9 dic 2016

II Xornadas de bioconstrución con Espiga en Vigo

Este mes de novembro rematou o intenso programa das II Xornadas de Bioconstrución desenvolvidas xunto con Espiga en Vigo. Puido deste xeito dárselle continuidade ás Xornadas que se levaron a cabo na Coruña e, desta vez, nun espazo diferente á Universidade, pero tamén moi apropiado, como foi o IES Politécnico de Vigo. Así, aínda que entre o público asistente predominaban persoas de maior idade, con formación en arquitectura ou motivación persoal cara a bioconstrución como tecnoloxía acorde cun xeito de construír e de vivir máis sustentable, tamén asistiu alumnado do propio Instituto e doutros Centros de formación profesional da rama técnica de varios puntos de Galicia.

O ciclo de conferencias comezou o día 30 de setembro con unha xornada introdutoria protagonizada por Juan Bello, do CIFP Someso, probablemente o principal embaixador en Galicia da divulgación da bioconstrución e do aproveitamento das enerxías renovables na vida cotiá, convencido da importancia de introducir estas filosofías no modelo educativo. Ademais, o público participante tivo a oportunidade de degustar diferentes manxares preparados nas súas cociñas solares.


Na segunda semana de conferencias, adicada ás tecnoloxías apropiadas, contamos coa participación de CasaBío, Bambusa e Javier Ovejero, que nos falaron da construción con madeira, a construción con bambú e a construción con terra, respectivamente. O seu gran coñecemento destes materiais contribúe a desmontar algúns mitos respecto á súa "non adecuación" aos requirimentos estruturais e resistentes da construción actual. O comportamento da madeira ante o lume, por exemplo, é moito máis progresivo ca o doutros materiais, soportando ben entre 30 e 60 minutos sen que colapse a estrutura. A silvicultura orientada á produción de madeira, ben ordenada, ademais de resultar rendible, contribúe ao mantemento dos servizos ecosistémicos do bosque; en Lugo establecéronse os primeiros experimentos con castiñeiro en Galicia. En canto ao bambú, con unha forza máxima admisible case equiparable á do mesmo aceiro, cómpre resaltar que distintos ensaios verifican o seu cumprimento do Regulamento colombiano de construción sismorresistente. E da terra, en concreto da arxila como material máis apropiado para a construción polas  súas propiedades eléctricas que contribúen á cohesión, destacouse a súa regulación da humidade, capacidade de transpiración, regulación térmica e ser, ademais, un material non alérxico. A mestura ideal sería o adobe, que está composto por un 85% de area, un 15% de arxila e fibra (en forma de esterco, palla, herba seca...)



Pechou a xornada a presentación da historia e desenvolvemento das instalacións do Centro de Formación e Educación Ambiental das Corcerizas, como exemplo vivo de que a bioconstrución e o uso de enerxías renovables, en harmonía co entorno, son conceptos posibles.


Na seguinte sesión de conferencias, baixo a temática da eficiencia enerxética, participou, en primeiro lugar, Casadobe, que nos falou do concepto de casa pasiva, aquela que consume menos de 15 kWh/m² de enerxía ao ano: un edificio de consumo enerxético case nulo é aquel no que é posible aportar a enerxía necesaria para calefacción e refrixeración simplemente a través da ventilación de confort, incidindo en tres elementos fundamentais: o illamento, as fiestras e a ventilación con recuperación de aire. Para saber máis, aquí a Guía do estándar Passivhaus. A continuación, Óscar Nogueira, de Galivoltaica e presidente de AGAEN (o Clúster Galego do Autoconsumo Enerxético), analizou na súa intervención o balance económico da subministración de enerxía eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica no hipotético caso práctico dunha vivenda na área de Vigo. Atinxido xa o momento no que o desenvolvemento desta tecnoloxía permite a súa instalación con unha inversión asumible na maior parte dos casos, a regulación española non vai precisamente na liña de fomentar o autoconsumo, pois aínda que o termo fixo de potencia na factura eléctrica se duplicou en tan só 1 ano o custo de producir enerxía eléctrica equipara ou mesmo penaliza o autoconsumo fronte a unha gran central. Finalmente, pechouse esta xornada coa conferencia de David Camiños, que nos falou das utilidades da domótica na bioconstrución.


O ciclo de conferencias pechouse o día 20 de outubro coa xornada adicada á construción saudable. Desde Bioconstruir, Xulio Fernández falounos da influencia das radiacións electromagnéticas, a falta de transpirabilidade e os materiais e aditivos químicos ou tóxicos nas enfermidades asociadas ao hábitat. De aí a importancia da xeobioloxía (análise das fallas, fluxos de auga e radiacións existentes no terreo) á hora de deseñar a configuración dunha vivenda, e da elección de materiais naturais e acordes coa nosa bioloxía; destacou como curiosidade o caso da cal, un material que xera emisións durante o proceso de cocción pero que son absorbidas posteriormente na fase de carbonatación. Pola súa parte, Cruz Iglesias, catedrática da Universidade da Coruña, ofreceu unha didáctica conferencia sobre as magníficas propiedades dos revoques de barro: excelentes reguladores das condicións de confort higrotérmico e con gran capacidade de deformación, o que resulta nun material ideal para acabados exteriores. Por outro lado, durante a presentación da súa Guía para determinar se a madeira construtiva precisa dun tratamento protector, cabe destacar a condición de pinus pinaster e castanea sativa como especies de moi alta durabilidade natural fronte aos fungos. Rematou a xornada coa divertida intervención do Pintor de Quins, un mestre do oficio que tras sufrir unha seria enfermidade respiratoria converteuse nun embaixador do uso das pinturas, vernices, disolventes e secantes procedentes de materias primas vexetais e minerais.


O ciclo de conferencias combinouse cun Obradoiro de construción dun banco de cob e con unha exposición de materiais de bioconstrución no mesmo Instituto Politécnico.

No hay comentarios: