Por iso, vimos contando cales son esas propostas (e algunha a maiores, mesmo algúns indicadores concretos de cumprimento) dentro da coherencia de políticas nos eidos de traballo de ESF Galicia (que é onde máis puidemos aportar):
- Promover novos modelos de produción e consumo (consumo responsable e soberanía alimentaria). Esta a desenvolvimos aquí.
- Pobreza enerxética e novo modelo enerxético. Esta a desenvolvimos aquí.
- Promover acceso á tecnoloxía axeitada e igualitaria (fenda dixital, software libre e datos abertos). A desenvolvimos aquí.
- Educar para a cidadanía global, a desenvolvimos aquí.
- Garantir o Dereito Humano á auga, que é a que toca hoxe.
Garantir o Dereito Humano á auga
En aplicación do dereito humano á auga, pedimos a implementación da xestión do subministro con criterios de calidade, equidade social nas políticas tarifarias, boa gobernanza e transparencia. Para iso, resulta fundamental garantir:
- Unha dotación mínima (no contexto mundial está entre 60 e 100 litros por persoa e día) e o compromiso de non cortar o subministro en caso de que se dean casos de impagos xustificados socialmente.
- Como en calquera servizo básico, non lle chega con asegurar o acceso. É preciso promover novas formas de control social e de democracia participativa que garantan transparencia e participación cidadá efectiva e proactiva, tal e como estableceu á Convención de Aarhus, trasposta á normativa europea pola Directiva 2003/35/CE, de 26 de maio de 2003, e á normativa española pola Lei 27/2006, de 18 de xullo, reguladora dos “dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente”. Establecemento dunha batería de indicadores significativos para os distintos ámbitos da xestión (técnicos, financeiros, sociais, ambientais, patrimoniais), accesibles a través de internet, comprensibles para a cidadanía e que se cumpran sexa quen sexa o provedor de servizos (empresas públicas, mixtas ou privadas), e orientadores para a administración local.
- Compromiso de impulsar campañas de fomento da auga da billa e de consideración da auga embotellada como unha opción de consumo a través de información sobre os impactos ecolóxicos relacionados. Farase a través de iniciativas de información públicas de consumo de auga de billa e de bos hábitos no uso da auga; dun maior esforzo para garantir a calidade da auga; da utilización da auga da billa en centros públicos e, por defecto, en actos públicos da administración; e da mellora das redes de fontes públicas de auga potable.
- Reformulación da Lei de Augas de Galicia mediante un proceso público participativo. Creación dunha comisión cuxo funcionamento estará recollido na propia lei e que conte con representantes de todos os actores sociais que participen da xestión ademais de todas aquelas persoas interesadas (existe algo parecido na lei de Augas de Galicia, o "Consello para o Uso Sostible da Auga", pero non están ben definidas as súas funcións nin os grupos que o compoñen). Engadir un Título no que se recoñeza explicitamente o dereito humano á auga, e nas súas dimensións do dereito á participación dos usuarios e o acceso á información, ao estilo da Ley de Aguas de Aragón. Neste título desenvolveranse protocolos e ferramentas de participación, así como a referencia a unha guía de indicadores de xestión que serán de obrigado cumplimento para todos os Concellos da Confederación Hidrogáfica de Galicia-Costa, de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario