7 abr 2016

Xuntanza en Lugo do 1, 2 e 3 de Abril de 2016. (Primeira para min :D)


O pasado finde foi a Xuntanza, o encontro de todas as persoas socias e das voluntarias para poñer en común as cousas que están a ocorrer e que se están a facer na asociación. Tamén para a toma de decisións, renovación de cargos, formación e como non... vertebración! Esta vez organizouse en Lugo, ca axuda da sede de Vigo!

O venres pola tarde comezamos co Taller de Economía Esfeira. Deste taller destacarei que Pepe, responsable de impartilo, conseguiu facelo formativo e moi ameno ao mesmo tempo.

Ao finalizar, saímos por Lugo xa directos a cear. O local escollido por Raquel resultou ser un acerto total. Dábase nel o clima perfecto para vertebrar. Unha comida boísima, uns donos encantadores, unha estancia acolledora e cunha guitarra que nas mans de Pepe e cas voces de todas as persoas, creou un ambiente perfecto para coñecernos e incluso interactuar co resto da xente do local.


Ao día seguinte tivemos un almorzo grupal, no que non faltou o bo rollo do día anterior e a entretida conversa seguida do taller de Xénero. Con este taller a cargo de Ali, introducímonos nesta temática tan interesante, de maneira moi interactiva e participativa, servindo tamén para fomentar o lazo entre as persoas das diferentes sedes e para deixar a porta aberta a seguir tratando o tema na Asemblea e no futuro.

Ao rematar tivemos un momento de descanso para café e petiscos, mentres falabamos un anaco antes de continuar co taller de incidencia política, dirixido por Sergio. Despois e xa cun pouco de fame, a pesares das galletas, comezou a animada comida que precedería a Asemblea de socios, a actividade principal da Xuntanza.

Na asemblea informouse do que se está a facer a nivel xeral e nas distintas sedes e tratáronse diversos temas á par que se realizaban as correspondentes votacións. Xa cara ó final votouse a renovación de cargos da Xunta Directiva, deixando a presidencia Marta e pasando a ocupala Miño. En canto á vicepresidencia, esta pasou a mans de Emma, abandonando o posto Daniel Vila (sede Vigo). Os seguintes cargos en renovarse foron a vogalía de comunicación, na que Miguel deu paso a Saúl e o cargo de secretaría na que Daniel Vila (sede Coruña) deulle o relevo a Yaiza. Os demais cargos mantéñense, xa no ecuador, con só un ano por diante para ter a súa despedida.



Miguel e Marta Sara, a petición dos presentes, leron os seus emotivos discursos de despedida da coñecida como “Xunta Divertida”, da que formaron parte os últimos dous anos. E qué dicir dese momento! Notábase que as palabras foran escollidas con tento para describir todas as emocións e vivenzas únicas durante o seu paso pola Xunta Directiva. 

(Moi recomendables! 
Enlaces adxuntos ao final).



A emoción non rematou ao finalizar os discursos. A Xunta directiva gardaba outra sorpresa en forma de sons, imaxes, frases e unha libreta pra recoller as lembranzas. E no medio de todo este cóctel de felicidade, fotos e abrazos marchamos a cear, que xa nos daba a hora. Coloquio e vertebración na cea seguido de baile e máis música na noite lucense.

Á mañá seguinte, demos un paseo por Lugo guiados por Raquel, que nin a choiva, que insistía en facer visitas puntuais, puido estragar. Despois de pasear polas murallas, e ser adiantados no camiño máis veces das que puidemos contar por unha enérxica señora luguesa, procedemos a xantar e finalmente á despedida. Con gañas de seguir traballando, cunha Xunta Directiva actualizada e coas pilas cargadas. 

Ata a próxima!




1 comentario:

sergio dijo...

Xenial resumo!!!