27 sept 2016

EXPERIENCIA DE ENXEÑERÍA SEN FRONTEIRAS GALICIA CON FOROS DE DEREITO HUMANO Á AUGA EN 4 CONCELLOS DE GALICIA


O seguinte texto é froito dun encontro de intercambio de experiencias entre ONGD en Galicia promovido dende a Coordinadora Galega de ONGD. Queríanse compartir experiencias en eidos novos, con públicos meta pouco traballados, e o ano anterior ESF fixera as súas primeiras "incursións" en foros municipais sobre un tema determinado onde ESF tivera experiencia de traballo, para levalo á palestra (un tema ademais que en Galicia non se considera prioritario, xa que falar de Galicia parece que é automáticamente falar de auga...). Dende a Coordinadora pedíronnos material para deixar ás persoas participantes no foro, e ese material é o que compartimos a continuación, unha sorte de sistematización desa experiencia.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------


1. Antecedentes

En Honduras o Dereito Humano á Auga é unha das liñas de traballo máis importantes de ESF Galicia (e a máis antigua a nivel internacional, tendo traballado anteriormente xa neste eido en El Salvador e nos campamentos saharauis de Alxeria). En Honduras, o programa e moi integral, e céntrase sobre todo no fortalecemento das capacidades locais, tanto de quen ten a obriga de proveer o dereito á auga (nomeadamente concellos ou mancomunidades), como que ten que recibilo e esixilo (persoas e familias), así como entes que participan dos dous grupos (Xuntas Administradoras de Auga e Saneamento).
En Galicia a asociación tense centrado moito máis en facer campañas dando a coñecer o concepto de Dereito á Auga e a súa importancia, así como os problemas do seu aseguramento nos países onde estabamos a traballar, tratando de visibilizar outras realidades (que en demasiadas ocasións vense como algo moi alonxado). Hai anos que temos un posicionamento, compartido co resto da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras, en Dereito Humano á Auga. Pero nos últimos dous anos, e dentro do traballo no seo da Comisión de Incidencia Política elaborando propostas para os partidos políticos, empezouse a dar máis e máis importancia a propostas relativas ao que se vén en chamar “coherencia de políticas”, facendo referencia non só ás propostas dentro do que se pode considerar políticas públicas de cooperación ao desenvolvemento e o simbólico 0,7% do PIB en orzamentos para coooperación e protección dos dereitos humanos a nivel global, senón tamén en que se fai co 99,3% restante, que pode anular totalmente o efecto dese 0,7. De tódolos xeitos a ese 0,7 nunca se chegou en España, e menos en Galicia, cun orzamento conxelado dende 2013, ano en que tocou fondo tras varios anos de descensos). Así, no 2015, con motivo das eleccións municipais, achegáronse varias propostas nesta liña de coherencia de políticas, entre as cais figuraban algunhas en relación co aseguramento do Dereito Humano á Auga dende os concellos.
Deuse a circunstancia de que nese mismo ano 2015 ESF Galicia estaba inmerso na execución dun proxecto dentro do programa mencionado de Dereito á Auga e Saneamento en Honduras, financiado polo Fondo Galego deCooperación, a entidade referente da cooperación municipalista en Galicia, con moitos concellos galegos e dúas deputacións asociadas. Neste proxecto contemplábase a realización de actividades de sensibilización en Galicia relativas a o proxecto que se financiaba.
Por outra banda, tamén hai tempo que ronda a idea dende ESF Galicia, compartida coa Coordinadora Galega de ONGD, de facer máis educación para o desenvolvemento e sensibilización no propio seo das Administracións Públicas (non só en responsables políticos, tamén no funcionariado e persoal técnico).
Por último, ESF Galicia leva anos tratando de plantexar actividades fora das grandes cidades galegas, o cal polas características da súa base social e das súas estratexias de traballo viña sendo complicado.


2. Xustificación da acción

O Dereito á Auga foi recoñecido en 2010 pola ONU, bastante tarde en comparación con outros, se ben xa levaba tempoavanzándose cara este recoñecemento. Cando se fala de dereitos, non se fala só de acceso, senón tamén doutras dimensións do mesmo, que no caso da auga son calidade, asequibilidade, dispoñibilidade, seguridade, aceptabilidade (a partir da páx.33 deste manual se pode afondar nelas). Deste xeito, aínda que sempre chama a atención o cuestionar que o Dereito á Auga esté asegurado en Galicia, é importante non esquecer o resto das dimensións, onde en demasiados casos Galicia non sae moi ben parada. O feito de detectar esta problemática e de ver o vínculo coa existente en Honduras, fixo que se decidira centrar os foros municipais previstos para realizar a actividade de sensibilización do mencionado proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación na relación desa problemática en Honduras coa de Galicia. Indubidablemente, as dimensións do Dereito á Auga non cubertas en Honduras son máis e en maior medida que en Galicia, pero é un xeito de chamar a atención nun problema global acercándoo ao local. O feito de ter espazo nun Concello, e posible acceso a persoal técnico e político, deron o enfoque definitivo aos foros, que se comenta a continuación.


3. Desenvolvemento da acción

3.1. Poboación meta

Polo comentado anteriormente, pódese deducir que á hora de contactar e difundir o evento quíxose priorizar a participación de persoal da equipa municipal (técnico e político). Especialmente persoas que teñan capacidade de xestión. Aínda así, tamén se desexaba que o evento servira para que o propio concello se empoderara e o difundira como foro aberto e participativo coa cidadanía, que podería levar incluso propostas a dito foro. Isto, como se verá, funcionou de forma moi diversa segundo o concello de que se tratara.

3.2. Contactos e comunicación do evento

A selección dos concellos participantes veu dada polo Fondo Galego de Cooperación, xa que ten persoas de contacto nos distintos concellos socios. Tratouse de axustar as preferencias xeográficas de accesibilidade da base social de ESF Galicia que ía dinamizar os foros, tanteando tamén concellos con vilas medianas, e tratando de ser plural en canto a partidos políticos gobernantes nos concellos e, simultáneamente, buscando que houbera certo interese dende o concello por que este evento se celebrara.
A comunicación e difusión da actividade tamén foi liderada polo Fondo Galego, que intermediou á hora de enviar o material de difusión a cada concello (cartaces elaborados por ESF Galicia), quedando a discreción de cada concello a posterior difusión entre o seu persoal e cidadanía. Tamén desde redes sociais se publicitou, tanto no caso do Fondo Galego como de ESF Galicia, se ben eramos conscientes que o éxito na difusión viría máis dado pola implicación de cada concello.

3.3. Preparación e dinamización dos contidos

Correu a cargo dunha equipa creada ad hoc para a actividade con persoas voluntarias dos grupos de Educación para o Desenvolvemento-Sensibilización e de Programas Interancionais en Auga e Saneamento, ambos con sede en A Coruña. Foron 4 persoas (na súa maioría estudantes de Enxeñaría Civil), que contaron co apoio do técnico de proxectos.

3.4. Como foi o evento?

A participación foi moi variada, dende estar soamente 9 persoas da base social de ESF Galicia con dúas concelleiras do goberno en funcións (A Coruña), a estar con 2 concelleiras, alcalde, oposición, persoal técnico do concello e algunha veciña (Teo), ou facer o foro con 3 concelleiros e concelleiras de diversos partidos que conformaban a equipa de goberno e bastante veciñanza (incluindo persoal docente dun centro escolar do concello que buscaba tamén elementos para integrar na súa didáctica) en Ames, a a soa presenza dun membro da oposición xunto coas dinamizadoras de ESF (en Monforte).
Na crónica dos foros nos 4 concellos recolléronse os elementos que xurdiron en cada un e unhas conclusións con elementos comúns que se detectaron nos 4. Cremos interesante subliñar que, por exemplo, en A Coruña, aos poucos días do foro se fixo unha declaración dende o concello na liña do dereito humano á auga, na cal nos gusta pensar que tivemos algo que ver.


4. Conclusións

  • Para as persoas da base social, que participaban nunha actividade novedosa para o que é o habitual da asociación, serveu como gran aprendizaxe e sobre todo para ver como a organización pode aportar liñas de debate que interesan a administracións locais en temáticas nos que ten experiencia de traballo. Tamén para darse conta de que as responsables políticas son “persoas de carne e oso”, moitas veces interesadas en aprender sobre temas que non dominan, a pouco que lles parezan de interese na súa laboura de xestión pública.
  • O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é un valiosísimo aliado neste tipo de accións, dada a ampla presenza en diversos concellos, con contactos persoais neles, e moita predisposición a apoiar a sensibilización e educación para o desenvolvemento nas administracións locais galegas. É posible, iso si, que haxa certo sesgo natural dadas as relacións persoais e de afinidade de posturas cara uns partidos máis que cara outros, o cal quizais inflúa na posibilidade de acceder a uns ou a outros.
  • A dinamización dos foros é importante facela coidadosamente apartidista, pero o dereito á auga e un tema moi político, e non hai que ter medo de visibilizar estes elementos políticos (de transparencia e boa gobernanza na xestión, que forma parte do aseguramento de calquera dereito humano que unha administración pública ten asumido).

5. Liñas derivadas

Esta experiencia serviu para impulsar definitivamente unha serie de accións e cambios organizativos en ESF Galicia:
- A creación dun grupo específico de 4 persoas para accións de incidencia política.
- O deseño dun traballo académicamente dirixido na Escola de Camiños da Universidade da Coruña tratando de propoñer un sistema de indicadores de transparencia e boa gobernanza no eido do Dereito á Auga, facendo unha primeira pilotaxe na área de A Coruña.
- A continuación destes foros (mesmo tamén noutras temáticas onde ESF conta con experiencia, como o software libre, consumo responsable, soberanía alimentaria ou novo modelo enerxético), xa se conseguiu financiación para realizar en 2016 e 2017 noutras vilas galegas, e se acaso repetir nalgunha das que se percebeu máis interese destes primeiros catro.


No hay comentarios: