular, en definitiva, é o poder auto-constituínte (que
fixa as súas propias regras e acátaas) que deriva da unidade dos
pobos, dos desposuídos e os desterrados, orientando a súa
capacidade de autogobernarse e crear novas institucións e novas
relacións económicas e sociais, ou cando menos de cuestionar as
políticas e institucións tradicionais e incidir sobre elas, para
edificar un mundo sustentable entre os seres humanos e cos
ecosistemas. Trátase, pois, dun concepto que bebe moito dos
movementos autoxestionarios, aumentando a co-responsabilidade das
comunidades, parte importante dos sistemas complexos para solucionar
problemas complexos que Elinor Ostrom estudou.
Sen
dúbida as soberanías están a construírse a partir accións
concretas como as loitas populares en lugares diversos do mundo,
desde as comunidades rurais hondureñas que están a ser presionadaspor intereses extractivistas, aos colectivos de makers no rural galego, ou de quen buscan modelos de empresa alternativos como
o cooperativismo enerxético. Un dos retos que esta situación expón
é o de fortalecer o traballo pedagóxico con e para que a sociedade
civil orientemos soberanamente o noso futuro no acceso aos servizosbásicos que necesitamos para vivir, e que ademais son un dereito
humano (que en demasiadas ocasións os estados, no caso de
recoñecelos, non están en condicións de asegurar). A construción
de alternativas cara a unha nova matriz enerxética, alimentaria ou
dixital que rompen co colonialismo tecnolóxico e a dependencia
científica, é outro alicerce fundamental nesta loita. Detrás das
novas tecnoloxías, dado o contexto en e para o que naceron, hai
monopolios que impiden a ecosuficiencia e a ecoeficiencia, así como
o aproveitamento democrático das mesmas para asegurar unha vida
mellor e o ben común.
O
reto é procurar que as soberanías enerxéticas, alimentaria,
dixital, etc., sexan factores de unidade das loitas e permitan
instaurar no mundo xustiza e equidade. Neste sentido hai que
construír os “vivideiros” que dicía Hildebrando (ou sementes demostrativas, como se mencionaba no documento “Organizaciones de la Sociedad Civil Inteligentes”), lugares e espazos dounde vivir e
construír esta soberanía, a modo de pequenas sementes de
demostración do cambio.
...pequenas sementes de demostración e cambio... |
Estas
soberanías danse articuladamente, por exemplo a soberanía
alimentaria non pode ser dependente de tecnolóxicas petroadictas,
como tampouco o pode ser o coidado das sementes de agroquímicos
derivados do petróleo, ou de máquinas cuxo software e mecánica
están cubertos por patentes (non tan distintas das patentes de
sementes). Así que estas soberanías son tamén, en sentido xeral,
unhas formas de ser, de habitar e ocupar os espazos e construír as
paisaxes; son maneiras de relacionar a nosa espiritualidade, o noso
corpo e o noso territorio, ou os nosos grupos de afinidade na rede,
como cidadanía que pode pensar e colaborar cada vez máis
globalmente (cidadanía dixital).
No hay comentarios:
Publicar un comentario