5 dic 2016

ESF EN REDE: CONAMA 2016. INFRAESTRUTURAS VERDES



Entre o 28 e o 1 de decembro celebrouse en Madrid a  XIII edición do CONAMA, o congreso español de medioambiente de maior traxectoria no país. A programación do congreso dividiuse en 9 eixos: enerxía, eficiencia e cambio climático, mobilidade, renovación urbana, desenvolvemento rural, biodiversidade, auga, calidade ambiental, residuos e economía e sociedade1.

A través da estratexia de traballo en rede do grupo de "Desenvolvemento Rural" de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, e grazas ao apoio de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, participei na sesión de traballo “Infraestrutura verde para sociedades e territorios saudables”, dentro do eixo de Biodiversidade. Aínda que a función desta entrada é, en principio, facer un reporte sobre a experiencia vivida, en realidade o corpo pídeme facer algo máis que un resume das palestras presenciadas. Para iso, o CONAMA conta cun exército de voluntarias da Asociación de Ciencias Ambientales (ACA) que redactaron exhaustivamente as crónicas de todos os eventos do programa. Neste link podedes encontrar  a crónica da sesión de traballo mencionada antes. Como dicía, o corpo pídeme contar algo máis alá dos datos referentes á lexislación ampla que define, estrutura e lexitima a necesidade da conservación e restauración ecolóxica do patrimonio natural2, da importancia de protexer os servizos ecosistémicos3, da importancia de entender o territorio como un todo non como un conxunto de espazos naturais interconectados, da importancia de asegurar a conectividade ecolóxica para asegurar a resiliencia das especies no actual paradigma de cambio climático, da importancia da planificación, da comunicación entre as administracións, e como non, da financiamento. Por nomear algúns. O corpo pídeme contar que despois de pagar 120 € pola acreditación, voltei á periferia sen ter moi claro o que é exactamente unha infraestrutura verde. Quedoume claro que é unha ferramenta de ordenación, tamén é unha ferramenta de marketing, que é un concepto emerxente ou que hai tantas definicións como exemplos prácticos se executen… Quedoume claro que os que participaron nas diferentes palestras das xornadas (representantes das administracións e entidades públicas e algún do sector privado) estaban convencidos que as infraestruturas verdes son the best of the world. Pero eu, que ía dende O Porriño (Pontevedra), onde se localiza o polígono industrial e a explotación de granito máis grande de Galicia, pero onde tamén se localiza o ZEC Gándaras de Budiño (Rede Natura 2000) en constante degradación polo impacto da industria e infraestruturas, neste caso non as verdes, pregúntome: quen lle vai a explicar aos mortais porriñeses que infraestrutura verde é o sistema de lagoas (o pouco que queda) que mitiga as crecidas do río Louro antes de que lles chegue á cociña e non é pintar de verde a autovía….? E cando? Porque, quedará tempo?



















1 Para máis info, consultala web do congreso.
2 O ano pasado publicouse a Lei 33/2015, de 21 de setembro, pola que se modifica a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que lle dá de prazo 3 anos para que se aprobe a Estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxica. Na lei non se define a infraestrutura verde, só di para que serve. Máis info no MAPAMA
3 Para máis info, pódese consultar, por exemplo, a información da FAO


No hay comentarios: