Vicente
Manzano no seu imprescindible manual A Universidade Comprometida, exhorta
a que se produza a transición dunha cidadanía académica a unha
cidadanía universitaria. Esta última concepción incluiría a
todos os axentes internos e externos das universidades que realizan
as funcións precisas para que esta institución teña sentido. Non
abonda coa implicación do profesorado se non navegan no mesmo barco
o persoal xestor, administrativo e de servizos, e o impresionante
conxunto de estudantes desexosos de facer algo que mereza a pena. A
cidadanía universitaria, polo tanto, debería ser considerada como a
comunidade de persoas que constrúen a Universidade comprometida, que
se senten individualmente responsables dese logro.
No
traballo que se está a impulsar dende Enxeñería sen Fronteiras
para construír unha Universidade máis comprometida coas situacións
de inxustiza e exclusición que están a acontecer en todo o mundo,
puidemos entrevistarnos coa antiga vicerreitora de Responsabilidade
Social e Calidade da USC, Benita Silva, quen é tamén profesora
titular
do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de
Bioloxía da USC.
- ¿Que función ou funcións pensa que ten a Universidade?
As
funcións da Universidade están definidas dende hai tempo.
Constitúen o que se chama a “misión”universitaria: a creación
de coñecemento (investigación) e a transmisión e difusión de
coñecemento (docencia). Mais recentemente fálase dunha terceira
misión universitaria na que se inclúe a transferencia de
coñecemento e tamén a Responsabilidade Social, e aquí si que entra
ese compromiso. A Responsabilidade Social nas Universidades enténdese
como algo absolutamente transversal ás súas misións, e que todo o
que facemos o debemos facer con esa responsabilidade, pensando ante
todo que as universidades, sobre todo as públicas, somos un servizo
á sociedade. Bueno, e as privadas tamén loxicamente como entidades
de ensino, porque o ensino é un dereito fundamental de todas as
persoas. Pero isto que son palabras eu penso que se deben poñer en
práctica. Considero que a principal misión da universidade, con
todo, é a docencia. Se non tivésemos docencia non seriamos
Universidade, seriamos un organismo de investigación, coma o CSIC
por exemplo. Pero somos Universidade porque temos estudantes. E de aí
que a nosa misión esencial sexa a docencia. E neste sentido penso
que a nosa obriga é formar persoas no máis amplo sentido da
palabra, esa é a nosa principal tarefa. Formar persoas con
capacidade crítica, de análise, e con creatividade.
- Como se aterra na Universidade a Responsabilidade Social?
Nunha
concepción máis actual sobre a Responsabilidade Social da
Universidade enténdese que este principio abrangue a todas as
actividades universitarias, porque a universidade é en si mesma un
servizo á sociedade. Entón debe ser algo totalmente transversal,
non nos debemos quedar nas actividades complementarias, da máxima
importancia, pero complementarias, pois a Universidade non ten a
obriga de ter un Plan de Desenvolvemento Sostible, por poñer un
exemplo. Entón, a Responsabilidade Social debe ser transversal a
todo o que fagamos. Nestes anos en que eu estou a ocupar a
Vicerreitoría de Responsabilidade social e calidade (no
momento en que se realizou esta entrevista Benita Silva era
Vicerreitora),
e contando con todo o equipo asesor, tratamos de que a RS se integre
na estratexia global da Universidade e, no noso Plan
Estratéxico,
que se aprobou a finais do 2011, dise que somos unha Universidade que
quere ser socialmente responsable en todas as súas funcións.
- Nese Plan Estratéxico, como se ten pensado levar a cabo esa transversalidade?
Con formación ao
profesorado sempre. Estámolo detectando, por exemplo, no Plan de
Igualdade (o último aprobouse en decembro de 2013 despois dun
proceso de análise no que participou toda a comunidade
universitaria) detectamos que para implantar o plan necesitábamos
dar formación sobre todo ao profesorado, empezar polo profesorado.
Porque a nosa principal tarefa é a docencia, a docencia en valores.
E o profesorado debe estar formado para transmitir estes valores.
- No camiño de busca dese compromiso que debe asumir a comunidade universitaria, cales son as grandes dificultades que detectas?
Temos grandes
dificultades. Co alumnado temos grandes dificultades para
comunicarnos. O alumnado é o noso principal colectivo, a nosa razón
de ser pero nos resulta moi difícil chegar. Mandamos correos
electrónicos, insistimos, pero dámonos conta de que non chega. Eu
intenteino de moitos xeitos: a través das asociacións estudantís,
pero claro, asisten unha ducia de persoas ás reunións, e os demais
non asisten. Ultimamente empezamos a colaborar con algunhas
asociacións que son máis activas. Mira, encántame que desde o
estudantado se tomen iniciativas e nos pidan colaboración. Empezamos
a colaborar cunha asociación que se chama Meiga de estudantes de
Medicina que traballan moito temas de saúde sexual e reprodutiva, e
nin sabían que existía a Oficina de Igualdade de Xénero. E cando a
descubriron viron que nós podiamos colaborar con elas
moitísimo: na difusión das súas actividades, na busca de poñentes
e para acadar a colaboración do profesorado.
Co profesorado
énos moito máis fácil e xeralmente atopamos moita colaboración
porque ademais nos últimos anos que o diñeiro é escasísimo sempre
que organizamos conferencias, seminarios ou cursos e pedimos a
colaboración do noso profesorado, francamente, sempre nos ofrecen a
súa colaboración desinteresada. Pero tamén percibimos que estes
últimos anos están sendo moi duros e a xente está moi cansada e
moi descontenta.
- Nesa liña de colaboración coas Universidades, cal pensades que debería ser o noso papel como ONGD neste proceso de apoio ao compromiso social das institucións universitarias?
Eu penso que aquí
a iniciativa debería vir máis ben de parte das ONGD e pedirnos a
nós colaboración. Porque, por exemplo, este servizo o SEPIU, fai
moito traballo xa e leva, por exemplo, todo o apoio ao alumnado con
necesidades especiais, que a nosa Universidade tamén é exemplar
neste tema. Tamén levan o de voluntariado e cooperación que che
comentara antes, levan os programas formativos para o recoñecemento
de créditos. Entón, traballan en moitos temas e son poucas persoas,
por iso é complexo que poidan articular algunha proposta. O ideal
sería que as iniciativas as construades vós para buscar esa
colaboración coa Universidade. Porque a Universidade sempre está
aberta, polo menos á difusión, que iso si que é algo que non custa
nada, a difusión das vosas iniciativas a través da web e das redes
sociais. Tamén se vos ceden locais... Entón, todo o que se poida
facer, faise. En xeral a sensibilidade da Universidade a nivel
institucional é grande.
- Como docente, que precisariades para traballar os contidos sobre outros contextos e realidades diferentes á galega?
Aquí existe, para
o persoal, os Plans de Formación, o PAS (Persoal de Administración
e Servizos) ten o seu plan de formación que sempre foi máis sobre
novas tecnoloxías e habilidades para desenvolver o seu traballo.
Pero ultimamente tamén se introduciron temas como o de igualdade.
Dende a Oficina de Igualdade de Xénero falouse co programa de
formación do PAS e propúxoselles un curso sobre o tema da linguaxe
inclusiva que tivo moi boa acollida. Tamén se traballou a
transversalidade do xénero... É dicir, o camiño é falar cos
encargados de levar a cabo o programa de formación do PAS. O PAS ten
un programa de formación anual e aí se poden introducir cursos.
E o profesorado
ten o que chamamos o PFID (Plan de Formación e Innovación Docente)
que o leva o CETA, e cada ano ofréceselles ao profesorado moitos
cursos. Nós, dende esta Vicerreitoría propuxemos varios que se
incluíron no programa. Agora ben, non sei os requisitos que debe ter
o profesorado para levar a cabo eses cursos.
O PFID está
dirixido ao PDI (Persoal Docente e Investigador) pero tamén aos
bolseiros e bolseiras que poden dar algo de docencia. As bolsas dos
FPI e os FPU permítenlle na etapa de contrato unhas horas de
docencia; entón abriuse unha liña específica deste programa que se
chama Formación de Noveis, para o profesorado con menos experiencia.
1 comentario:
Gracias por las entrevistas! Me han gustado mucho, sobre todo esta y la idea de incluir temas de EpD en los planes de formación del profesorado. Parece una vicerrectora comprometida, veremos qué hace la/el siguiente :)
Publicar un comentario