É esperanzador que os autores, profesores que nos deron clase a moitas persoas de ESF na Escola Politécnica de Lugo, traballen nesta liña de "defensa académica" dunha agricultura tradicionalmente invisibilizada e ninguneada, pero que aínda hoxe segue sendo o referente da produción alimentaria no mundo. Tense falado moito do concepto de soberanía alimentaria, en xeral máis aplicando a países empobrecidos (como se aquí xa non houbera nada que facer e estiveramos nun proceso irreversible de muda cara o modelo extractivo agroindustrial), por iso aínda ten máis importancia este traballo. Porque pon a óptica no que temos cerca, no que coñecemos. Porque dase valor (con datos) a un traballo minusvalorado pola propia xente que traballa nel. E non só se lle da valor como medio de vida sustentable para moitas persoas, senon polo seu aporte ao ben común (protección de ecosistemas e servizos ambientais, paisaxes culturais e mesmo reforzo dun rural vivo e dunha distribución menos desigual das rendas). Iso si, o esforzo e "traballos" que hai que pasar para vivir de forma digna dunha explotación familiar non os imos descubrir agora, tampouco nos imos pasar de utópicos e neoruralistas. Pero a luz destes datos quizais o xeito de mellorar a calidade de vida de quen se adica a isto non sexa desmantelar esta agricultura familiar e apostar pola agroindustria e polo sector servizos con traballos precarios (e que tomen nota quen deseña as políticas públicas de desenvolvemento rural e agropecuario, en Europa e en Galicia...).
Algunhas ideas que se poden extraer do libro (o ideal é botarlle unha boa ollada e ir de adiante para atrás, vendo gráficos e dixerindo a información; na biblioteca de ESF Galicia no noso local de Coruña está por se queres consultalo):
- Nas grandes explotacións industriais só traballa un 2% da man de obra e só producen un 4% das UTA. As pequenas explotacions labregas familiares acollen entre o 75% e o 90% das UTA e das persoas que traballan na agricultura.
- Tamén chaman a atención datos de eficiencia produtiva por unidade gandeira ou por unidade territorial, así como produtividade por persoa, que non reforzan para nada iso de que "canto máis grande, mellor".
- Chámase a atención sobre a posibilidade de aplicar un modelo máis extensivo, de cara á loita contra o abandono das terras (e con efectos tanto a nivel de sustentabilidade ecolóxica, pero tamén económica e social).
- Cunha superficie dunhas 1,2 ha pódese subministrar alimento variado (practicamente cubrindo todas as necesidades) de cerca de 60 persoas.
- Séguese a adicar moito diñeiro público a reorganizar a estrutura territorial mediante concentracións parcelarias para adaptala ás máquinas e aos sistemas produtivos que nos veñen impostos (e que se adaptan moito peor á xeografía e cultura galega).
Máis ideas que querades resaltar de quen o lestes?
No hay comentarios:
Publicar un comentario