O pasado xoves poidemos asistir en Vigo a unha charla sobre "Miradas ecofeministas para transitar un mundo xusto e sostible" impartida
por Yayo Herrero, directora de FUHEM e
ex-coordinadora estatal de Ecologistas en Acción, licenciada en Antropoloxía
Social e Cultural, Educadora Social e Enxeñeira Técnica Agrícola. Yayo Herrero
é un referente nacional e internacional da ecoloxía social, o feminismo e a
corrente do decrecemento.
A charla foi organizada por Impórtanos coa Vicerreitoría de
Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, dentro do obradoiro
"Achégate ao Sur" e financiada polo Concello de Vigo e a Dirección
Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (Xunta de Galicia).
A ponencia estivo adicada a análise
das problemáticas actuáis dende a perspectiva do Ecofeminismo. Aínda que a
análise non resulta doada, a capacidade comunicativa de Yayo Herrero aporta
claridade e sinxeleza a unha temática tan complexa. A súa exposición abordou as
principáis dificultades da humanidade dende distintas perspectivas, partindo
dun punto común, o recoñecemento de que vivimos nun momento histórico no que
tanto a economía, as políticas e mesmo a cultura, téñenlle declarada a guerra á
vida.
Partindo desta premisa,
achegounos a cuestións como o esgotamento enerxético, o extrativismo de
materiais ou o cambio climático. Por outra banda, mostrou as desigualdades do sistema capitalista, como un modelo que entra en dúas contradicións
fundamentais: por un lado, trátase dun sistema económico que non pon límites o
crecemento e que se sustenta mediante unha serie de recursos finitos; por outro, cunha poboación cada vez máis envellecida, o sistema non pon en valor os
coidados das persoas, tendo que ser asumidos no ámbito privado, na maioría dos casos polas mulleres. En definitiva, trátase dun sistema que non ten en conta
as ecodependencias e interdependencias que permiten a sostenibilidade da vida, por iso fai fincapé
na urxente necesidade de reaccionar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario