3 jun. 2014

Un estudo sobre a Educación para o Desenvolvemento na Universidade. Batería de entrevistas. Primeira parte

O catedrático de Socioloxía portugués, Boaventura de Sousa Santos, iniciou a súa conferencia do 11 de outubro de 2013 na Universidade Autónoma da Cidade de México advertindo sobre a necesidade de comezar coa descolonización do pensamento desmontando un punto moi concreto que representa a epistemoloxía do chamado Norte: o establecemento dunha diferenza clara entre o intelectual e o político. Esta división constitúe, en palabras de Sousa, a matriz do pensamento hexemónico. Son dimensións distintas, por suposto, pero de ningún xeito podemos separalas coma “uns fan a política e outros a intelectualidade”.

Neste proceso de reflexión sobre o papel da Universidade pública no compromiso social que se iniciou dende ESF xa hai anos, pareceunos interesante iniciar esta serie de artigos incorporando unha reflexión que chama ao posicionamento político da intelectualidade e, polo tanto, a unha politización do espazo onde se nutre e constrúen os coñecementos teóricos: a Universidade.

Debe ser a Universidade un lugar de compromiso e de acción política? Por que? Cal é o compromiso do seu profesorado? Cal debe ser a relación entre as Universidades e as ONGD? 

A comezos deste ano 2014 iniciamos un pequeno estudo para coñecer a opinión que teñen diferentes persoas vinculadas á Universidade sobre o compromiso da institución coa transformación social e tamén sobre as posibilidades de introducir as experiencias e discursos das ONGD (a presentación nas aulas doutras realidades e contextos, o traballo das desigualdades internacionais, etc.) dun xeito máis organizado e transversal no currículo universitario. Este traballo de campo inclúese dentro do proxecto de Educación para o Desenvolvemento de ESF sobre Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano (TpDH) financiado pola Subdirección de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

Neste ciclo de entrevistas intentaremos recoller pequenos anacos das conversas que tivemos cos profesores e profesoras da Universidade para incitar á reflexión conxunta sobre un dos temas sobre o que se aposta por seguir traballando dende ESF e a súa actual Planificación Estratéxica: a transversalización da Educación para o Desenvolvemento nas Universidades públicas galegas.

Entrevista ao profesor Francisco Xosé Candia Durán

Francisco Xosé Candia Durán é profesor do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social na Facultade de Formación do Profesorado da USC (Lugo). Integrante do Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación ambiental), participa tamén de xeito activo en USC en Transición.

  • Que función ou funcións pensa vostede que ten a Universidade?
A principal función da Universidade é xerar e difundir coñecemento pero, nos tempos que corren, penso que é máis importante que ese coñecemento reverta positivamente nas persoas. Aí deben estar a docencia, a investigación, a extensión e creación cultural, e a xestión. E por suposto todo dende un sistema de valores. Concretamente, a nosa Universidade xa hai uns anos que vén ofrecendo anualmente un informe de Responsabilidade Social ao respecto, e creo que máis aló de que eses documentos se queden no meramente formal, é importante que se aposte por unha Universidade con valores ao servizo da comunidade que lle dá a súa razón de ser.

  • Como se fai implícito no teu traballo ese compromiso?
Eu distinguiría varias facetas do meu labor onde todo iso se pode poñer de manifesto. Por un lado na docencia. Nas miñas materias non hai módulos de contido en valores concretos, pero de maneira insistente hai unha serie de compromisos de carácter ético-profesional que non se lle poden escapar a unha persoa que pretenda ser especialista en Ciencias da Educación, e que reiteradamente traballo de maneira implícita dende o primeiro ata o último día de clase. Apostamos por unha educación transformadora, por unha educación democrática, por unha educación que premie o sistema público, que atenda sobre todo aos colectivos con máis necesidade, unha educación contextualizada na realidade galega desde uns presupostos pedagóxicos de alcance universal.

No apartado de investigación, eu indicaría que, o equipo de investigación ao que eu pertenzo, SEPA está neste momento elaborando un Plan Estratéxico cunha proposta de Responsabilidade Social na cal eses valores ao servizo da comunidade, que son sinal de identidade do grupo, agora van a ser de xeito formal a nosa referencia permanente.

Finalmente, no ámbito da xestión hai unha serie de responsabilidades que hai que executar de maneira fría pero, no tocante á extensión universitaria, sexa a nivel individual ou a nivel colectivo formando parte doutros entes como pode ser a propia facultade ou o Movemento de Renovación Pedagóxica ao que pertenzo, etc., organizamos diferentes actividades nas que, novamente, se poñen en valor cuestións ás que antes citei tocante ao sistema educativo: aberto, pluralista, transformador, de calidade, equitativo.

  • Que tipo de experiencias concretas se están a impulsar tanto dende as túas materias coma dende a Universidade que destacarías como interesantes nun proceso de educación transformadora?
Pois por exemplo, propostas formativas de metodoloxías didácticas innovadoras que se están levando a cabo por aquí ao redor e que apostan por unha educación equitativa que transforma á comunidade. Esta é unha liña que estamos desenvolvendo ultimamente, tamén traballamos a liña de educación para a paz. Sobre a educación ambiental podería dicir o mesmo. No seu momento, por iniciativa dunhas alumnas, puxemos en marcha unhas xornadas durante unha semana de Educación para o Desenvolvemento que resultaron, para min, moi interesantes. En fin, facemos o que en cada momento temos a posibilidade de desenvolver. Agora mesmo estamos traballando sobre a recuperación do patrimonio lúdico galego e da tradición patrimonial galego-portuguesa a través do xogo popular e da radio; e, insisto, a participación de certas alumnas é moi intensa pero infelizmente non deixa de ser un número reducido.

  • Que precisarías para incorporar na túa actividade docente contidos sobre outros contextos e realidades diferentes á galega que están a traballar actualmente as ONGD?
Tempo. Parece mentira pero neste centro no que pasamos de ter catro diplomaturas de maxisterio de tres anos a ter dúas titulacións de grado de catro anos (e tamén dous máster), en materias como das que eu me encargo, que teñen que ver coa teoría e historia da educación e a pedagoxía social, o tempo do que dispoñemos é limitado, moi limitado. Por darvos un dato, a teoría e a historia da educación o noso alumnado vea reducida a un semestre en catro anos.

Máis aló diso, eu creo que calquera docente que teña interese en incorporar contidos, do tipo que sexa, na súas materias, non creo que atope limitación nin para acudir a entidades específicas como a vosa nin para recorrer a documentos específicos, mesmo técnicos, ao efecto. Ademais, son contidos que ao alumnado o atraen enormemente, aínda que sexa dende ese punto formal. Eu neste momento non indicaría ningunha outra limitación.

Estou pensando que, se a vosa proposta de como se puidera traballar a EpD fose transversal, non incorporada en ningunha materia concreta, sería máis fácil. Podería incorporarse como un valor ou proposta de materialización pedagóxica que debemos intentar desenvolver no noso alumnado, igual que prestarlle máis atención á educación para o medio rural, por poñer outro exemplo paralelo. Dende unha perspectiva transversal se cadra podería ter máis cabida. Pero, claro, a transversalidade, que xa se ensaiara nos 90 cos temas transversais da LOGSE, cando afecta a todas as materias corre o risco de que na práctica non afecte a ningunha. Entón, pedagoxicamente está claro que a transversalidade é o desexable, pero ás veces hai que baixar á realidade da práctica e darnos conta de que non sempre actuamos coa maior das pertinencias pedagóxicas. Sería unha cuestión a sondar.

4 comentarios:

Sergio dijo...

Xenial o de publicalas. E específicamente esta pareceume moi interesante...

@pablozare dijo...

Muy interesante. Desde quepo.org hemos desarrollado esta herramienta para facilitar a profesores universitarios incluir en sus clases una mirada de EPD a partir de una selección de audiovisuales... la pagina de momento está en catalán. pronto tambien en castellano. http://epd.quepo.org esperamos que tambien os parzca interesante...

desde @quepo_org

Sergio dijo...

Una iniciativa interesante, sí señor! La tendremos muy en cuenta al ir buscando material!

Chelo dijo...

Pues sí, la opción de buscar opciones, como los audiovisuales, para presentar en diferentes materias suena muy bien, preparar material y sondear al profesorado... valdría la pena tomarse el tiempo!