27 ago 2016

PROPOSTAS A PARTIDOS POLITICOS ELECCIÓNS GALEGAS: FENDA DIXITAL, SOFTWARE LIBRE E DATOS ABERTOS

O vindeiro 25 de setembro hai eleccións ao Parlamento Autonómico de Galicia. Dende á Coordinadora Galega de ONGD, da que formamos parte, e ademais colaboramos na Comisión de Incidencia Política e na Xunta Directiva, se elaboraron unhas propostas para que os partidos políticos concorrentes as incorporen nos seus respectivos programas. Aquí está a versión resumida e aquí a longa, que inclúe unha serie de propostas na liña de coherencia de políticas, ou sexa, non quedarnos só en reivindicacións relativas ao desexado 0,7% do orzamento da Xunta para cooperación ao desenvolvemento e defensa dos dereitos humanos globais, senon que se implementen medidas coherentes con esa protección dos dereitos humanos tamén co 99,3% do orzamento restante, o cal en ESF Galicia preocúpanos incluso máis.

Por iso, vimos contando cales son esas propostas (e algunha a maiores, mesmo algúns indicadores concretos de cumprimento) dentro da coherencia de políticas nos eidos de traballo de ESF Galicia (que é onde máis puidemos aportar):


  • Promover novos modelos de produción e consumo (consumo responsable e soberanía alimentaria). Esta a desenvolvimos aquí.
  • Pobreza enerxética e novo modelo enerxético. Esta a desenvolvimos aquí.
  • Garantir o Dereito Humano á auga. A desenvolvimos aquí.
  • Educar para a cidadanía global, a desenvolvimos aquí.
  • Promover acceso á tecnoloxía axeitada e igualitaria (fenda dixital, software libre e datos abertos), que é a que toca hoxe.

Promover acceso á tecnoloxía axeitada e igualitaria (fenda dixital, software libre e datos abertos)



  • No eido das tecnoloxías de información e comunicación, se considera que o software libre debe ter un papel predominante nas estruturas TIC da administración autonómica. Todo iso redundará no aforro en licenzas de programas privativos, ademais da redución da dependencia tecnolóxica e, por suposto, da potenciación do tecido local de empresas    de servizos para o desenvolvemento e mantemento das infraestruturas TIC.

Aumentada anualmente a % de software libre instalado en organismos da Xunta ou dependentes dela, facendo un estudo previo de presenza do software libre na administración autonómica na actualidade que sirva de base para elaborar un plan de migración xeral a software libre.

  • Ademais, todo software desenvolvido directamente por algún servizo dependente da Administración Autonómica, ou ben indirectamente a través dunha contrata, ten que ser de software libre e poñer o código á disposición da comunidade. Deste xeito, as ferramentas informáticas desenvolvidas para as necesidades da Administración Autonómica deben ser tamén postas a disposición da sociedade, ademais da propia información xenerada con fondos públicos. Tamén é importante que na concesión de axudas de I+D o desenvolvemento libre sexa un criterio clave de puntuación para a adxudicación da subvención. Sería unha forma de promover o desenvolvemento libre. Ademais non se permitirán patentes a partir de proxectos financiados en todo ou en parte por diñeiro público da administración autonómica (pasando a dominio público todo descubrimento realizado).

O 100% do software desenvolvido ad hoc para a Xunta de Galicia ou organismos dependentes debe ser libre, e posto a disposición da comunidade antes do final da lexislatura, así como o software desenvolto para a visualización de datos públicos. Non se admitirán patentes a partir de proxectos desenvolvidos con fondos públicos autonómicos.



Polo menos o 10% da puntuación das axudas de I+D dependen de que o proxecto a presentar sexan de desenvolvemento libre.

  • Hai que coidar especialmente os cada vez máis numerosos trámites online, algúns dos cais presentan problemas para acceder con navegadores non privativos.


O 100% dos trámites online e consultas a documentación pública da Xunta de Galicia ou organismos dependentes pódense facer con ferramentas de navegación libres antes do final da lexislatura

  • Recuperar as iniciativas de Internet sen cables municipal que asegure un mínimo acceso a Internet , así como participar nos grupos de negociación e presión coas operadoras para pechar a fenda dixital en Galicia (incluíndo iniciativas de redes alternativas). É especialmente importante a promoción da alfabetización dixital da cidadanía, no que tamén ten un papel importante a administración autonómica, a través de plans para persoas de todas as idades.

Antes do final da lexislatura, todo o territorio galego hai posibilidade de acceso a internete básica por un precio menor do 5% do salario mínimo mensual e se intensifican as campañas de alfabetización dixital.

  • Promoción do acceso aberto e a transparencia radical en datos públicos, con acceso sinxelo tamén a datos de estatísticas autonómicas (incluíndo datos en bruto que facilite a elaboración de investigacións).

Ao final da lexislatura, aumenta anualmente a cantidade de información pública accesible pola cidadanía, con criterios de 100% editabilidade (desaconsellándose polo tanto información exclusivamente en formatos non editables como .pdf).

  • Seguir facilitando o acceso ás persoas con algún tipo de discapacidade, con páxinas web que cumpran os estándares para persoas con problemas de visión, e posibilidade de acceso para persoas cegas con “lectores de pantalla” a todas as webs dependentes da Xunta de Galicia.

Aumentar a % de webs que cumplen estándares de accesibilidade cada ano da lexislatura.

  • Potenciar o portal http://transparencia.xunta.gal/portada, dándoo a coñecer á cidadanía e promovendo programas e obradoiros adaptados a todas as idades para desenvolver na sociedade e na administración autonómica unha auténtica cultura da participación cidadá e a transparencia. Non chega con facilitar as ferramentas, tamén hai que promover a cultura da participación da cidadanía sen caer no “aínda que hai canles de participación, a xente non participa”.

Antes do final da lexislatura, promovida unha campaña anual de participación nas iniciativas lexislativas onde se aumente anualmente a % de persoas participantes. Favorecer tamén programas anuais nos institutos de FP e en Bacharelato de participación nestas iniciativas.





No hay comentarios: