28 jun. 2014

“O alumnado é a nosa razón de ser pero resúltanos moi difícil chegar a el”

Vicente Manzano no seu imprescindible manual A Universidade Comprometida, exhorta a que se produza a transición dunha cidadanía académica a unha cidadanía universitaria. Esta última concepción incluiría a todos os axentes internos e externos das universidades que realizan as funcións precisas para que esta institución teña sentido. Non abonda coa implicación do profesorado se non navegan no mesmo barco o persoal xestor, administrativo e de servizos, e o impresionante conxunto de estudantes desexosos de facer algo que mereza a pena. A cidadanía universitaria, polo tanto, debería ser considerada como a comunidade de persoas que constrúen a Universidade comprometida, que se senten individualmente responsables dese logro.
No traballo que se está a impulsar dende Enxeñería sen Fronteiras para construír unha Universidade máis comprometida coas situacións de inxustiza e exclusición que están a acontecer en todo o mundo, puidemos entrevistarnos coa antiga vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva, quen é tamén profesora titular do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Bioloxía da USC.

  •  ¿Que función ou funcións pensa que ten a Universidade?

As funcións da Universidade están definidas dende hai tempo. Constitúen o que se chama a “misión”universitaria: a creación de coñecemento (investigación) e a transmisión e difusión de coñecemento (docencia). Mais recentemente fálase dunha terceira misión universitaria na que se inclúe a transferencia de coñecemento e tamén a Responsabilidade Social, e aquí si que entra ese compromiso. A Responsabilidade Social nas Universidades enténdese como algo absolutamente transversal ás súas misións, e que todo o que facemos o debemos facer con esa responsabilidade, pensando ante todo que as universidades, sobre todo as públicas, somos un servizo á sociedade. Bueno, e as privadas tamén loxicamente como entidades de ensino, porque o ensino é un dereito fundamental de todas as persoas. Pero isto que son palabras eu penso que se deben poñer en práctica. Considero que a principal misión da universidade, con todo, é a docencia. Se non tivésemos docencia non seriamos Universidade, seriamos un organismo de investigación, coma o CSIC por exemplo. Pero somos Universidade porque temos estudantes. E de aí que a nosa misión esencial sexa a docencia. E neste sentido penso que a nosa obriga é formar persoas no máis amplo sentido da palabra, esa é a nosa principal tarefa. Formar persoas con capacidade crítica, de análise, e con creatividade.

  • Como se aterra na Universidade a Responsabilidade Social?

Nunha concepción máis actual sobre a Responsabilidade Social da Universidade enténdese que este principio abrangue a todas as actividades universitarias, porque a universidade é en si mesma un servizo á sociedade. Entón debe ser algo totalmente transversal, non nos debemos quedar nas actividades complementarias, da máxima importancia, pero complementarias, pois a Universidade non ten a obriga de ter un Plan de Desenvolvemento Sostible, por poñer un exemplo. Entón, a Responsabilidade Social debe ser transversal a todo o que fagamos. Nestes anos en que eu estou a ocupar a Vicerreitoría de Responsabilidade social e calidade (no momento en que se realizou esta entrevista Benita Silva era Vicerreitora), e contando con todo o equipo asesor, tratamos de que a RS se integre na estratexia global da Universidade e, no noso Plan Estratéxico, que se aprobou a finais do 2011, dise que somos unha Universidade que quere ser socialmente responsable en todas as súas funcións.

  • Nese Plan Estratéxico, como se ten pensado levar a cabo esa transversalidade?
 
Con formación ao profesorado sempre. Estámolo detectando, por exemplo, no Plan de Igualdade (o último aprobouse en decembro de 2013 despois dun proceso de análise no que participou toda a comunidade universitaria) detectamos que para implantar o plan necesitábamos dar formación sobre todo ao profesorado, empezar polo profesorado. Porque a nosa principal tarefa é a docencia, a docencia en valores. E o profesorado debe estar formado para transmitir estes valores.

  • No camiño de busca dese compromiso que debe asumir a comunidade universitaria, cales son as grandes dificultades que detectas?
 
Temos grandes dificultades. Co alumnado temos grandes dificultades para comunicarnos. O alumnado é o noso principal colectivo, a nosa razón de ser pero nos resulta moi difícil chegar. Mandamos correos electrónicos, insistimos, pero dámonos conta de que non chega. Eu intenteino de moitos xeitos: a través das asociacións estudantís, pero claro, asisten unha ducia de persoas ás reunións, e os demais non asisten. Ultimamente empezamos a colaborar con algunhas asociacións que son máis activas. Mira, encántame que desde o estudantado se tomen iniciativas e nos pidan colaboración. Empezamos a colaborar cunha asociación que se chama Meiga de estudantes de Medicina que traballan moito temas de saúde sexual e reprodutiva, e nin sabían que existía a Oficina de Igualdade de Xénero. E cando a  descubriron viron que nós podiamos colaborar con elas moitísimo: na difusión das súas actividades, na busca de poñentes e para acadar a colaboración do profesorado.

Co profesorado énos moito máis fácil e xeralmente atopamos moita colaboración porque ademais nos últimos anos que o diñeiro é escasísimo sempre que organizamos conferencias, seminarios ou cursos e pedimos a colaboración do noso profesorado, francamente, sempre nos ofrecen a súa colaboración desinteresada. Pero tamén percibimos que estes últimos anos están sendo moi duros e a xente está moi cansada e moi descontenta.

  • Nesa liña de colaboración coas Universidades, cal pensades que debería ser o noso papel como ONGD neste proceso de apoio ao compromiso social das institucións universitarias?
 
Eu penso que aquí a iniciativa debería vir máis ben de parte das ONGD e pedirnos a nós colaboración. Porque, por exemplo, este servizo o SEPIU, fai moito traballo xa e leva, por exemplo, todo o apoio ao alumnado con necesidades especiais, que a nosa Universidade tamén é exemplar neste tema. Tamén levan o de voluntariado e cooperación que che comentara antes, levan os programas formativos para o recoñecemento de créditos. Entón, traballan en moitos temas e son poucas persoas, por iso é complexo que poidan articular algunha proposta. O ideal sería que as iniciativas as construades vós para buscar esa colaboración coa Universidade. Porque a Universidade sempre está aberta, polo menos á difusión, que iso si que é algo que non custa nada, a difusión das vosas iniciativas a través da web e das redes sociais. Tamén se vos ceden locais... Entón, todo o que se poida facer, faise. En xeral a sensibilidade da Universidade a nivel institucional é grande.

  • Como docente, que precisariades para traballar os contidos sobre outros contextos e realidades diferentes á galega?
 
Aquí existe, para o persoal, os Plans de Formación, o PAS (Persoal de Administración e Servizos) ten o seu plan de formación que sempre foi máis sobre novas tecnoloxías e habilidades para desenvolver o seu traballo. Pero ultimamente tamén se introduciron temas como o de igualdade. Dende a Oficina de Igualdade de Xénero falouse co programa de formación do PAS e propúxoselles un curso sobre o tema da linguaxe inclusiva que tivo moi boa acollida. Tamén se traballou a transversalidade do xénero... É dicir, o camiño é falar cos encargados de levar a cabo o programa de formación do PAS. O PAS ten un programa de formación anual e aí se poden introducir cursos.

E o profesorado ten o que chamamos o PFID (Plan de Formación e Innovación Docente) que o leva o CETA, e cada ano ofréceselles ao profesorado moitos cursos. Nós, dende esta Vicerreitoría propuxemos varios que se incluíron no programa. Agora ben, non sei os requisitos que debe ter o profesorado para levar a cabo eses cursos.

O PFID está dirixido ao PDI (Persoal Docente e Investigador) pero tamén aos bolseiros e bolseiras que poden dar algo de docencia. As bolsas dos FPI e os FPU permítenlle na etapa de contrato unhas horas de docencia; entón abriuse unha liña específica deste programa que se chama Formación de Noveis, para o profesorado con menos experiencia.

1 comentario:

Chelo dijo...

Gracias por las entrevistas! Me han gustado mucho, sobre todo esta y la idea de incluir temas de EpD en los planes de formación del profesorado. Parece una vicerrectora comprometida, veremos qué hace la/el siguiente :)