17 jun 2014

"Creo que hai un divorcio moi grande entre o que a Universidade valora e o que a sociedade necesita"

Podemos discutir o compromiso actual das Universidades do Estado co ámbito da sustentabilidade ambiental e social, pero non podemos discutir o compromiso de certos profesores e profesoras co ben común. Ao longo do estudo que estamos impulsando en ESF sobre a posibilidade de transversalizar a Educación para o Desenvolvemento nas Universidades galegas, estámonos a atopar con moitas persoas que, dende a liberdade de cátedra, apostan e se comprometen a xerar un cambio no seu entorno e nos seus alumnos e alumnas. Pablo Meira é Doutor en Ciencias da Educación e profesor titular de Educación Ambiental e, despois de moitos anos de traxectoria traballando pola ambientalización curricular das Universidades galegas, atópase impulsando, na actualidade, materiais relacionados coa educación e a comunicación do cambio climático para traballalos especialmente con persoas adultas desvelando as conexións que hai entre a vida cotiá e o cambio climático.

Velaquí vai un fragmento da longa conversa que mantivemos con Pablo Meira, un profesor comprometido e crítico que racha coa “cultura dos papers” que xa empezan a denunciar outros compañeiros

  • Que función ou funcións pensa vostede que ten a Universidade?

Eu aí distinguiría entre o que eu penso que ten, o que debería ter e o que ten realmente. Eu penso que agora mesmo a Universidade está en crise, soa a tópico pero é certo porque a crise fiscal está impactando moi directamente en todo o sistema de servizos públicos e a Universidade forma parte, ou debería formar parte, dese sistema. Entón así a grosso modo estase a falar dunha diminución de recursos de ao redor dun 30%. Pero eu creo que ademais hai unha crise superposta que xa existía antes da crise fiscal e é unha crise sobre a función social da Universidade e sobre como se valora esa función social. Agora mesmo a Universidade está inmersa nunha carreira, que non sei moi ben a onde leva, e que está marcada por toda a cultura da excelencia, do chamado emprendemento e do rendemento medidos en termos puramente externos á propia Universidade e eu incluso diría externos á propia sociedade. Neste contexto, todo o que implica vincular o traballo da Universidade pública a cuestións que teñan que ver coa salvagarda dos bens comúns e do ben común, está sendo relegado polos obxectivos que o propio sistema e, fundamentalmente, o mercado, valora, que son obxectivos ligados ao desenvolvemento de coñecementos que teñan unha rendibilidade económica concreta e que se patentiza nas formas de avaliación deseñadas fundamentalmente para medir ese tipo de rendementos: a cantidade de euros que se captan en I+D+I, publicacións que se conseguen en revistas que o sistema académico valora como de alto impacto, etc. E isto non sempre coincide coas necesidades da sociedade nin coas posibilidades que tería a Universidade para responder a esas necesidades. E eu vexo que agora mesmo estase a traballar máis para responder a eses indicadores de calidade na lóxica dun “mercado académico”, que para responder ás necesidades da sociedade. Eu creo que agora hai un divorcio grande entre o que a Universidade valora (ou o que se valora dende a Universidade) e o que a sociedade necesita.

  • A nivel persoal como docente, que vías estás empregando para intentar retomar o que é a función social da Universidade?

Eu aí teño moi claro que o meu obxectivo como docente non é obter sexenios nin proxectos, aínda que é un obxectivo que forma parte da miña vida, entre outras cousas porque as persoas que colaboran comigo e as persoas que teñen becas nos proxectos que desenvolvemos dependen de que consigamos recursos. Pero eu non traballo dende esa perspectiva e o que fago é implicarme en proxectos que entendo que me satisfán a min, dende o punto de vista da miña dedicación académica, do meu perfil de especialización que é fundamentalmente a educación ambiental, e que teñen algunha función social. Eu fago moitos proxectos en colaboración con ONG, concretamente no campo do medio ambiente, traballo con universidades latinoamericanas que teñen proxectos que a min me interesan (non por rendibilidade académica, senón polo que poden aportar a outras comunidades académicas ou a outras sociedades). Pero é unha opción persoal. O que estimula e premia a academia, neste momento, é outra cousa.

  • Cal é, dende o teu punto de vista, o compromiso do alumnado con esa función social?

Bueno, “o alumnado” é unha entelequia, é moi heteroxéneo e entón eu coñezo algunhas fraccións do estudantado, non a todo o colectivo. A miña sensación é que temos un alumnado cada vez máis pasivo e cada vez máis colonizado por esa idea individualista de que cada quen se ten que buscar a saída na súa vida. E iso percíbese moito nos comportamentos académicos, de competencia, literalmente. E por outro lado, temos un alumnado que penso que cada vez está menos conectado e menos comprometido con cuestións de interese social: que participa cada vez menos en accións de voluntariado, ou que participa cada vez máis en cuestións de voluntariado dun xeito moi superficial; porque penso que tamén se está a banalizar moito o que significa ser voluntario. Chámaselle voluntario a cousas que pode ser traballo voluntario pero ás que lles falta, dende o meu punto de vista, o enfoque crítico e transformador sobre a realidade. Igual é unha percepción xeracional, da miña propia experiencia biográfica, que vexo ao alumnado cada vez máis pasivo e individualista. A un alumnado que, nun mundo cada vez máis globalizado, está cada vez máis desconectado da trama de procesos nos que estamos implicados, sexamos conscientes ou non. De feito, o obxectivo que teño eu na miña materia de Educación Ambiental é conectar. Conectar a cuestión socio-ambiental coa vida cotiá, xa que se trata de algo no que estamos inmersos como vítimas e como responsables.

  • E nesa teima de incluír esa conexión coa realidade na túa materia, que papel pensas que podemos ter as ONGD?

As ONGD son formas de reconexión. Eu sempre lles recomendo aos meus estudantes que se impliquen en procesos sociais participativos como son as ONGD. E anímolles tamén a que utilicen o voluntariado, non só como un medio para adquirir experiencia, xa que pode ser moi útil para eles a nivel profesional; senón como forma de conectarse co mundo, cos problemas que temos. Tamén como unha forma de non sentirse superados, porque un gran problema que temos nós neste tipo de materias, como a Educación Ambiental, é que presentamos problemáticas tan enormes, complexas e ameazantes, que as persoas acaban por sentirse superadas e sobredeterminadas. Por exemplo: o cambio climático; como podo eu enfrontarme a este problema? Pois un xeito de facelo é identificando unha serie de círculos concéntricos onde un ten unha certa capacidade de acción, empezando pola vida cotiá. Non temos capacidade para reducir a pegada ecolóxica do Estado español ou de Galicia, pero temos unha grande capacidade de reducir a nosa pegada ecolóxica.

  • Cal é o círculo concéntrico de actuación da Universidade?

As Universidades, como axentes de cambio, avanzaron moito en temas de ambientalización universitaria nos anos 90. Pero xa no 2007 que é cando sobrevén a crise que o paraliza todo, eu penso que xa estabamos paralizados. Explícome. En termos de ambientalización, que é o campo que eu máis traballo, xa tocamos un teito de cristal. Nos anos 90 houbo uns evidentes procesos de ambientalización nas Universidades galegas. Pero en temas relacionados coa ambientalización curricular e coa ambientalización da cultura universitaria (é dicir, dos estilos de vida universitarios: mobilidade, consumo, consumo de enerxía) chegou un momento no que tocamos un teito de cristal. Por exemplo, aínda non existe unha normativa na USC que defina normativamente como se ambientalizan os novos edificios que se constrúan; cando se trata de algo fundamental. Como regulamos a nosa pegada ecolóxica? Como nos convertemos en exemplo para a xente que estamos formando e para a sociedade dende o punto de vista da sustentabilidade? Pois incluíndo criterios de coherencia en todas as dimensións de traballo: currículo, investigación, xestión, extensión. Realmente o facemos? Moi superficialmente. E estamos ademais estancados. Hai un teito de cristal que eu penso que é de dous tipos. De inercia administrativa, da propia burocracia universitaria, e tamén de inercia cultural. E agora, a ese teito de cristal hai que sumarlle a crise, que pon o teito máis abaixo. Estamos máis centrados en sobrevivir que en afrontar estes retos de fondo.

  • Que precisarías das ONGD (como por exemplo ESF que traballa proxectos de desenvolvemento rural e dereito humano á auga) para poder introducir a súa experiencia de traballo noutras realidades e contextos que podan ser interesantes para traballar a educación ambiental?

Eu creo que hai dúas vías moi interesantes. En primeiro lugar xerar proxectos compartidos, onde nós, a universidade, podamos poñer en valor os recursos que xeramos, ou o coñecemento que xeramos, ou podamos axudar a xerar coñecemento a raíz desas experiencias de axuda ao desenvolvemento ou educación para o desenvolvemento aquí mesmo, sen saír de Galicia. E despois tamén integrando ás ONG no proceso formativo. Eu nas miñas clases levo a moita xente de ONG, normalmente ambientalistas, pero tamén ligadas ao desenvolvemento, que veñen a presentar experiencias e incluso a presentarse como educadores sociais ou pedagogos que traballan nese ámbito e teñen o seu nicho profesional nese ámbito, para que o estudantado visualice que no seu horizonte profesional non só hai administracións ou empresas, senón que tamén hai outros axentes sociais que garanten unha vida digna aos profesionais que traballan aí e que o seu traballo está orientado a outro tipo de finalidades. Eu creo que é importante facer visible ao que se denomina o Terceiro Sector, que eu creo que cada vez terá que ser máis importante precisamente para canalizar recursos públicos e vertelos en proxectos de interese social e para o ben común. Eu empezo a escoitar no entorno das ONGD “é que non queremos depender dos recursos da Administración”; pero é que eses recursos son teus, son públicos. Penso que a autonomía dunha ONG non se ve condicionada por usar recursos públicos, terá que ver en que condicións os usa, e terá que facer transparente ao resto da sociedade como usa eses recursos públicos, pero, por que deixar de usar algo que é noso? Porque ademais debemos incidir en que as Administracións Públicas empreguen eses recursos para traballar polo ben común. Ademais, o financiamento privado condiciona máis que o público. Porque a arbitrariedade é parte da lóxica do capital privado. Pero a Administración Pública non pode facer iso. Sabemos que o fai con demasiada frecuencia, pero non é legal e hai que denuncialo. E téñense certos mecanismos de defensa. E hai que competir para ter o poder de empregar correctamente eses recursos; de decidir a onde van eses recursos. Porque tampouco debemos ignorar que as ONGD son actores políticos, e a Universidade tamén.

No hay comentarios: